A Demotanasia da Nación Galega – O Éxodo Agrario como consecuencia da autarquía franquista

A “Demotanasia da Nación Galega” é unha colección científico-divulgativa do Ferrado composta por seis facsímeis que amosan novas chaves e perspectivas respecto da enorme problemática que supón a demotanasia e o consecuente etnocidio da nación galega.
Exposta no Congreso de Demografía da UCM, ao longo da colección analizaranse as orixes, a evolución e o impacto da cuestión nacional máis crucial que afronta Galiza.

 A DEMOTANASIA DA NACIÓN GALEGA

Facsímile 3 de 6: “O Éxodo Agrario como consecuencia da autarquía franquista “. Este artigo correspóndese coa terceira edición da colección “A Demotanasia da Nación Galega“. Recomendámoslle, para unha lectura e comprensión axeitada, ler todas as entregas que a compoñen. As referencias bibliográficas están dispoñíbeis para consulta na derradeira entrega.

Imaxe que ilustra a colección: “Neno de Lalín”, 1926. Ruth Matilda Andersen

 

O ÉXODO AGRARIO COMO CONSECUENCIA DA AUTARQUÍA FRANQUISTA (1940-2000):

Ano tras ano, desde o exercicio de 1987, a Galiza liderou o último terzo de século a estatística de perda de poboación natural[1]. É a comunidade autónoma que máis habitantes deixou polo camiño en termos absolutos, acumulando durante este período un saldo vexetativo de aproximadamente -300.000 persoas. (Andrade, 2015).

Tampouco é posible atopar relevo xeracional a través da inmigración (un mecanismo que si funcionou na media do conxunto do Estado español), xa que o saldo migratorio tamén é negativo[2] (Punzón, 2013). Máis xente emigra da nación da que recala nela. Todos estes datos deben sumarse ao incremento da esperanza de vida e á idade media dos galegos, que marca un récord situándose nos 47 anos (Varela, 2020). Cifra que contrasta coa idade media da comunidade en 1979: 35,6 anos (Cheda, 2015); e coa media española actual: 42,14 (Cheda, 2015).

Nos primeiros anos da década de 1940, as políticas autárquicas franquistas frearon o progreso que acadara a modernización e a mercantilización agraria, gandeira e forestal, conducindo ao sector primario á subsistencia e ao posterior abandono. (Pérez, 2020). Prodúcese unha perda durante a segunda metade do século XX dun continxente da poboación activa agraria de máis de 600.000 persoas e un descenso do peso específico do sector primario desde valores superiores do 60% dos activos até outros por debaixo do 20%. (Otero e Docampo, 2007).

Mentres que a transición dun modelo económico pseudo-feudal e precapitalista cara outro posindustrial produciuse durante varias xeracións no caso de Alemaña, na Galiza o devandito cambio social consolidouse en apenas un par de décadas.

A desagrarización iniciouse entre a década dos 1950-1960 debido á emigración e ao baleirado das aldeas. Todo este proceso demográfico ten as súas consecuencias socioculturais. Desertouse da memoria labrega, a cidade ofrecía mellores condicións de vida e o modo urbano gañou prestixio. Creceron os propietarios absentistas e as terras abandonadas (Pérez, 2020). Politicamente a sociedade polarizouse entre o independentismo galego e o caciquismo unionista.

Do mesmo xeito, xerouse unha paradoxal situación onde o abandono das terras vai acompañado de problemas para acceder a elas, rexistrándose unha das porcentaxes de solo agrícola utilizado (SAU) máis baixas da UE (Pérez, 2020).

Finalmente, xurdiu unha gran tensión territorial. A falta de planificación demóstrase respecto dos investimentos nos tres aeroportos galegos[3], que non están conectados entre si, e entre as sete grandes cidades (Lugo, Ourense, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo e A Coruña). Ferrol comezou a perder poboación trala reconversión naval; mesmo efecto tivo a entrada da UE nas poboacións pesqueiras, fundamentalmente na Costa da Morte e na Costa Ártabra, onde as limitacións de cota deixaron da noite á mañá a centos de mariñeiros sen traballo.

As áreas de perfil rural e vilas perderon o seu carácter agrario, converténdose desde os anos 1970 e con especial afán desde 1990, en cidades dormitorio receptoras de residentes procedentes das áreas metropolitanas (periurbanización); e as vías férreas, cronificadas desde tempos inmemoriais, non foron modernizadas, mantendo aínda na actualidade incomunicados os principais núcleos de poboación con trens propios de principios do século XX.

 

[1] Saldo vexetativo: Diferenza entre nacidos e falecidos.

[2] Desde 2012.

[3] Elocuente é sinalar que Galiza conta co mesmo número de aeroportos que Portugal continental: 3.

GZ: Peinador (Vigo); Alvedro (A Coruña) e Rosalía de Castro (Compostela)

PT: Sá Carneiro (Porto); Humberto Delgado (Lisboa) e Aeroporto de Faro.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad