A patroa da Galiza

Cada 25 de xullo, Día da Patria, celebramos o patrón da Galiza, Santiago Apóstolo, mais quen é a patroa? A morriña da emigración, un gaiteiro perdido e unha milagre en chave nacional non deixan lugar a dúbidas.

 

Corría a fin do verán do ano 2021. Á tristura melancólica inherente ao serán tardío sumábanselle as inquedanzas dun mozo emigrante que xa non quere partir da terra. Ten só 23 anos, pero leva cinco sendo un estranxeiro no centro de Europa e Latinoamérica. A súa partida será presta e a incerteza somatízase. Coa caída do sol érguense os demos internos e os medos apodéranse dos seus pensamentos. O tempo non acompaña. Igual que para os nosos devanceiros, o solsticio de verán é unha bela flor que inevitabelmente vaise murchando día a día. Os felices días infinitos dan paso a un sol enfermo que non ten forzas para quentar, que cada día máis cedo perde a batalla contra a lúa. A vida morre, as follas que lucían galantes nas árbores ensucian o chan mollado e a escuridade envolve todo anunciando a invernía cru.

O rapaz síntese enganado. O día que marchou realmente fíxoo porque quixo ou porque a sociedade lle inoculara aquela idea? Esa que sostiña que se ficaba na terra nunca sería ninguén. Tiña que ser irremediabelmente alleo antes do que seu. Sacrificar os mellores anos de vida, a inconmensurábel ledicia que lle proporcionaba a súa gaita, o seu mestre, os seus amigos de toda a vida, a súa familia e a súa aldea. O avión achegábase ao tempo que os días acortábanse, querendo parar a vida nun instante de eterna calma antes da treboada.

Medorento pola morriña percorre o país que tan fondo sinte tanto como pode. É difícil de explicar, mais esa terra ten unha alma que é a súa mesma. Arríncaselle parte de si cando ten que ir embora, algo que soamente recuperará o estraño día da súa volta ao contemplar o mundo que alá seguiu sen que el puidese ollalo.

O rapaz é de Pontevedra, de Canelas, da Fraga de Abaixo, de Caroi, de toda Terra de Montes e, en fin, da Galiza enteira. O sol brilla nunha fermosura limitada ao luscofusco, despedíndose case coma por última vez, medrando xa a dor saudosa do pensar nel cando non o poida contemplar, apertando forte o fol da súa gaitiña, soprándolle un fío de ar que a manteña acesa.

A despedida de hoxe será na Ermida do Sagrado Corazón da Lama. Este mes outras iguais aconteceran en Almofrei, a Xestosa e as Ermidas, coincidindo co día da ausente romaxe cancelada pola pandemia.
O rapaz vai no seu Citroën Saxo que maltrata coma un todoterreo polos vellos camiños de arrieiro. Centos de veces subiu á capela, por entre uns montes que coñece coma a palma da súa man. El, que aprendeu a ser persoa correndo polos pasos da Fraga e os altos da serra.

Conduce sen consultar. Vira esquerda e dereita por corredoiras estreitas sen asfaltar até que chega á aba do outeiro. Arriba, dominante, a humilde casiña que os lamenses ergueron para Deus. Mais inexplicabelmente aquela non é a Ermida do Sagrado Corazón. Manexara o carro convencido, sen dubidar un segundo, cara o destino erróneo. Non o podía crer.

Sube á igrexa naquel incomparábel paraxe e olla a porta aberta. Naqueles santuarios, tragados polo tempo, onde o tarabelo amosa o óxido de décadas de esquecemento. Entra silandeiro, pouco a pouco, até a ara. Que impoluta está a descoñecida capela! Dáse a volta e olla unha serra verde, perpetua, encadrada na porta, frotando no aire. E de súpeto asústase. Da nada escoita voces. Olla para os lados, non hai ninguén. Risos, aturuxos e falares alén da pedra colándose pola absidiola até que un home chamado Jaime aparece canda el.

Jaime do Peso ensínalle a súa prenda querida, a ermida da Santa Minia. Convídalle a deleitarse coa súa pura beleza e fachendoso anímalle a saír ao xardín traseiro. Lá están as mulleres. Lourdes, Marisa e Minucha, apoiadas contra do muro da ermida, bebendo a morro un compartido licor café. Coma San Ero, semella que levan trescentos anos alí. Ao mirar ao rapaz e ao seu pai que o acompaña, estíranlle a botella. É o día da santa. Na capela dos anxos, no alto do Peso, aqueles cinco veciños, salvagarda da súa historia, suben á mañanciña a trocarlle o traxe a Minia e a limpar ao santuario.

-É hoxe a romaxe? -pregunta o pai do mozo.

-É -respóndenlle ao unísono-, pero por causa da pandemia levamos xa dous anos sen poder celebrala.

-Pois aquí o meu fillo é gaiteiro -delátano- E ten a gaita no coche.

Ábrense os ollos coma os dos mouchos, ínzanse os peitos e con folgos ansiosos pregan pola son da voz do país. Levan anos sen poder tocarlle á Minia, anos onde as gaitas, tan necesarias, soamente requintan na TVG. Anos sen romaxes, sen festas populares, sen alboradas nin foliadas. E xorde a milagre. As mulleres e o Jaime están convencidos de que aquilo é unha obra da Santa Minia, farta de tranquilidade no seu día.

Que probabilidade había, logo, de que xustamente aquel mozo elixise o preciso día da romaxe para subir á ermida? Que probabilidade de que o fixese a esa hora, coincidindo coa dos devotos veciños? Que probabilidade de que levase con el unha gaita para suplir a tradicional festa? Fóra guiado pola santa. E aquel rapaz, pensativo, entende todo entón, a inexplicábel equivocación, a chegada á ermida que non era, o subir atraído á igrexa e o día e a hora do ano que alí o levara.

Saca a gaita. Os amigos do Peso móveno coma un moble e sitúanlle na boca do santuario, co punteiro cara a porta, a vista cara o sartego e o ronco cara a parroquia. Aperta o fol co seu brazo e retumba a son no outeiro, viaxando polo lugar, envolvéndoo nunha xuntanza celeste terreal.

As mulleres bailan, o Jaime sorrí. Remata a peza e todos, extasiados, sentimos unha conexión. Minia baila con nós e non caben dúbidas pois, da milagre. Aquilo non fora unha coincidencia, fora unha guieira.

Pídenlle tocar máis unha peza final. A Marcha do Antergo Himno, solemne, failles sentir que levan o cadaleito sob os ombreiros. O sol escóndese e a noite está a chegar. Falamos da vida, da partida do rapaz, da pena por deixar a terra, das soidades que cedo terá ao lembrar a espadana do Peso na distancia. E as mulleres entenden o amor daquel home polo país. Comprenden o inexplicábel, a simbiose que sente coa nación e o seu fondo galeguismo.

A lembranza daquel marabilloso día ten que ser inmortalizada. O mozo pídelle ao pai unha foto ao pé da capela, coa Minia ao fondo, descansando, feliz, tras poder celebrar o seu día, durmida placidamente no seu sartego de cristal.

Despídense dos seus compañeiros, únicas testemuñas da milagre, coa promesa de voltar algún día, de retornar logo da emigración ao lugar divino e de agasallarlle á protectora unha nova gaiteirada. Intercambian os teléfonos e emprende o regreso a casa polas estradas que tan ben coñece. Antes de chegar a Pontevedra soa. É o Jaime, sínteo.

-Ei Pablo! Deixaches aquí unha cousa.

-Que cousa? -pregunta o mozo, convencido de que todo leva.

-Unha bandeira galega.

-Como unha bandeira galega? -inquire el, que ningunha levara.

-Unha bandeira galega si, deixáchela enriba do cadaleito da santa.

E entón o rapaz, empequenecido, comprende todo. Para o coche, revisa a súa galería, olla a última foto, a que fixera no cadaleito xusto antes de marchar, e nada nela hai máis do que un cristal impoluto. A bandeira galega é a proba material da milagre. A proba da guía que Minia exercera sobre o rapaz. No Peso, sabedores de que ninguén máis se achegara ao outeiro, gárdana na sancristía do santuario.

O rapaz lémbrase dunha conversa pasada. Tivéraa o 25 de xullo daquel ano. Preguntáralle curioso en Compostela a un seu amigo.

-O patrón do país é Santiago Apóstolo, pero quen é a patroa? -non atopando resposta, no descoñecemento dun mundo que esquecera as mulleres por milenios.

Aquel día aprendeu a resposta.
A patroa da Galiza é a Santa Minia, facedora da milagre do lugar do Peso, na parroquia de San Lourenzo de Escuadra, no concello da Lama.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad