A “Demotanasia da Nación Galega” é unha colección científico-divulgativa do Ferrado composta por seis facsímeis que amosan novas chaves e perspectivas respecto da enorme problemática que supón a demotanasia e o consecuente etnocidio da nación galega.
Exposta no Congreso de Demografía da UCM, ao longo da colección analizaranse as orixes, a evolución e o impacto da cuestión nacional máis crucial que afronta Galiza.
A DEMOTANASIA DA NACIÓN GALEGA
Facsímile 1 de 6: “Antecedentes Históricos“. Este artigo correspóndese coa primeira edición da colección “A Demotanasia da Nación Galega“. Recomendámoslle, para unha lectura e comprensión axeitada, ler todas as entregas que a compoñen. As referencias bibliográficas están dispoñíbeis para consulta na derradeira entrega.
Imaxe que ilustra a colección: “Neno de Lalín”, 1926. Ruth Matilda Andersen
Desde hai máis de dúas décadas os datos demográficos da Galiza amosan un etnocidio, un proceso de demotanasia. O envellecemento e o despoboamento son dous feitos xeneralizados na nación.
Ao longo desta colección analizarase a crítica situación galega. Un país extremadamente particular, resultante da distribución poboacional castrexa. O seu auxe e súbdita caída no século XX e o sumamente volátil cambio social que converteu unha sociedade pseudo-feudal noutra posindustrial en tan só dúas décadas. Un proceso que ten as súas consecuencias non só estatísticas, senón tamén sociais e culturais. Trocos nas formas de vida, o perigo de extinción da idiosincrasia dun pobo único, milenario.
A través da análise das causas e dos datos do pasado, realizarase un estudo do presente e unha proxección de futuro. Así como as accións que esixe a situación antes de que sexa demasiado tarde.
Unha investigación necesaria que pon en valor os territorios da España maltratada e esquecida, que pretende dar a coñecer a extinción á que se aboca o rural estatal, asasinando con el unha historia común construída colectivamente durante séculos. Patrimonio inmaterial da terra, merecedor da protección e das políticas públicas necesarias para preservalo.
ANTECEDENTES HISTÓRICOS
A distribución poboacional da Galiza é única no mundo, derivada directamente dos pobos celtas que habitaron o territorio durante o período previo á romanización. Estes pobos compartían usos de vida homoxéneos, lingua, relixión e idiosincrasia propia. Esa unidade é o que se coñece como cultura castrexa.
O castro é o nome que reciben as estruturas sociais a través das cales se articulaba a sociedade castrexa. Estes caracterizábanse por estabelecerse en lugares illados, practicamente inaccesíbeis, onde a orografía actuaba como defensa natural. Actualmente están espallados por todo o territorio galego en outeiros, montañas, illas onde a canfurna atlántica bate con forza, barrancos e penínsulas. Así mesmo, os castros tiñan unha característica dual. En primeiro lugar, encontrábanse moi afastados entre si uns dos outros; e, en segunda instancia, tiñan capacidade para unha poboación moi reducida[1]. Estes factores propiciaron a aparición de milleiros de agrupacións sociais diminutas espalladas por todos os recantos da nación.
No século V d.C, cando xa levaban douscentos anos en pé as murallas da cidade de Lugo, aínda grande parte da poboación continuaba vivindo en pallozas de pedra, adobe e palla. De feito, dous séculos despois da caída do Imperio Romano, durante o período suevo[2], o castro de Viladonga (Lugo) vivía o seu momento de maior esplendor.
Ante o cese das hostilidades tribais, a introdución da divisa e a procura dunha vida mellor, a partires do século VI os castros son abandonados pero as pautas habitacionais da poboación permanecen intactas. As pallozas xa non se localizarán no interior das murallas dos castros pero manterán a súa condición illada no territorio.
Este feito terá dúas consecuencias na realidade sociopolítica do país galego. Por unha banda, e facendo uso da teoría construtivista, desenvolverase un culto sincrético e superposto ao longo dos séculos debido á asimilación levada a cabo polos “conquistadores” de cada era. A cronoloxía será a seguinte:
- Paganismo celta / castrexo
- Paganismo romano (mitoloxía grecolatina romanizada).
- Cristianismo romano (con asimilación do culto pagán previo)
- Maxia nórdico-xermánica sueva
- Arrianismo suevo
- Priscilianismo suevo
- Catolicismo final
Este cúmulo sincrético de cultos propiciará na actualidade da idiosincrasia galega multitude de crenzas de tipo animista e pagán que se confunden con rituais santeiros e pseudo-cristiáns, unha extensa mitoloxía, e o feito de que Galiza sexa a rexión de Europa con maior índice de poboación supersticiosa.
Pero o punto fundamental que se deriva de toda a cultura castrexa, é que Galiza herdará da forma habitacional prerromana unha altísima dispersión residencial que fai que reúna o 75% de todos os núcleos rexistrados no estado español. (Punzón, 2019). Son na Galiza 65.154 as áreas habitables identificadas con denominación específica nas catro provincias, mentres que nas 46 restantes do conxunto de España contabilízanse un total de 87.237 (Punzón, 2019).
Non obstante, esa resistencia galega a abandonar os núcleos de poboación dispersos e illados que semellaba eterna, hai un século que entrou en crise e atópase hoxe en estado crítico. A demografía da nación amosa unha recesión sen precedentes e uns datos estatísticos catastróficos.
Cando comezou o século XX, 11/100 españois vivían na Galiza. 120 anos despois fano 5,9/100. Por primeira vez na historia desde que existen rexistros a poboación galega representa menos do 6% do total do Estado. (Punzón, 2013).
[1] Segundo os estudos, o castro máis habitado foi Santa Trega (A Guarda), cunha poboación non superior a 3.000 persoas.
[2] Suevia, primeiro reino articulado da historia da humanidade. Estabelecido na antiga provincia romana da Gallaecia polos suevos, que dominaron a nación fronte aos visigodos, que se fixeron co control do resto da Península Ibérica. Alcanzou o seu apoxeo durante o reinado de Rekhiario, expandíndose ata a actual Andalucía.