Reformular España: propostas para un Estado federal

España debe avanzar cara a un modelo que recoñeza a súa plurinacionalidade. Neste artigo propóñense claves para construír un Estado federal.

O pasado día 25 de abril reuníanse Artur Mas e Anxo Quintana no meu Marín natal, convidados pola asociación Grupo Aberto, para dar unha palestra sobre Catalunya e a pluralidade territorial do Estado. Nunha posterior entrevista en Nós Diario (Carballa, 2025), o propio Artur Mas laiábase de que mesmo na conxuntura actual do goberno de España, sostido de facto por partidos nacionalistas, non se ten avanzado practicamente nada cara a un Estado plurinacional. Antes ben, se cadra, o que vimos é o auxe de posicións políticas que piden unha recentralización do Estado, especialmente representadas no partido político VOX.

Por isto, penso que cómpre sinalar unhas liñas que permitan orientar o debate cara á formulación de propostas serias na reforma do Estado, de xeito que camiñemos cara a ese horizonte federal que recoñeza a plurinacionalidade do mesmo. Para acadar este obxectivo, considero que hai que poñer o foco en catro eixos fundamentais: o económico, o institucional, o educativo e o simbólico.

Económico:

■ Reformar o sistema de financiamento autonómico de xeito que as Nacións poidan recadar o total dos tributos agás a contía necesaria para a correcta provisión de bens e servizos públicos por parte do Estado (Prada, 2023).
■ Crear mecanismos redistributivos entre as Nacións, de xeito que se atinxa o obxectivo de converxencia económica entre os diferentes territorios (Prada, 2024).
■ Fomentar que as empresas paguen os seus impostos nos territorios onde realicen a súa actividade económica, incentivando tamén cando sexa posíbel o traslado da sede social e os servizos centrais, para rematar coa situación descrita en Díaz (2024).
■ Incentivar a contratación de empresas radicadas no territorio para a provisión de bens e servizos públicos por parte do Estado e a realización de inversións, de xeito que se evite a situación actual de privilexio da Comunidade Autónoma de Madrid descrita en Turnes Abelenda (2021).
■ Redefinir a inversión en infraestruturas de cara a superar a actual estrutura radial de corte centralista, especialmente no caso da rede ferroviaria, cara á construción baseada en criterios de integración económica, social e cultural, como pode ser o caso do Eixo Atlántico (Prada, 2024).

Institucional:

■ Camiñar cara á descentralización política e institucional, repartindo as institucións públicas por todo o territorio ao xeito doutros Estados federais coma o alemán.
■ Garantir a participación das Nacións nas institucións estatais relevantes (Banco de España, Tribunal Supremo etc.), do mesmo xeito que acontece nos EE.UU. (Prada, 2023).
■ Crear un poder xudicial propio para cada Nación (Pérez-Lema, 2025).
■ Reformar o Senado para garantir o seu funcionamento como unha verdadeira cámara territorial, onde os problemas entre as distintas Nacións poidan ser resoltos en pé de igualdade entre as mesmas (Prada, 2024).
■ Ampliar a descentralización de competencias, baseada no principio de subsidiariedade, de xeito que as Nacións asuman todas as que poidan agás cando, por criterios obxectivos, se aconselle o contrario, como o caso da defensa ou da política macroeconómica (Prada, 2024).
■ Garantir a través da lei a imposibilidade da involución cara a unha maior centralización do Estado, isto é, blindar o exercicio das competencias polas Nacións agás cando estas pidan que o Estado o asuma (Prada, 2024).
■ Eliminar as organizacións administrativas do territorio baseadas nunha concepción centralista do Estado, como o caso das provincias, sen prexuízo de seren substituídas por outras acordes coas necesidades de cada Nación. Dito doutro xeito, manter como competencia exclusiva da Nación a organización territorial propia, ao que habería que engadir a gobernanza local (Prada, 2024 e Pérez-Lema, 2025).
■ Recoñecer na Constitución o libre exercicio do dereito de autodeterminación das Nacións do Estado a través de referendo con participación única dos cidadáns da Nación que o estea a exercer.

Educativo:

■ Reformar o sistema educativo de xeito que se estableza a lingua propia de cada Nación como lingua vehicular no ensino en todas as materias agás a de Lingua castelá, que permanecerá como única hora lectiva en castelán.
■ Fomentar que nos colexios españois se aprenda unha lingua a escolla do alumno entre éuscaro, catalán ou galego ou, no seu defecto, que se estude a historia e a sociolingüística de cada unha delas en conxunto. Isto realizarase coas mesmas obrigas e a mesma dedicación que no caso da devandita materia de lingua castelá.

Simbólico:

■ Fomentar a participación dos corpos e forzas de seguridade do Estado dos símbolos das distintas Nacións, especialmente a lingua (Prada, 2024).
■ Garantir que as Nacións poidan participar con seleccións de seu en competicións deportivas internacionais, así como competir baixo a bandeira propia en competicións deportivas individuais.
■ Eliminar todas as barreiras que impiden hoxe en día a comunicación normal en lingua distinta do castelán coa Administración central e as empresas públicas de ámbito estatal.
■ Garantir a cooperación de empresas privadas con importante relación coa Administración, como poden ser notarías ou entidades bancarias, en facilitar a comunicación e a elaboración de documentos nas outras linguas do Estado.
■ Camiñar cara á concepción do Estado como produto da unión en libre autodeterminación das diferentes Nacións que o conforman en substitución da fórmula empregada no actual artigo segundo da Constitución.
■ Garantir o uso de calquera lingua do Estado nos actos públicos, independentemente da índole ou da localización.

En conxunto, estes catro eixos –económico, institucional, educativo e simbólico– configuran un proxecto federal cohesionado, no que as Nacións dispoñen dos recursos e das estruturas que lles corresponden, ao tempo que se manteñen os lazos compartidos. O lector pode observar que a implementación destas medidas non supón en ningún caso unha ruptura, antes ben, todas sinalan un camiño para evolucionar o sistema deseñado para o Estado das Autonomías cara a unha maior descentralización política e administrativa xunto co recoñecemento explícito da plurinacionalidade do Estado.

Estas propostas, aínda que cativas tanto no seu número coma na súa elaboración, poden servir para establecer un punto de partida na formulación de reivindicacións concretas que sexan asumidas polos partidos políticos e a sociedade civil na reclamación dunha maior democratización do Estado e na mellora da convivencia pacífica e en pé de igualdade entre as distintas Nacións.

──────────────────────────────

Bibliografía
• Carballa, X. (2025, 26 de abril). Anxo Quintana e Artur Mas: “Algún día ten que acabar esa política case infantil de ir pedir a Madrid” [Entrevista]. Nós Diario. https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/anxo-quintana-artur-mas/20250426085052221196.html
• Díaz Díaz, X. (2024). Autogoberno e sistemas de financiamento: O papel da Nación galega. Edicións Laiovento.​
• Pérez-Lema, X. A. (2025, 28 de abril). Que define o Estado plurinacional? Nós Diario. https://www.nosdiario.gal/opinion/xoan-anton-perez-lema/que-define-Estado-plurinacional/20250428090746221265.html
• Prada, A. (2023, 5 de novembro). Autonomías, federalismo y autodeterminación. Sin Permiso. https://www.sinpermiso.info/textos/autonomias-federalismo-y-autodeterminacion
• Prada, A. (2024). Galicia: Un país desnortado e minguante. Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
• Turnes Abelenda, J. A. (2021). Descentralización fiscal e desenvolvemento: Os fluxos fiscais directos e indirectos entre Galiza e a Administración Xeral do Estado. Edicións Laiovento.

 

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad