O soño das comarcas e as parroquias

Un de Ribadeo é de Lugo ou da Mariña? En Galicia hai comarcas con identidade real e outras que non existen máis ca nos mapas. Fronte as catro provincias inventadas, as comarcas poderían representar unha administración máis próxima a realidade social do país.

Imaxe que ilustra o artigo: Mapa comarcal de Galicia de NÓS-UP (2003)

 

Teño que dicir que me doe ter que escribir este artigo. Escríboo con mágoa porque hai persoas que estimo e respecto moito e votarán, cando corresponda, a favor do que hoxe é o Anteproxecto de lei da Administración Local de Galicia. Sei que eles me entenderán cando lean isto. Coa boca pequena direi que, no fondo, comprendo os motivos que levan a que a Xunta artelle esta proposta lexislativa.

Durante un par de anos, participei en política activa. Recordo o día no que fun nomeado vicesecretario de Medio Rural e Demografía das Novas Xeracións do PP de Galicia. Teño que recoñecer que foi un día feliz e que ese momento iniciou unha das etapas máis ricas en experiencias do que foi, até o de agora, a miña vida. E o nome do cargo… non vos parece chocante? A min chocoume, pero é lóxico. Xa asociamos o rural con demografía, co reto demográfico, isto é, coa despoboación. O que goberna no rural é un encargado de xestionar a decadencia humana? Os feitos falan por si mesmos. Os que temos aldea, os que non vivimos en cidades, sabemos que moitas poboacións rurais están quedando baleiras e teñen un envellecemento tal que a xente nova escapa, si.

Disque son un idealista, disque vexo xigantes onde hai muíños. Este idealismo nutriuse, sen dúbida, de ler libros vellos sobre Galicia: La tradición gallega, de Elías de Tejada; El regionalismo, de Alfredo Brañas; Teoría do nacionalismo galego, de Risco; ou mesmo Loureses: antropoloxía dunha parroquia galega, de Manuel Mandianes. Seica foron para min como os libros de cabalaría, textos que me fixeron soñar unha Galicia mítica. Nesa Galicia que soñei, a parroquia era o centro da vida social, o cura exercía como nexo entre as persoas e mediaba entre o pobo, o cacique (un personaxe arquetípico) e as autoridades civís, que non tiñan influencia na xente. Nesa Galicia, os centros de relación eran as feiras e non se saía máis alá. Nese país imaxinario todos falaban galego e eran fillos e netos de galegos. Cousas parecidas me contaban as persoas maiores das que comecei a recompilar historias, así que non era cousa só de libros.

Pode ser que viñese de aí a miña fascinación por Fraga. A administración única, o galeguismo non revolucionario, as parroquias recoñecidas como entidades tradicionais (con alcaldes pedáneos), o mapa das comarcas e a promesa do seu desenvolvemento ao xeito de Cataluña, o soño dunha Galicia sen cadeas que poida ditar o seu propio destino, mais sempre sen berrar, como facemos os galegos. Para min, toda a teoría, que tiña clara, estaba encarnada en don Manuel Fraga. E eu pensaba que el non fixera máis do que fixo porque había un sector reaccionario que non lle deixaba gobernar.

Hoxe, na Igrexa, as parroquias están deixando paso a novas realidades pastorais; a idea é que, ás veces, é preciso que haxa menos comunidades para que haxa verdadeiras comunidades. A cuestión é que as parroquias xa non son asumibles do mesmo xeito do que o foron: cumprirían en Galicia tres mil cincocentos curas para que houbese un por parroquia, e non só iso, unha parroquia é unha comunidade de persoas (tradicionalmente de cristiáns) que moran nun territorio e desenvolven nel o seu proxecto de vida. Se nese lugar non hai relacións e dinamismo, dificilmente pode haber comunidades. A propia Igrexa comeza a reparar en que o concepto de parroquia xa non se corresponde, do mesmo xeito que antes, coa comunidade. Partimos da base de que a parroquia é, en orixe, un concepto eclesiástico e que foi trasladado ao ámbito civil. O creador da palabra, a Igrexa, xa comprende que o concepto tradicional está en crise; non é só cousa de Fraga, de Feijóo ou de Rueda.

Creo que un punto a favor neste anteproxecto de lei é a ratificación que se fai das entidades locais menores. Velaquí unha proposta para mellorar o texto: que poidan establecerse novas entidades dese tipo en parroquias que sexan comunidades vivas. Habería que establecer unhas condicións para formalas, mais penso que sería positivo e que permitiría dinamizar o rural, e tamén os barrios das cidades, e fomentar a participación política aló onde aínda é posible. Iso con respecto á parroquia, totalmente ausente no Anteproxecto de lei da Administración Local de Galicia, do mesmo xeito que o protagonista do debate: as comarcas.

Cando cheguei a Santiago a estudar, no 2019, e me preguntaban de onde era, eu dicía, orgulloso, que de Ribadeo. Quizais amosaba eu tanto orgullo que, se alguén non sabía onde estaba Ribadeo, nin se atrevía a preguntar. Se me preguntasen, diría que está na Mariña e fai fronteira con Asturias (coa Asturias de fala galega, abofé). Non se me pasa pola cabeza dicir que son dunha vila de Lugo. Os que somos mariñáns temos isto moi claro. Non creo que os de Xove, os de Cervo ou os de Barreiros digan que son de Lugo: dirán que son da Mariña. Quizais os da Mariña dicimos iso porque temos a conciencia histórica de ser da antiga provincia de Mondoñedo… Pola contra, non pasaba así cos meus amigos de Ourense: podían ser dunha aldea a unha hora e media da capital da provincia, que eles dicían que eran de Ourense; había que tirarlles da lingua para que che concretasen un pouco máis. Aínda así, non che ían dicir o nome da comarca; en todo caso, diríanche o nome do lugar coñecido máis próximo. Isto quere dicir que hai comarcas con identidade e sen identidade, e o mesmo acontece coas provincias.

O feito é que as comarcas, cando lles tocaba, non se desenvolveron. As comarcas estaban chamadas, como en Cataluña, a asumir moitas das funcións que hoxe desenvolven as provincias. Era unha administración máis próxima ao cidadán, máis descentralizada, menos dada a que os partidos impoñan os seus criterios e unha maneira de asegurar a rendición de contas. O éxito da descentralización política é a chave do libro de Miguel Anxo Bastos, O pequeno é possível: para el, tanto menos lesiva será a presenza do Estado canto máis achegado estea o gobernante do gobernado. As súas teses poderían empregarse para argumentar a favor das comarcas de maneira empírica. Fraga, quizais por idealista, coma min, coma seguramente Bastos, e coma tantos outros, cría nas comarcas. Ou, polo menos, cría máis nas comarcas —por moi imperfectas que sexan— que nas provincias.

As provincias actuais son un invento do século XIX que, para moitos de nós, non significan gran cousa. Aos da Mariña, aos que o centralismo madrileño nos roubou a nosa provincia de Mondoñedo, tócanos padecer unha Deputación afastada de nós e tomada por uns deputados que tamén son alcaldes e só queren cartos para o seu concello e para pagar favores e lealdades ou para alimentar tácticas políticas que os perpetúan no poder, como un sistema de partidos xudiciais que non ten pés nin cabeza e condiciona en que lugares se inviste. Ou iso vexo eu na Deputación de Lugo, onde, se non fose polo Plan Único (agora Plan Deputación), que aprobaron con moitísimo acerto Elena Candia e Darío Campos —dous mariñáns, abofé— no seu momento, non chegaría un só euro aos concellos que non gobernan os partidos do goberno (PSOE e BNG). E nin iso, dada a fractura que hai nos partidos e as guerras de poder internas, como se ve no PSOE provincial.

Eu penso que Fraga non desenvolveu máis as comarcas por prudencia, para que non se rebelasen os líderes provinciais do partido e manter a pax gallaica. Desenvolver a comarcalización implica desarmar as estruturas provinciais que serven de acubillo a estes líderes que os cidadáns non escolleron. Eses líderes son os que marcan os pasos nas eleccións municipais, son os que poñen e quitan candidatos. Tamén son os que escollen colexialmente, en tempos de sede vacante autonómica, quen vai suceder o líder en Galicia. Mais, sobre todo, son os que coordinan e amansan (intelligenti pauca) o famoso poder territorial. Esa capilaridade que tivo —e ten— o PP é un fetiche para os mandos do BNG, que devecen por ese mosaico de persoas que artellan, aínda que sexa de maneira pasiva, o PP de Galicia.

Talvez o problema das parroquias se poida aínda emendar abrindo a porta á creación de novas entidades locais menores. E eu penso que o das comarcas tamén pode ter solución se os concellos se toman en serio a cooperación. Este anteproxecto de lei promove que os concellos contraten servizos mancomunadamente, mesmo que haxa concellos que estean en varias alianzas deste tipo. Mais estas estruturas, se se quere que teñan algunha función para alén do gasto político, teñen que estar financiadas e ter competencias delegadas. Quizais as deputacións e a Xunta deberían descargar aquí competencias e mesmo ceder a recadación e xestión dalgún imposto a estas estruturas supramunicipais. Se se fai así, poderían ser unha sorte de comarcas dinámicas, pero ten que haber moita vontade política para o acordo.

En definitiva, a terminoloxía deste anteproxecto de lei paréceme rompedora coa normativa anterior, tamén proposta e votada polo PP, mais a do presidente Fraga. As comarcas e as parroquias só existen nos soños dos idealistas, nunca existiron como entidades políticas, aínda que Fraga e os seus redactaron en artigos legais o seu soño –temos dereito a soñar–. Hoxe todo segue igual, nada vai mudar na vida de Galicia, a diferenza é que reparamos en que, como cantaba Xocaloma, iso das parroquias e comarcas “soio foi un soño”.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad