A Demotanasia da Nación Galega – O Convulso S.XX

A “Demotanasia da Nación Galega” é unha colección científico-divulgativa do Ferrado composta por seis facsímeis que amosan novas chaves e perspectivas respecto da enorme problemática que supón a demotanasia e o consecuente etnocidio da nación galega.
Exposta no Congreso de Demografía da UCM, ao longo da colección analizaranse as orixes, a evolución e o impacto da cuestión nacional máis crucial que afronta Galiza.

 A DEMOTANASIA DA NACIÓN GALEGA

Facsímile 2 de 6: “O Convulso S.XX“. Este artigo correspóndese coa segunda edición da colección “A Demotanasia da Nación Galega“. Recomendámoslle, para unha lectura e comprensión axeitada, ler todas as entregas que a compoñen. As referencias bibliográficas están dispoñíbeis para consulta na derradeira entrega.

Imaxe que ilustra a colección: “Neno de Lalín”, 1926. Ruth Matilda Andersen

 

O CONVULSO S.XX: A GRANDE CRISE DEMOGRÁFICA (1900-1940)

Se preguntáramos a calquera persoa cal das dúas comunidades, Galiza ou Cataluña, tiña máis poboación a finais do século XVIII, probablemente a maioría respondería que a segunda, dado que hoxe avantaxa en máis de 5 millóns de habitantes á nación atlántica. Non obstante, a realidade é ben diferente. En 1787 Galiza tiña 1,3 millóns de habitantes mentres que Cataluña non chegaba aos 800.000. (Vento, 2014).

Todo ese crecemento e esplendor galego construído ao longo dos séculos, alcanzará o seu punto álxido no século XVIII, para de súpeto entrar en crise no século XX e esborrallarase. (Vento, 2014).

A explicación é de natureza malthusiana. A agricultura arcaica practicada e a atomización parcelaria minifundista tornarase incapaz de soster o boom demográfico. A poboación crece xeométricamente mentres que os recursos fano aritméticamente. A agricultura de subsistencia vólvese incapaz de producir o suficiente para manter o auxe poboacional e actívase a trampa malthusiana, provocando un éxodo sen precedentes na sociedade galega.

Desde finais do século XVIII até a década de 1970, calcúlase que fuxirán da miseria galega non menos de 1.500.000 persoas. (Vento, 2014). A maior parte dos emigrantes farano a América Latina (Cuba, Uruguai, Venezuela, Arxentina e Brasil fundamentalmente), ou a Europa Central (Alemaña e Suíza). Os Centros Galegos destes países converteranse en catalizadores da cultura nacional, publicaranse xornais e revistas en lingua galega e focalizaranse como integradores da defensa progresista galeguista e os anseios arredistas. Así mesmo, para entender a magnitude da emigración, cómpre expoñer que durante moitas décadas do século XX, será Bos Aires a primeira cidade galega do mundo.[1]

A brutal emigración materializarase logo dun tremendo éxodo rural. Éxodo que moitos autores preferiron cualificar de “agrario”, dado que irá acompañado dun transvase masivo de traballadores agrarios cara outros sectores de actividade. (Pazo e Moragón, 2018). Estes fluxos migratorios cara as poboacións urbanas dominadas pola industrialización, non fomentarán que os traballadores do sector primario poboen as cidades da Galiza (xa que a distribución da poboación fai que sexan moi febles aínda na actualidade[2]), e teñen como consecuencia a partida masiva cara a América. (Consello da Cultura, 2020).

A repercusión actual de todo isto é que os espazos rurais (abafante totalidade dos núcleos de poboación), son lugares de composición ancián e estruturas demográficas moi desequilibradas polo éxodo agrario, que foi masivo nun primeiro momento e selectivo nas décadas máis recentes (mocidade e poboación activa).[3]

 

[1] Por iso Bos Aires na Galiza é coñecida como a “Quinta Provincia”; e en Arxentina “gallego” é sinónimo de “español”.

[2] Sendo Vigo a cidade máis grande da Galiza e non acadando a cifra de 300.000 habitantes.

[3] Facéndoo deste xeito aínda máis prexudicial se cabe.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad