Ética e estética

Persoas que non representan a cidadanía quixeron impoñerlles unhas decisións aos que si que foron escollidos polos picheleiros nas urnas. Falamos de facer política para a cidadanía ou facela para medrar, para ocupar un cargo, para ter un soldo.

Fonte da imaxe: PSdeG-PSOE Santiago de Compostela.

“A muller do César non só o ha de ser, hao de parecer”. Esta máxima cobra todo o seu sentido na política, onde unha mala imaxe, un mal xesto, pode rematar cunha carreira política ou coa imaxe pública que alguén trasladaba. Tamén elevala aos ceos. Estes días, os demócratas asistimos atónitos ao espectáculo dantesco que se produce na capital de Galicia, co PSOE de Santiago e a falta de escrúpulos como principal motivador. Os fíos que se moven por detrás do partido, con Aitor Bouza e Marta Álvarez Santullano como títeres, Bernardino Rama como mente pensante e Besteiro como parvo útil, terminarán, previsiblemente, coa expulsión dos chamados ‘díscolos’ do seu partido. Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez poderían recibir nos vindeiros días a formalización da súa saída, a pesar de cumprir co compromiso máis relevante que ten calquera político: o que asina coa cidadanía.

Resulta extremadamente chamativo que unha figura como a de Mercedes Rosón –que é máis PSOE que ‘la PSOE’– sufra estas consecuencias pola simple necesidade das persoas antes citadas de devorar as ruínas que quedan do outrora todopoderoso PSOE compostelán. Tamén Mila Castro, próxima ao exalcalde Sánchez Bugallo. A carencia de calquera tipo de ética por parte da dirección do partido, desconectada dos concelleiros desde que entraron como elefante en cacharrería, cun afán de protagonismo desmesurado que chegou a tentar opacar os edís, é un absurdo na política actual, na que calquera movemento corre veloz nas redes sociais. Lembremos o Pleno no que os concelleiros do PSOE, por lealdade á palabra dada á veciñanza, romperon coa disciplina de voto e como este intre, cunha Rosón coa voz a piques de quebrarse, sabedora de que a coherencia podía custarlle a carreira política, se fixo viral en toda España.

Porque si, hoxe estamos a falar de que as persoas que non representan a cidadanía quixeron impoñerlles unhas decisións aos que si que foron escollidos polos picheleiros nas urnas. Falamos da ética ou da falta dela. Falamos, en definitiva, de facer política para a cidadanía ou facela para medrar, para ocupar un cargo, para ter un soldo. Eses perfís como o de Bouza ou Santullano sobran na política. En calquera partido.

Mais, a estética xoga tamén un papel relevante en todo este esperpento valleinclaniano, xa que o tema da fractura –prezo de alugueres, vivendas de uso turístico etc.– non é precisamente pouco relevante no ideario e programa do PSOE. Indo por diante que eu non concordo coa ordenanza que aprobaron BNG-PSOE-CA –porque non fai falla estar de acordo con algo para saber que os representantes actuaron en coherencia co que dixeron–, resulta un feito que calquera cualificaría, cando menos, de torpe que a executiva de Aitor Bouza escolla as VUTs como cabalo de batalla. Evidentemente, tratábase de poñer nunha situación profundamente incómoda a persoas como Rosón, que fora concelleira de Urbanismo no anterior mandato e que deixara establecida no PXOM esa futura ordenanza. Ou comes o que prometeches e quedas debilitada e coa túa palabra danada, ou rachas a disciplina.

Quixo a casualidade –ou a causalidade, quen sabe– que Jaume Collboni, alcalde socialista de Barcelona (a principal cidade do Estado gobernada polos da rosa), anunciase a súa loita contra as VUT ese mesmo día. Quixo tamén que Reyes Maroto, voceira socialista en Madrid, esixise o mesmo alí. E quixo tamén que un tema sobre o que falaron PSdeG e Xuventudes Socialistas de Galicia uns meses antes durante a campaña das eleccións galegas, agora xa non servía. O xiro de guión nun tema tan sensible para a cidadanía non foi, evidentemente, comprendido, pois non atinxía a cuestións ideolóxicas, senón á ambición desmedida de quen dirixe o PSOE.

Chama a atención –ou non, porque a política éche como é– que esas mesmas Xuventudes que facían da vivenda un dos eixes da súa actividade política, agora permanezan mudas mentres o PSOE expulsa os compañeiros e compañeiras que defenderon a mesma postura ca elas. Porque a ética e a estética se aplica, especialmente, a quen permanece na sombra cando veñen mal dadas. Ella Wilcox escribiu que “pecar polo silencio, cando debemos protestar, fai covardes os homes”. Hoxe a covardía faise carne e leva por diante a catro concelleiros que representan a vontade da cidadanía.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad