Todo no que creo pendura dun fío. Cando todo o que vives, sintes e defendes carece de senso real, nin a relixión te pode salvar.

 

Unha relixión é un sistema de crenzas ao redor dunha idea de divindade. É un conxunto de costumes, prácticas e símbolos de carácter sacro que pretende ligar o humano co espiritual. É un sistema de valores que, a través de mitos, lendas, relatos simbólicos e históricos, rituais e simboloxías conxuntas, facilita a cohesión dun grupo ao redor dun proxecto común. Tamén crea satisfaccións individuais a través da fe, dándolle as costas ao sufrimento en favor dunha potencial ledicia. A relixión pretende en todo caso explicar quen somos e que procuramos para nós e os nosos descendentes. Amosa o concepto dun grupo concreto, ofrecendo unha visión e interpretación do mundo particular por entre os seus seguidores e defendendo un proxecto propio e común de futuro como finalidade derradeira. Unha relixión precisa tamén dun líder que esperte simpatía. Unha figura carismática capaz de guiar ao grupo polo camiño recto até o obxectivo final.

O nacionalismo é un sistema de crenzas ao redor da idea de Nación. É un conxunto de costumes, prácticas e símbolos de carácter nacional que pretende ligar o pobo coa idea de Nación. É un sistema de valores que, a través de mitos, lendas, relatos simbólicos e históricos, rituais e simboloxías conxuntas, facilita a cohesión do pobo ao redor dun proxecto común. Tamén crea satisfaccións individuais a través do amor á Patria, dándolle as costas ao Estado que che oprime en favor dunha potencial á par que leda independencia. O nacionalismo pretende en todo caso explicar quen somos e que procuramos para nós e os nosos descendentes. Amosa o concepto dun pobo concreto, ofrecendo unha visión e interpretación do mundo no que vivimos por entre os seus seguidores e defendendo un proxecto propio e común de futuro como finalidade derradeira. O nacionalismo precisa tamén dun líder que esperte simpatía. Unha figura carismática capaz de guiar ao pobo polo camiño recto até o obxectivo final.

Os nacionalismos son relixións. É unha cuestión de crer ou non crer. É unha cuestión de fe. A nación é unha idea cimentada sobre uns pragmatismos froitos do azar máis azaroso. Galiza é, pois, unha idea. E para moitos de nós, tamén unha divindade. A divindade dunha relixión monoteísta na que veneramos diariamente a forma máis empírica que a constitúe en forma de lingua, cultura, historia, tradición e idiosincrasia.

Pero, que senso ten enfocar as nosas forzas vitais na consecución final dunha simple idea?

Por que deixamos de crer en Xesús Cristo, que na súa mensaxe avoga polo amor, a concordia, o respecto, a convivencia e o perdón, pero pasamos a aceptar incuestionablemente a idea individualista e egoísta implícita nos valores da Patria?

Por que esta acérrima defensa dun mero sistema de valores e dun proxecto futuro común?

Que valor real ten o ter un xeito diferente de percibir o mundo?

Cal é realmente a nosa intención cando pretendemos sacralizar a Terra?

Meu Deus, pero por que carallo amaremos o País?

Agora todo é confuso e escuro. Non hai respostas e a miña cabeza non da para ren máis. Non sei como, mais agardo tirar luz sobre toda esta escuridade na que sen procuralo me atopo.

Saúdos e saudades.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad