Velaquí como o poder político afastou o galego da hexemonía, contra o mito da substitución “natural” do galego polo castelán. Cómpre termos un apoio institucional forte para a revitalización da lingua, porque é posíbel.
Se acreditamos no dito polo pensador romanés Emil Cioran, “un non habita un país; un habita unha lingua” [1], os galegos encontrámonos na maior migración de toda a nosa historia. De feito, o último informe do Instituto Galego de Estatística vén de constatarnos que, por primeira vez dende que podemos pensarnos como pobo —sitúese tal marca onde for—, a maioría de nós xa non mora na patria galego-portuguesa. Calquera sociolingüista sabe que, do mesmo xeito que os procesos migratorios, as mudanzas de lingua non son decisións doadas nin suxeitas á máis pura vontade do individuo, senón que se toman como resultado da creación dun sistema no cal o idioma propio foi convertido nunha desvantaxe social. Cando unha lingua vai perdendo a utilidade nos usos mercantís, intelectuais, administrativos e políticos deixa de ser desexábel para aqueles que queren prosperar. Joshua Fishman di que “esta desvantaxe é un produto da frecuente impotencia numérica, política e de control sobre os recursos” [2], que, ó xuízo do autor, é algo obvio naqueles pobos que foron convertidos en periferia. Isto adoita vir acompañado dun estereotipo de inferioridade a todos os niveis, que chega a ser interiorizado e replicado ata polos membros desa mesma cultura. É o coñecidísimo proceso da diglosia, cando a lingua torna “fala”, a cultura asociada a ela “folclore” e a súa historia unha “anécdota rexional”.
No caso do galego, algúns poderían considerar este un proceso natural, produto das inexorábeis forzas da mudanza económica e do progreso, determinantes das decisións individuais. Xa dicía o noso compatriota, o coñecido escritor ferrolán Joaquín de Arévalo, en pleno século XIX, que “la cuna del dialecto” —a lingua galega— “fue un bastardeamiento del lenguaje; su tumba es la civilización” [3]. Neste sentido, se o galego tiver sido sempre unha lingua demasiado pequena e feble como para sobrevivir, incapaz, por esencia, de se adaptar ós tempos modernos, sería agardábel, até diríamos lóxico, que fose abandonada á menor oportunidade. Entón deberiamos escoitar o xornalista madrileño Antonio R. Naranjo, Premio Manuel Azaña, cando afirmou que “no pasa nada, lo sentimos, si algún día se deja de hablar” [4], pois, como dixo Raúl Vilas, director do xornal Libertad Digital, “las personas deciden libremente dejar de usarla” [5]. Porén, esta hipótese pragmatista encóntrase orfa de evidencia empírica e teórica consistente na Europa no xeral e na Galiza no particular. Primeiro, porque moitas son as linguas minoritarias que, despois de minorizadas, conseguiron acadar de volta a hexemonía nos seus pobos de orixe. Se as linguas que non son protagonistas do comercio están necesariamente destinadas a esmorecer, por que será que estonianos, lituanos ou fineses recobraron as súas tras a independencia e non adoptaron o ruso, sen dúbida moito máis coñecido? Por que non ficarían co alemán aqueles pobrísimos eslovenos cando marcharon do Imperio Austrohúngaro? A resposta é evidente: porque as linguas son algo máis ca instrumentos de comunicación, e a súa escolla non está mediada só polo cálculo económico nin por criterios de utilidade.
A nosa non era precisamente minoritaria cando comezou a súa desaparición da escrita. Sendo case igual ó idioma do veciño portugués na altura dos séculos XV e XVI, que estaba en plena expansión e florecemento a diversos niveis, é dubidoso afirmar, sen máis, que os galegos decidiron voluntariamente que o que eles falaban era inútil para os usos formais e debían adoptar o castelán. Máxime cando este proceso non se deu tampouco na outra banda do Miño, alén de certa influencia castelá dende a Idade Media —véxase o estudo de Clarinda Azevedo Maia [6]–. Por que será que a mesma lingua foi esquecida nun lugar e, por contra, adorada e convertida en toda unha “compañeira do imperio” poucos quilómetros ó sur? Cal foi, entón, a diferenza entre a Galiza e o Portugal? Duarte Nunes de Leão, pioneiro na estandarización da lingua e cronista, explicouno así en 1606: “da cal lingua galega a portuguesa avantaxou tanto (…) por en Portugal haber reis e corte.” [7] O reino luso gozou, grazas á independencia política, dunha aristocracia que tiña a nosa lingua por materna, con vontade e capacidade para promovela, e que non se viu sometida ás diferentes vagas e procesos de centralización e homoxeneización administrativa da Coroa de Castela.
É dicir, que o poder lingüístico acompaña o poder político. Tanto é así que, como sinala Ana M. García Martín [8], a hexemonía internacional de Castela e a súa influencia no Portugal plasmáronse tamén na introdución desa lingua no reino luso, especialmente significativa no período da Unión Ibérica —mais datando, polo menos, do século XV—. Segundo Filipe Alves Moreira, a situación no Portugal chegou a ser de diglosia, mais “a separación das dúas coroas” —castelá e portuguesa— “impediu que, no longo prazo, o portugués coñecese un destino semellante ao doutras linguas, ou dialectos, peninsulares.” [9]
Dende 1480, pouco despois de acabar a guerra na que moitos dos grandes nobres galegos apoiaran o bando perdedor, o galego foi expulsado, na práctica, das escribanías, condenándoo á rápida desaparición dos documentos notariais. A monarquía castelá entrou no Reino da Galiza cun ímpete nunca visto e estabeleceu un sistema de control político, administrativo e xudicial que tivo repercusións decisivas para o idioma e a identidade do país [10]. Ao longo do século XVI diversas disposicións monárquicas estabeleceron a censura previa dos libros por parte de autoridades castelan-falantes. E, por se isto non for abondo, dende o Concilio de Trento (1545 – 1563) considerouse dende Roma que a lingua vernácula da Galiza era o castelán e promoveuse o seu emprego na relixión. Así, o incipiente aparato estatal e o eclesiástico, dúas das máis importantes vías de ascenso social da época —que non eran moitas—, ficaron absolutamente vedadas para o galego nun momento no que máis do 90% da poboación do país era monolingüe neste idioma, tendo en conta o reparto urbano/rural.
Todo este proceso de dominación lingüística foi do lado dunha distinción ideolóxica entre o que representaba a lingua do poder e o que eran, por contra, as linguas dos pobos subxugados. Nestes casos, só as primeiras son consideradas verdadeiros idiomas, mentres que as segundas son dialectos ou corrupcións, como explicou Jean Calvet [11]; unhas están feitas para a formalidade, a economía e o progreso, mentres que as outras fican na escuridade e o atraso. Así, o noso Reino da Galiza, “de gente tan inculta y bárbara” —Gil González Dávila, 1569—, “de salvajes y paja” —Villalba y Estaña, 1577—, estaba dotado dunha lingua “grosera y áspera” —Gonzalo García de Santa María, 1490— “de aguadores y lacayos” —Antonio Mira de Amescua, s. XVII —, “subalterna y corrompida” —Gregorio López Madera, 1601— que non tiña “palabra bien sonante” —Pedro A. Fernández de Castro, 1620 [12]—. Un imaxinario na beira do colonial e testemuña dun proceso de degradación da lingua e a identidade galegas que só foi posíbel grazas á dominación foránea. Como lle dixo o fiscal do Consejo de Castilla, José Rodrigo de Villalpando, a Felipe V, “la importancia de hacer uniforme la lengua se ha reconocido siempre por grande, y es una señal de la dominación de los Príncipes o naciones” [13].
Moi a diferenza da idea difundida por Claudio Sánchez Albornoz ante as cortes republicanas, que o castelán “no hubo disposición alguna que lo impusiera, fue el genio de Castilla” [14], a verdade é que gozou dunha situación privilexiada respecto do galego dende que foi preferido ó latín como lingua de uso corrente dunha corte na cal boa parte dos servos apenas o coñecían. O seu prestixio e expansión xeográfica son debedores desa promoción política [15]. O “xenio” do castelán non se explica sen a vontade da monarquía de promovelo a costa doutras linguas peninsulares.
──────────────────────────────────────────────
Referencias:
[1] CIORAN, Emil M., Anathemas and admirations, Nova Iorque, Editions Gallimard, 2012 [1970]
[2] FISHMAN, Joshua, Reversing language shift, Bristol, Multilingual Matters, 1997, p. 59.
[3] DE ARÉVALO, Joaquín, “El dialecto”, Galicia. Revista regional, ano II, n. 7, xullo de 1988, pp. 301-312, p. 304.
[4] NARANJO, Antonio R., “No pasa nada si desaparecen el catalán y el vascuence”, El Debate, 21/09/2023, dispoñíbel en <https://www.eldebate.com/opinion/20230921/no-pasa-nada-desaparecen-catalan-vascuence_141228.html> [cons. 12/11/2024]
[5] VILAS, Raul, “Y si desaparece el gallego, ¿qué?”, Libertad Digital, 21/10/2009, dispoñíbel en <https://www.libertaddigital.com/opinion/2009-10-21/raul-vilas-y-si-desaparece-el-gallego-que-5122022/> [cons. 12/11/2024]
[6] DE AZEVEDO MAIA, Clarinda, História do galego-português. Estado lingüístico da Galiza e do noroeste de Portugal desde o século XIII ao século XVI. Coimbra, Imprensa da Universidade de Coimbra, 2017 [1986]
[7] NUNES DE LEÃO, Duarte, Origem da lingoa portuguesa, Biblioteca Nacional de Portugal, Ex. RES. 277//1 V., p. 32
[8] GARCÍA MARTÍN, Ana María, “El bilingüismo luso-castellano en Portugal: estado de la cuestión”, Aula bilingüe. Investigación y Archivo del castellano como lengua literaria en Portugal I, pp. 15-44. Dispoñíbel en < https://www.filologiaportuguesa.es/aulaiberica/aula%20ib%C3%A9rica_ana%20mar%C3%ADa%20garc%C3%ADa%20mart%C3%ADn.pdf> [cons. 12/11/2024]
[9] ALVES MOREIRA, Filipe, “O papel da língua e do bilinguismo”, en Luis Adão da Fonseca (coord.) Entre Portugal e a Galiza (Sécs XI a XVII). Um olhar peninsular sobre a região histórica, Porto, CEPESE and Fronteira do Caso Editores, pp. 381-383.
[10] SAAVEDRA, Pegerto, “Política e sociedade na Galicia moderna”, en Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane (eds.), Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2020, pp. 15-74.
[11] CALVET, Jean, Lingüística y colonialismo. Breve tratado de glotofagia, Buenos Aires, Fondo de la Cultura Económica, 2005 [1974].
[12] Todas estas e outras referencias pódense encontrar recompiladas e documentadas no magnífico volume de CALLÓN, Carlos, O libro negro da lingua galega, Vigo, Xerais, 2022.
[13] Texto ampliamente coñecido, pódese encontrar, por exemplo, en: “VV.AA., “La reoressió lingüística i cultural”, Enciclopèdia.cat, dispoñíbel en <https://www.enciclopedia.cat/historia.-politica-societat-i-cultura-dels-paisos-catalans/la-repressio-linguistica-i-cultural> [cons. 12/11/2024]
[14] SÁNCHEZ ALBORNOZ, Claudio, “Discurso sobre el uso del catalán y del castellano en la educación de Cataluña”, Diario de Sesiones, 22/10/1931, dispoñíbel en <https://www.segundarepublica.com/index.php?opcion=7&id=58> [cons. 12/11/2024]
[15] MONTEAGUDO, Henrique, “Panorama sociolingüístico de Galicia na Idade Moderna. O idioma galego durante os séculos XVI, XVII e XVIII.”, en Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane (eds.), Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2020, pp. 75-116.