A democracia é o mellor sistema de todos porque decide a maioría. Sería perfecto… se a maioría non fose parva. E así quedamos: con esta política que semella saída dun guión de Torrente.
Imaxe que ilustra o artigo: Un operario do concello de Sevilla retira unha placa do Instituto Nacional de la Vivienda (INV) – El Diario
Dicían que estaba acabado, pero Pedro Sánchez púxose en marcha. Co coche, catro camisas e moita fe, percorreu España porta a porta para gañar unhas primarias que todos daban por perdidas fronte a Susana Díaz. Contra todo prognóstico, resucitou. O que parecía unha anécdota interna acabou por ser o prólogo dun efecto mariposa político: o fracasado que deu a volta ás enquisas, converteuse, tempo despois, en presidente do Goberno. Desde entón, Sánchez é coma o Real Madrid: sempre chega perdendo ao minuto 90 pero, dalgún xeito, remata levantando a copa. Xa instalado na Moncloa, sacou do armario os vellos amuletos do PSOE: o feminismo, o colectivo LGBTQ+ e a memoria histórica. Un trío infalible, porque todo o mundo sabe en España que se non votas ao PSOE, es, ou ben machista, ou homófobo, ou filofranquista, ou todas a vez. E o máis cachondo de todo é que funciona. Pode arder medio goberno ou haber ministros que confundan a política co guión de Torrente; que se chega Pedro Sánchez e di que é “un home namorado”, o electorado suspira e escolle sen dubidar a papeleta vermella. Ao final, neste noso país, gobernar non vai de ter razón, senón de ser guapo. A razón non da votos: da sono.
Non obstante, hai que dicir que a chapa da “memoria histórica” en pleno 2026 é un invento que da para moito mitin e pouco pan. Pedro Sánchez entrou no goberno co traslado da momia de Franco, dándolle publicidade a un mausoleo que, ata entón, só visitaban catro frikis de excursión. Pero a cuestión non era o ditador, era o distractor. Porque mentres medio país non pode pagar o alugueiro, o debate que ocupa horas de tertulia é a movida da linguaxe inclusiva. Nin sei ben de que vai, nin teño interese en descubrilo. E así todo. A corrupción do goberno? —Cousa menor coño, non ves que o importante é o último video de Vito Quiles? A inmigración descontrolada en certas zonas de Madrid e Cataluña? —Non sexamos rancios por favor, mellor falemos da ausencia española en Eurovisión.
Pero a xente, que é moi lista —listísima—, entra no xogo e todo pasa. Os cracks tragan con todo o penso mediático que lle botan ex-xornais como El País; templos da imparcialidade como RTVE, Público, ou, do outro lado, monumentos á ética xornalística como OK Diario ou Mediterráneo Digital.
E así, estudantes co pelo azul celebran os grandes avances da “memoria democrática”: que na casa do teu avó quitaran unha placa que lembraba que aquel edificio se fixera para cumprir cos preceptos de vivenda digna durante o franquismo; ou que sacaran do Val dos Caídos a momia reseca do caudillo. Pero, curiosamente, esas mesmas voces tan comprometidas coa “democracia” non montan un pifostio esixindo un referendo sobre a monarquía. Porque, imos ver: que hai máis franquista en España que o rei? Non sería iso, precisamente, memoria democrática de verdade? Aí segue a institución que Franco deixou “atada e ben atada”, como parte do legado que herdamos sen votar. Pero claro, iso xa non interesa. A placa do portal dá máis xogo para o selfie e indigna moito máis.
Falando do rei e tamén de feminismo: de ter monarquía, por que seguimos co rei e non coa súa irmá, que sería a herdeira lexítima? A igualdade está moi ben, si, pero parece que non aplica ás tradicións que Franco deixou tan ben amarradiñas. É de coña.
E logo está o tema internacional. España é referencia mundial da rebeldía de sofá. Pero chega o Sáhara —que foi español ata antonte, e onde aínda hai saharauis con DNI— e pumba: xiro olímpico e aperta fraternal ao rei de Marrocos. Que casualidade tan pouco casual. A democracia é cojonuda: decide a maioría. Un sistema perfecto… se non fose porque a maioría é idiota. Ala, todos a comer o menú do día ideolóxico, engulíndoo sen preguntar nin polos ingredientes, que logo hai que presumir de conciencia e progresismo.
Un consello, por se aínda serve de algo: o acto máis revolucionario que nos queda é tan sinxelo como pensar pola nosa conta.





