Confín dos verdes watios

Se algo debe definir á esquerda é a concienciación ca realidade socioeconómica común e a súa vontade por mellorala alén, incluso, dos territorios, nazóns e fronteiras que a delimitan. Porén, cabería esperar que os enfrontamentos sobre impostos e tarifas foran unánimes contra as empresas e estados que privatizan bens básicos como a eletricidade, non entre poboacións que adoecen as súas consecuencias.

 

Imaxe da cabeceira: parque eólico, autoría de Ángel Manso

Sempre fun dado a depurar até o detalle as miñas opinións políticas, pois non soporto saber que parte do meu ideario se cimenta sobre incoherencias. En consecuencia, tamén son máis crítico cos movementos e partidos que defendo que con aqueles ós que me opoño, toda vez que sempre detestarei o sectarismo de quen calan e asenten a todo o que lles chega dende o seu bando. Penso que é a forma axeitada de
sanear aquelo no que un cre.

Non sabería dicir canto tempo con exactitude, pero hai xa moito que levamos escoitando un dos míticos cánticos no marco do nacionalismo galego e, de cada vez, caio máis na conta do desnortado que se atopa. A estas alturas xa todos temos sabido que, en termos enerxéticos, Galiza produce para Madrid, o gran sumidoiro de megavatios, sen que as nosas xentes perciban a cambio máis que a horrenda vista dos parques eólicos nos montes ou as vilas asolagadas e paraxes naturais socavadas polos encoros. Se a isto engadimos un prezo cada vez máis desorbitado das facturas a pagar, non é de estrañar que o malestar se abra paso entre a opinión pública.

Mais ante esta situación, o conxunto nacionalista fixo gala dunha falta de sentido de esquerdas, que a miúdo nos lastra, e rematou por defender o esperpento da tarifa eléctrica galega, un abandono da perspectiva global en favor da visión nacional máis estridente. Un auténtico fracaso á hora de encauzar politicamente o máis que lexítimo enfado popular pola cuestión da xeración de potencia.

A postura que sosteñen os partidarios desta tese é que, baixo a nosa condición de exportadores, habemos de gozar (concretamente, as empresas) dun prezo privilexiado e de rebaixas impositivas fronte ó resto do Estado. Algo lóxico, quizais, pensando en clave nacional, pero moi pouco atinado a nivel social, factor que debería primar á hora de trazar o rumbo político.

E é que, en realidade, esta tarifa serviría para pouco máis que para dicir co peito enchido que temos autonomía enerxética, ou lexislativa, ou fiscal ou o que se queira, fronte ó resto de España, porque no material seguiriamos a depender de empresas especulativas para ter acceso a un ben básico e fundamental. Aí se atopa o verdadeiro espolio.

Mentres, o resto de familias do Estado, indignas, por suposto, da nosa tarifa exclusiva e galeguista, haberán de pagar un prezo maior, ben ó Goberno ben ás empresas, para compensar o ridículo aforro que nós poidamos acadar. Dende logo, estas non renunciarán impasibles á súa marxe de beneficios.

Alguén pensa de verdade que descentralizar un imposto ou rebaixar unha taxa vai representar unha ameaza contra a usura das eléctricas?

Alguén se cree realmente roubado e desposuído polos fogares de España que, coma nós, pagan relixiosamente un prezo abusivo por cociñar, quecer no inverno e vivir sen velas?

Ou é que estamos esquecendo e non querendo ver o transfondo económico de clase segundo o cal a nosa mesma condición debería unificar a nosa loita?

Eu, dende logo, renego de castigar ó resto da poboación con prezos sangrantes e artificialmente elevados. Renego de enemistar á maioría obreira de Madrid, neste caso, por mor dun diagrama de produción-consumo no que pouco teñen que ver. Habemos de clamar por un Estado que aspire a garantir as nosas necesidades, que goce de electricidade pública, accesible e a prezo de custo. Que brinde á Galiza, iso si, a cobertura e infraestrutura que merece e que nos corresponde, pero non a costa de arruinar a terceiros nas nosas mesmas circunstancias económicas.

E se ese estado non da chegado, e polo de agora non semella, que sexa a nosa propia terra soberana e independente a que nos outorgue estas novas condicións de vida.

Dun ou outro xeito, non deixemos de esixir ós movementos que se din de esquerdas que manteñan o seu horizonte social, nin de lembrarlles que hai proletarios máis aló da Gudiña mentres o verdadeiro inimigo pode estar na casa falando en galego.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad