A importancia da fala

Nun contexto marcado pola tensión entre tradición e modernidade, a fala preséntase como unha ferramenta esencial para construír identidade, fortalecer o diálogo e afrontar os desafíos presentes e futuros de Galicia. Unha reflexión sobre a necesidade de comunicarnos para definir quen somos e quen queremos chegar a ser.

 

Imaxe: Xosema / Wikimedia Commons (CC BY-SA 4.0).

Sobre os chanzos dunha escaleira que non se sabe se é útil para subir ou para baixar, cun “depende” sempre por resposta e asentada nun silencio que cala máis do que esconde, ciméntase unha Galicia que mira á tradición e ao pasado para definirse e mostrarse ao mundo. Tamén iso lle ocorre a España. Ambas se saben máis pequenas do grandes que foron noutro tempo, o cal non é unha base axeitada para ese proceso tan complexo de medrar e madurar.

Mais os tempos avanzan, a modernidade chega, e coa maquinaria e a tecnoloxía ocupando alpendres e cociñas o certo é que o baleiro afecta a gran parte do territorio, das casas e mesmo a moitas almas. Un baleiro alén do legal, pero iso si, cheo dun ar que segue a dar gusto respirar. Baste con recorrer rías que hoxe teñen máis auga que vida, campos con máis maleza que verde gustoso de abrazar e admirar, camiños que se abandonan se o asfalto e a rede, primeiro a eléctrica e despois a dixital, non chegan para darlles forma e sentido.

No intermedio entre ese futurismo que nos asola e esa tradición que semella máis nostálxica que real, cómpre ser capaces de encher ese baleiro, de definírmonos, de crear unha identidade adaptada aos “novos tempos” e, en definitiva, que as xeracións continúen o seu innegable devir pasando dunhas a outras da mesma maneira que o tempo pasa sobre elas.

Que será da Galicia e dos galegos? E tamén dos españois? Que queremos que sexa? Un recordo dun tempo anterior e antigo, que non por iso peor e menos valioso? Unha mestura indescifrable entre iso e un futuro uniformado e uniformador? Unha terra e unha xente sen concepto actual de si mesmos mentres loitan entre eles por impoñer unha cultura sobre outra, negando o proceso orgánico que a cultura é en si mesma?

Entre dependes, silencios e indecisións, nesa escaleira cada vez máis mecánica e mecanizada, semella unha necesidade a comunicación. Parece que unha das cuestións cruciais que deben ser atendidas é a da fala, a do idioma tamén, pero a da fala como acción; como actividade non de lecer senón de fiar; como tarefa de compartir contrapostos e encontrar espazo para todos eles aínda que non sempre se faga de común acordo; como labor de asentar entre nós o noso e facer respectar nese espazo ao alleo, que sempre será benvido, por suposto, pero debemos ter claro a onde vén e como facelo vir ben.

É necesario afrontar a complexidade de falar entre nós fronte á sinxeleza de aceptar o que vén de fóra como algo máis valioso, como algo mellor. Necesidade que se fai patente, precisamente, nos desacordos que seguen a estar presentes dende antigo, que xa formaban parte desa tradición que romantizamos para expresar o que somos e para vender paquetes turísticos.

Porque non ten sentido ningún estar de acordo en que non hai acordos. Estar de acordo en que existen diferenzas. Estar de acordo en que non é doado superar esa situación. E, por outra banda, non ser capaces de estar de acordo para poñer en palabras o que somos actualmente, para definirnos identitariamente e para non esquecer que será xuntos e en conxunto que conformaremos o que estamos por ser.

Especialmente porque a fala supón en si mesma a brecha entre xeracións, e as que van pasando e quedando no pasado perderán para sempre a posibilidade de falar. E aínda máis especialmente porque a fala é en si mesma un acto, e chegaremos a ser as consecuencias dos nosos actos, aínda que na actualidade esteamos a castigarnos e facernos pagar por aquilo que nos dicimos, sen máis motivación que a dor ou molestia que lle produce aos nosos oídos.

Porque o pasado tamén serve para aprender, e debemos ter claro que se comeza así, actuando impulsivamente ante aquilo que non nos gusta do que escoitamos, contra os que din algo distinto ao que nós pensamos, e ao final rematamos por botar unha boa tempada sen falarnos.

E aínda hoxe seguimos pagando a dor e os complexos deses tempos que tamén foron parte desa tradición tan nosa. E seguimos sen actualizarnos, sen modernizarnos, sen definirnos hoxe sen acudir ao pasado.

Sen adoptar unha actitude na que si, preferimos perder o tempo falando; escollendo palabras, sementando con elas os campos, utilizándoas como o combustible máis poderoso para facer funcionar os nosos carros.

Seguimos sen mirarnos a nós mesmos e recoñecer que si, que preferimos iso antes que volver ao pasado.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad