Do que somos, do que fomos e do que seremos

A desconexión coas comunidades tradicionais, a destrución do sentimento de comunidade e os ritmos de vida autoimpostos rachan cunha Galicia que se atopa ante as décadas máis decisivas da súa historia.

 

Remata o verán e uns fogos de artificio estrélanse contra o ceo. A aldea está engalanada para celebrar o patrón. Practicantes e non practicantes únense ao redor do santo para conmemorar a tradición, mentres as grilandas de cores decoran o adro. É o día en que a comuñón entre os membros da tribo acada o seu máximo grao. E, hoxe en día, mentres conversamos sobre todas as vantaxes que terían as fusións municipais, eses lazos, esas conexións que nos definen como pobo, creban lenta e inexorablemente froito dunha epidemia de uniformidade e de soidade.

Chegan aires de terras lonxanas con dúas vertentes claras: individualismo atroz ou loita de clases. Ningunha das dúas operaba en Galicia, unha terra que sempre apostou polo conservadurismo, por manter os nexos e por unha visión de comunidade, de grupo. O individualismo tronza os lazos comunitarios e asociativos, desterra os contactos humanos achegados ao territorio. E o marxismo, que despreza os territorios e analiza a realidade en base a clases sociais, como se nas nosas comunidades humanas non se formasen lazos entre persoas con diferentes ingresos e procedencias, non contempla as comunidades humanas reais, o noso contacto secular.

A organización territorial máis real na actualidade nas nosas vilas, máis achegada ao sentimento de pertenza, é a parroquia, un fenómeno creado ao abeiro da implantación da igrexa católica e que vertebrou e segue a vertebrar o país, con comunidades que antepoñen a identificación entre todos os membros do espazo a unha rancia e obsoleta cuestión de clases. Porén, a desconexión coas comunidades tradicionais, a destrución do sentimento de comunidade e os ritmos de vida autoimpostos rachan cunha Galicia que se atopa ante as décadas máis decisivas da súa historia.

A falsa modernidade, que non trouxo máis que o illamento espiritual dos individuos, aniquila os ritos do pobo, as formas de nos relacionar, elementos todos eles que debemos conservar e transmitir as seguintes xeracións, pois forman parte da identidade do pobo galego. Sen eles, o país deixará de existir e pasará a se converter nun espazo xeográfico máis, carente dun espírito e identidade propios. Non se trata de sermos paxaros de mal agoiro, senón de reflexionar sobre a importancia de conservar, fomentar, difundir e transmitir aquilo que nos fai únicos. As tradicións, a lingua, os xeitos de vida, o modo de habitar o territorio etc. Sempre estamos a tempo.

Mentres as aldeas se baleiran, froito destes cambios demográficos e sociais, unha solución chega en forma de informe: a fusión voluntaria de concellos. Unha gran parte da cidadanía está de acordo con ela. Permitiría aumentar a recadación municipal, conseguir máis fondos por habitante e, polo tanto, prestar mellores servizos. Asentar mellor a poboación. Que viva nas súas parroquias de sempre.

A instalación do teletraballo, o esforzo inxente por parte da administración autonómica para implantar o internet de alta velocidade en moitos recunchos de Galicia, a necesidade de termos, como diría Virginia Woolf, un espazo de noso. A nosa casa, un pequeno terreo, o lugar no que temos soterrados os nosos mortos. Estamos nuns intres decisivos para a historia de Galicia e cómpre sumar esforzos para conseguir manter a nosa idiosincrasia. Non se nos debe esquecer que, para termos un proxecto galego cohesionado, as diferenzas entre quen habita nas diferentes partes de Galicia deben seguir reducíndose desde unha perspectiva plenamente integradora. Apostar porque todos os concellos poidan gozar dunha maior fonte de ingresos, participar máis e mellor do reparto dos tributos do Estado, mellorar a eficiencia e a racionalización da administración pública. En definitiva, mellorarmos a vida naqueles concellos máis pequenos, garantir a viabilidade das parroquias. Porque, como dixo Fraga Iribarne, “non poderá ser labor duns poucos, só será posible se os galegos adquirimos conciencia da nosa forza, se todos botámo-la cara contra adiante, e sobre todo se lle devolvemos ó noso pobo unha verdadeira ilusión”.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad