A documentación histórica, a toponimia do descubrimento de América, galeguismos na escrita e Pedro Álvarez de Soutomaior. Cristovo Colón era galego.
Celso García de la Riega, coa súa obra Colón español, foi primeiro en falar da orixe galega de Colón. Esta sorprendente teoría, que pouco a pouco desenvolverei, foi apoiada por numerosos persoeiros tan importantes coma Eduardo Pondal, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Emilia Pardo Bazán ou Ramón María del Valle Inclán.
Se ben é unha amplísima teoría, con millóns de datos concretos e que daría para miles e miles de páxinas, vou tentar resumila nos 4 puntos máis relevantes: a documentación histórica do apelido Colón, a toponimia empregada no descubrimento de América, a lingua que utilizaba nos seus manuscritos Cristovo Colón e, por último, a sorprendente relación de Cristovo Colón co nobre galego Pedro Álvarez de Soutomaior.
Falemos, en primeira instancia, da DOCUMENTACIÓN HISTÓRICA.
O apelido “Colón” leva rexistrado en Pontevedra dende comezos do século XV. Nunha colección de documentos dos séculos XV e XVI feita por Celso García de la Riega, os coñecidos como “documentos pontevedreses”, descubríronse nomes bastante “chamativos” para o autor pontevedrés: Juan de Colón “Mareante”, Constanza de Colón, Cristovo de Colón, Bartolomé de Colón, Blanca de Colón, Domingo Colón o Mozo, Domingo Colón o Vello…
Ademais, fronte á suposta casa natal de Cristovo Colón no lugar de Portosanto (San Salvador de Poio), hoxe a Casa Museo de Cristovo Colón, hai unha cruz de pedra que contén a seguinte inscripción: “Juan de Colón RO 1490”.
Claro está que había uns cantos “Colón” por Poio e Pontevedra na época do almirante. Agora ben, algo inaudito descubriuse co paso dos anos: a comarca de Pontevedra é o único lugar do MUNDO onde aparece rexistrado o apelido COLÓN. E Cristovo Colón, nos seus escritos, nunca se chamou a si mesmo Colombus, Colombo, nin nada cuarto semellante… sempre se chamou a si mesmo COLÓN.
Por que ten un mariñeiro xenovés un apelido que só se da en Pontevedra e arredores?
Asemade, existen certos documentos do ano 1489 que determinan que a carabela principal do almirante, a Santa María, era tamén coñecida como “LA GALLEGA”, que dita embarcación era propiedade de Juan de la Cosa, un importante nobre que residía por aquel entón en Pontevedra e, por último, que a nave se construíu nos estaleiros da Moureira, en Pontevedra, o barrio mariñeiro máis grande e importante de toda Europa.
Só con isto, a teoría do Colón galego xa ten máis evidencia empírica cá teoría xenovesa. Pero, son os documentos a única proba da galeguidade do almirante? En absoluto.
Toca falar da TOPONIMIA DO DESCUBRIMENTO.
Como todo conquistador e descubridor, Cristovo Colón foi poñendo nomes a todas as illas, mares, ríos e accidentes xeográficos que ía descubrindo conforme avanzaba polo Mar do Caribe.
Que ten isto de especial? Pois que os nomes que Cristovo Colón lles puxo aos lugares que foi descubrindo coinciden con centos de topónimos das costas galegas, especialmente das Rías Baixas e, máis concretamente, da ría de Pontevedra.
Sabedes cales foron os dous primeiros nomes que empregou Colón cando chega a América? Cristovo Colón toca terra por primeira vez na actual Illa de Wattlin (Bahamas). Que nome lle pon á dita illa? “ILLA DE SAN SALVADOR” (coma o seu lugar de nacemento, San Salvador de Poio). E como chama á segunda illa que descubre, despois de San Salvador? “SANTA MARÍA DE LA CONCEPCIÓN” (nada máis e nada menos que a copatroa de Poio).
Ademais destes dous topónimos tan significativos, Celso García de la Riega atopou, canda outros investigadores posteriores, que Colón foi nomeando os lugares que ía descubrindo con topónimos das Rías Baixas: Illa da Nosa Señora de Gracia (actual Illa de Tambo), Punta de Praceres, Pena Rubia, A Granxa, Punta Aguda, Punta da Moa, Punta Faxilda, o Burgo, Punta Galera, Portosanto… En tan só 5 millas náuticas, temos ata 36 topónimos da ría de Pontevedra que se empregaron para bautizar lugares do Novo Mundo. E se os sumamos co resto de lugares de Galicia, chegamos a un total de 150 coincidencias toponímicas.
Pero imos ver, que lóxica ten que un italiano de Xénova empregase ata 150 nomes galegos para bautizar as terras que está a descubrir? Estache ben a cousa.
Finalmente, como curiosidade, cando Colón descubre Xamaica bautiza o río máis caudaloso da illa como “RÍO MIÑO”, nome que se mantén vivo a día de hoxe.
DOCUMENTACIÓN, TOPONIMIA… Non é dabondo, falemos tamén de LINGUA GALEGA!
Colón endexamais empregou na súa escrita o italiano ou o dialecto xenovés. Consérvanse uns 100 escritos orixinais de Cristovo Colón: cadernos de bitácora, diarios de navegación, cartas náuticas… Todos eles escritos nun case perfecto castelán.
Por que digo “case perfecto”? Pois porque resulta que todos os manuscritos do descubridor están plagados de GALEGUISMOS.
Colón empregaba na súa escrita palabras tan galegas coma “FALAR” “BOY”, “FAME”, “SEDE”, “CORDA”, “FORÇA” “CONS” (pedras que sobresaen do mar, termo unicamente empregado nas Rías Baixas”)… e centos de palabras máis que nada tiñan que ver co castelán da época.
Como é posible que un navegante italiano de Xénova escribise nun case perfecto castelán rebosante de palabras en galego? Como se come iso?
CRISTOVO COLÓN e PEDRO MADRUGA, A MESMA PERSOA?
Alfonso Phillipot investigou e defendeu a galeguidade de Colón durante case 30 anos, reducindo toda a súa inmensa procura na obra A indentidade de Cristovo Colón. Nesta obra defendeu, aportando infindas evidencias, que Cristovo Colón e Pedro Madruga (aka Pedro Álvarez de Soutomaior) eran A MESMA PERSOA.
A historia cóntanos que Pedro Madruga era o fillo ilexítimo de Fernán Eanes (Casa dos Soutomaior) e Constanza de Colón (natural de Portosanto, en San Salvador de Poio). O propio Fernán Eanes cita no seu testamento como coñeceu a nai do seu fillo bravo, Pedro Madruga, en San Salvador de Poio.
Os Soutomaior eran posiblemente a familia máis importante da Galicia da época, cuxos dominios se estendían á práctica totalidade da actual provincia de Pontevedra. Non obstante, os Soutomaior, coma toda a nobreza galega, apoiaron na Guerra de Sucesión Castelá a Xoana a Beltranexa, mentres que a nobreza castelá apoiou a Sabela a Católica.
Pedro Madruga, coma toda a súa familia, participa activamente na loita contra Sabela a Católica. Perden. E é por iso se refuxia na corte de Alfonso V de Portugal, o marido de Xoana a Beltranexa. Isto é o que explica que Colón vivise (exiliado) durante case 9 anos en Portugal.
Pero vaiamos por partes. Como conseguiu un descoñecido navegante italiano a confianza dos Reis Católicos para unha das apostas máis arriscadas da época?
De acordo con Phillipot, parte da nobreza castelá, case tan poderosa como os propios Reis Católicos, foi a que avalou pasados os anos que un membro da familia Soutomaior, que seguía a ser unha das máis poderosas e influintes do reino castelán, levase a cabo esa incursión ás Indias.
Porén, toda a familia Soutomaior seguía cargando co “sambenito” da pasada traizón. Pedro Álvarez de Soutomaior non podía ser o encargado da expedición. Que pensarían o resto de familias nobres do Reino se os Reis Católicos permitisen que un traidor á Coroa leve a cabo tan magna encomenda?
Por iso, Pedro Madruga non tivo máis remedio que empregar outro nome: Cristovo, posiblemente dun familiar achegado por parte de nai, e outro apelido, Colón, o seu apelido materno.
A SINATURA DE COLÓN.
A priori, a teoría de Phillipot é moi ampla, extensa, densa e complexa, polo que non compracía a todo o mundo.
Con todo, cando este mesmo autor consegue descifrar a sinatura de Colón, un dos grandes enigmas da historia nunca antes resolto, saca á luz unha información plenamente coincidente coa tese de que Pedro Álvarez de Soutomaior e Cristovo Colón eran A MESMA PERSOA.
A continuación, móstrase a sinatura que aparece nos manuscritos do almirante:
.S.
.S. A .S.
X M Y
Xpo FERENS
Segundo Phillipot, a sinatura de Cristovo Colón, que aparece na práctica totalidade dos seus manuscritos, forma unha árbore xenealóxica da súa familia paterna: nada máis e nada menos que a Casa dos Soutomaior. Lendo a sinatura de abaixo a arriba:
- X, .S. : Xuárez Soutomaior, os bisavós de Pedro Madruga.
- M, A, .S. : Méndez Álvarez de Soutomaior, os avós de Pedro Madruga.
- Y, .S. : Yáñez Soutomaior, os apelidos do pai de Pedro Madruga, Fernán Yáñez (Eanes) de Soutomaior.
- X: abreviatura de Cristóbal.
- po: abreviatura de Pedro.
- FERENS: abreviatura dos apelidos paternos: Fernán Eanes.
Resulta que a sinatura do almirante italiano, nado en Xénova no século XV, coincide plenamente coas iniciais da dinastía paterna do nobre galego Pedro Álvarez de Soutomaior.
NON HAI MÁIS PREGUNTAS, SEÑORÍA.
Para concluír a eterna incógnita da orixe de Colón, a Universidade de Granada levou a cabo unha investigación durante case 20 anos na que tomou mostras de ADN de membros da Casa dos Soutomaior para comparalos cos restos óseos de Cristovo Colón. Até o momento levouse a investigación en absoluto segredo.
Non obstante, TVE acaba de afirmar hai poucos días que xa hai un resultado final da investigación, un resultado que cataloga como CONCLUÍNTE. Desvelará a orixe de Cristovo Colón mediante un filme-documental que se estrará, segundo afirman os medios, no mes de novembro.
Quedan, pois, unhas poucas semanas para que TVE confirme o que moitos levamos anos sabendo e defendendo:
que Cristovo Colón, un dos máis grandes persoeiros da historia mundial, o Almirante da Mar Océana, o Descubridor do Novo Mundo, non era xenovés… era de Poio.
E se non é, estamos ante unha inexplicable coincidencia, non credes?