Esta é a historia de Xoán de Nóvoa, o neno de Maceda que, fuxindo da revolta irmandiña, ascendeu ao olimpo náutico portugués como João da Nova. Un vieiro que nace en Galicia e remata nunha illa solitaria no corazón do océano: Agalega.
O país cedo será asoballado por reis estranxeiros e o despotismo dos señores de forca e coitelo, alleos ao inminente sometemento das súas terras, enche de carraxe ao pobo que morre de fame. Os derradeiros folgos da fachenda galaica son empregados para alumear o lar de valentía unha vez máis. Xorde así a primeira revolución popular contra os privilexios de clase na Europa medieval. Os irmandiños, armados con angazos e fouciños, reducen a cascallos dous centenares de castelos. Maceda convértese en terra liberada. Os señores foxen. Algúns para Castela, ao amparo da familia Pimentel, outros para Pontevedra, onde cedo as picas cravarán as súas testas, e o máis pequeno da familia, Xoán, é enviado a Portugal. Ninguén pode imaxinar que ese rapaz, expulsado polo seu pobo e pagador dos pecados dos seus pais, se converterá nun dos maiores navegantes da historia. O dono do mar portugués xunto con Vasco da Gama.
O galego Xoán de Nóvoa convértese en Lisboa en João da Nova, pero nunca esquecerá a súa patria. Catro anos despois da chegada a América do pontevedrés Cristovo Colón, é nomeado alcalde de Lisboa. Cedo lidera a primeira expedición. É o elixido no 1501, só catro anos despois de que Vasco chegara á India dobrando o cabo de Boa Esperanza, para repetir a fazaña. Un ano antes os bandeirantes internáranse nunha xigantesca terra á que chamaran Brasil polo vermello das súas árbores, que semellaban as brasas dunha lareira. El navegará por eses mesmos mares, tendo o privilexio de ollar, pisar e bautizar, anacos do mundo que permaneceran agochados por séculos.
Colla un mapamundi, querido lector, e mire o océano Índico. Inmenso, franqueado pola costa oriental de África, o subcontinente Indio e a beira occidental de Australia. Afine a vista e diríxase ao punto máis ao norte de Madagascar. Agora, pouco a pouco, vire a súa singradura cara ao nordés. Aí está! Unha candea acesa nas profundidades do mundo, unha galega nas antípodas! O recoñecemento a un pobo emigrante que non deixou terra sen pisar.
Logo de guiar a Portugal ata a illa de Taprobana, á cal cantou Camões en Os Lusíadas, e de descubrir a illa de Santa Helena e a illa de Trindade. Tras case morrer e ser rescatado por Tristão da Cunha nunha terra que hoxe leva o seu nome. Despois de moribundo fundar coas súas mans as bases de Ormuz e Omán para gloria de Portugal. De ser lenda viva de salitre, vento e rocha. Moi logo de todo iso, lembrouse do seu eido que hoxe non se lembra del. Do que xa non queda nada… Ou si? Unhas ruínas dun vello castelo en Ourense e un biscato de patria flotando impasíbel a miles de quilómetros de distancia, para lembranza eterna de que aquilo non era portugués. De que aquilo era galego.