Dios non é o meu Deus

Dous mil anos de cristianismo en Galicia practicamente definiron o que significa ser galego. Se os galegos abrazamos con orgullo a quen nos fixo –e nos fai–  libres, non haberá inverno para esta lingua das mil primaveras.

 

No encabezamento, fotografía de autoría propia. Festa dos Fachós, Castro Caldelas (Ourense). Unha romaría galega chea de simbolismo.

Estas semanas en Galicia séntese un boureo que crea debate, síntoma de que hai un problema. Vimos de coñecer que o galego xa non é a lingua máis falada no noso país. Non sei como puidemos chegar até esta situación, non o sei. Podemos reflexionar en que ámbitos o galego precisa aumentar o seu uso para poder favorecer que a infancia –sobre todo, xa que é quen menos fala galego– aprenda e empregue a nosa lingua. Algúns destes ámbitos son recorrentes (a xustiza, a programación infantil, as materias de ciencias etc.), mais hai un que sempre me fai matinar: o galego na Igrexa.

A Igrexa en Galicia. Os bispos galegos –polo menos sobre o papel– asinaron un compromiso no Concilio Pastoral de Galicia (1974-1979) para protexer e promover o galego. Eles viron claro que «a Igrexa ten o deber de anunciar a liberación… o deber de axudar a que naza esta liberación, de dar testemuño da mesma, de facer que sexa total. Todo isto non é estraño á evanxelización» (EN 30). «O uso da propia lingua debe servir sobre todo para achegar ó pobo dun xeito máis fondo e sentido a mensaxe que a Igrexa ten que anunciarlle, e mais, ó mesmo tempo, unha máis espontánea e sentida manifestación e proclamación da propia fe e experiencia relixiosa» (CSCD). Tamén sinalaron medidas concretas para favorecer o galego na liturxia, na catequese, no terreo cultural e no resto de ámbitos relacionados coa Igrexa. Este Concilio Pastoral recoñece a situación de diglosia que sufría –e sofre– o galego. No eido eclesiástico isto reflíctese na dificultade de acceso a textos en galego para facer a liturxia, no descoñecemento dos fieis das fórmulas e oracións, no rexeitamento que hai nalgunhas parroquias cara á misa en galego e na profunda castelanización que vive todo o vencellado coa relixión no noso imaxinario. Cando ao noso Deus, que se fixo home para estar preto de nós e salvarnos, lle chamamos Dios, é que temos un problema.

As institucións públicas. No Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega valórase moi positivamente esta disposición da Igrexa galega, que elaborou unhas liñas moi avanzadas de normalización lingüística no devandito Concilio Pastoral. Porén, xa aí se pon de manifesto a incapacidade dese documento para mover o comportamento dos sacerdotes e laicos desta nosa Igrexa. No PXNLG xa se constata –recordemos, ano 2004, hai vinte anos!— que todas estas fermosas liñas de que Cristo se ía facer Igrexa en Galicia na lingua da nosa xente para liberarnos… non foron máis que fermosas liñas. Acho que as institucións públicas encargadas de velar polo galego non foron conscientes da desgaleguización –e descristianización, xa que logo!– que estaba tendo lugar e dedicáronse a promover manifestacións da alta cultura (literatura, artes plásticas, cine etc.) no canto de facer política lingüística, e mirade que non me gusta nada ese nome.

A teoloxía en Galicia. Isto é algo moi curioso. Mentres que algúns bispos e boa parte do clero fixeron caso omiso dos aires conciliares que viñan de Roma e a insistencia en inculturar a fe en cada territorio e respectar as culturas [1], linguas e particularidades dos territorios sen Estado [2], os teólogos galegos foron persoas que exerceron radicalmente como galegos. Podemos dicir que as xerarquías foron por unha banda e os teólogos por outro, é curioso. Noutras partes de Europa, a Igrexa particular de cada territorio protexeu os seus teólogos máis sobranceiros, aquí houbo unha tensión constante. Persoas como Andrés Torres Queiruga representan unha ampla tradición de eruditos que amaron o noso país e a nosa lingua. Se alguén le teólogos galegos, vai ler teólogos namorados de Galicia e que entenden perfectamente a necesidade de que esta nosa Igrexa fale no noso idioma. Eles foron xente que reclamou e traballou polo galego na Igrexa, vid. infra un texto de Queiruga onde fala da importancia para nós, cristiáns galegos, de que teñamos unha Biblia no noso idioma:

 

Pode afirmarse que todas as linguas occidentais afiaron o seu espírito na tradución, na predicación e no escoitar da Biblia.

Pois ben: velaí o drama de Galicia. Ao entrar sen ser ela mesma na modernidade, Galicia non se confrontou directamente coa Biblia: a nosa lingua non loitou –como Xacob co Anxo do Señor– co misterio insondable da Palabra. A revelación non “aconteceu” no máis último e recóndito da nosa sensibilidade, no que é máis noso por ser o que nos diferencia e nos especifica. […] Que ata os nosos días non se teña emprendido a tradución da Biblia ao galego, é todo un síntoma: síntoma da situación dramática da nosa igrexa e da nosa cultura [3].

 

Per Christum… ad Gallaeciam? Esta fórmula rebelde fai de colofón deste pequeno artigo. Dicía Castelao que «se ainda somos galegos é por obra e graza do noso idioma», mais hoxe en Galicia «os ventos d’a Roseta // ourentaron-se ao esquenzo» (Manuel Antonio). Non sabemos quen somos nin cara a onde imos. Galicia hoxe perde poboación, o galego esmorece, a cultura tradicional dos nosos avós só se garda nos museos, a nosa fe xa non ten apenas lugar nas rúas, persoas que non son galegas viven aquí e falan as súas linguas, e aínda así nós seguímonos sentindo galegos. Isto é algo para reflexionar moito: que é o que significa ser galegos e por que, a pesar de todo, consideramos que ser galego ten tanto valor? Ser galego nun mundo de incertezas, relacións líquidas, deshumanización, cosmopolitismo, darwinismo social, plutocracia e onde nada importante ten valor é unha opción radical. Acordeime daquilo que dicía o meu admirado Hans Küng: «ser cristián é ser radicalmente humano» [4].

Dous mil anos de cristianismo en Galicia practicamente definiron moito do que significa ser galego; volver a esa fe que configurou o noso sistema de crenzas e que liberou miles de almas galegas pode levarnos de volta a ser unha comunidade libre, viva e orgullosa de si. Se os galegos abrazamos con orgullo a quen nos fixo –e nos fai–  libres, a quen nos ama galegos como somos e a quen se sacrificou por este e por todos os pobos e persoas da terra, non haberá inverno para o galego das mil primaveras.

 

REFERENCIAS

[1] Xoan Paulo II, Discurso ante a L Asemblea Xeral da ONU. “O dereito á existencia implica naturalmente para cada nación tamén o dereito á súa propia lingua e cultura, mediante as cales un pobo expresa e promove o que chamaría a súa orixinaria “soberanía” espiritual. […] Toda nación ten tamén, en consecuencia, o dereito de modelar a súa vida segundo as súas propias tradicións, excluíndo, naturalmente, toda violación dos dereitos humanos fundamentais e, en particular, a opresión das minorías. Cada nación ten o dereito de construír o seu propio futuro proporcionando ás xeracións máis novas unha educación adecuada”.

[2] Paulo VI, Pacem in terris, 94-96.

[3] Andrés Torres Queiruga, Rolda de Ideas.

[4] Hans Küng, Ser cristián.

 

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad