A Cidade da Selva, resistencia armada nos montes de Casaio

Non só lenda, senón tamén historia. A loita e o sacrificio de quen construíron, habitaron e defenderon até a morte este poboado guerrilleiro non deben caer no esquecemento. Esta é a Guerra Civil que non rematou no 1939.

PREME AQUÍ PARA OLLAR O VIDEO DA PRADO RÚA REFERENTE Á CUARTA ENTREGA DA COLECCIÓN

 

Antre as montañas de Ourense, na serra de Casaio, agochan os vestixios dunha historia que caeu no esquecemento da memoria colectiva galega. Unha épica narrada pola combatividade, valentía e resiliencia de aqueles que xamais depuxeron as armas e loitaron até a morte pola defensa dos seus ideais.

18 de Xullo de 1936, a data do fatídico alzamento militar da paso a 40 anos de cruenta ditadura. Tres días de resistencia é, segundo recolle a Historia, o que a nosa terra loita antes de sucumbir ó dominio dos sublevados. Tres días que inician unha guerra non de grandes contendas e longas campañas de batalla, senón de persecución, terror e morte. As voces dos nosos intelectuais galeguistas ou afíns á república dilúense no silencio con cada salva dos pelotóns de fusilamento mentres a esperanza de vencer ó inimigo semella cada vez máis escura.

Máis a firmeza dos combatentes antifranquistas ten aínda un longo camiño por diante. Recóllese que corre o ano 1941 cando comeza a instaurarse no Val da Bruña, Comarca de Valdeorras, un asentamento maqui escudado polos montes da zona e pertencente á Federación de Guerrillas de León-Galicia. Un pequeno núcleo de resistencia que alberga a entre 100 e 200 milicianos e conforma un dos maiores fitos da remanencia republicana combatente.

Por aquel entón, a existencia do lugar non era coñecida máis que polos seus habitantes, malia que a súa lenda comezaría a estenderse pasados os meses até chegar a coñecemento das tropas do réxime.

“A Cidade da Selva” foi o nome co que se bautizou a esta comunidade, facendo así xustiza ó nivel de desenvolvemento que se logrou ó longo dos seus anos de existencia: máis de 50 edificacións repartidas entre 18 campamentos documentados, moitas das cales permanecen en pé aínda que deterioradas polo paso do tempo. Un poboado rebelde exiliado na súa propia terra construído por socialistas, comunistas, anarquistas e republicanos.

A pesares do illamento co exterior que protexía ó asentamento das forzas do réxime, a Cidade sobrevivía ca axuda do contrabando de armas e víveres, en parte aproveitando a infraestrutura das próximas minas de Wolframio no propio Casaio, que se organizaba a través de enlaces e colaboradores civís. O material bélico do que dispoñían, non obstante, estaba na súa maioría obsoleto en comparación co inimigo, chegando a empregar, de acordo cas investigacións máis recentes, revólveres do século anterior.

Sen embargo, a relevancia destas explotacións mineiras vai máis aló da mera loxística. “A mina dos Alemáns”, como se coñecían, eran traballadas forzosamente por centos de presos republicanos chegados de todo o Estado. Algúns lograron fuxir e outros foron rescatados grazas ás múltiples incursións da guerrilla. Dun ou outro xeito, moitos remataron por unirse a esta e incluso a permanecer no santuario rebelde que se erguía nos montes.

Os combatentes que alí vivían, tanto os fundadores orixinais da Guerrilla de León-Galicia coma os que se adheriron nos anos seguintes proviñan de diversos contextos e inclinacións políticas, pero a diferenza do que ocorreu noutras frontes da Guerra Civil e a Posguerra, onde os enfrontamentos internos lastraron unha defensa cohesionada da democracia, as distintas idiosincrasias na Cidade da Selva loitaron unidas. Xunto a eles, viviron figuras fundamentais da Federación, coma Mario Morán, Domingo “O Inca” Rodríguez e Cándido “Malvavisco” Losada, quen provía armamento nas distintas frontes de loita antifranquistas do noroeste. Todos eles lograron fuxir e exiliarse no estranxeiro durante a paulatina caída do movemento maqui, e puideron relatar a viva historia da Cidade.

Non obstante, e tras catro anos de férrea resistencia, o destino dos guerrilleiros do monte comezou a trocar no 1945. A delación por parte dos veciños permitiu á Garda Civil localizar un piso franco na localidade leonesa de Columbrianos. Nel atopábanse tres combatentes e dous colaboradores que resultaron abatidos, así coma documentación da organización que albergaba os nomes e alcumes dos seus enlaces co exterior.

Máis de 500 persoas foron detidas, encarceladas ou executadas entre 1945 e 1946 pola súa relación directa co movemento maqui do noroeste, aillando e desprovendo así á Cidade de axuda, información e suministros. Xa debilitada, durante a celebración dun congreso no que a guerrilla planificaría a súa reorganización coincidindo ca caída do nazismo e o fascismo italiano, un asalto protagonizado pola Garda Civil e o Exército concluía tráxicamente a historia do asentamento rebelde.

A maioría dos alí presentes foron abatidos e apresados. Entre os que puideron escapar, moitos lograron exiliarse no estranxeiro mentres que outros optaron por continuar a súa loita, morrendo no 1954 o último combatente en activo do grupo. A pesares de que a actividade miliciana continuou tanto na Galiza coma no resto do Estado durante os anos vindeiros, a caída da Cidade da Selva supuxo un duro golpe contra o antifranquismo.

A guerrilla galega da década dos 40 viviu e resistiu sen perder de vista o escenario bélico da Segunda Guerra Mundial, ca esperanza de que a caída do fascismo en Europa puidera traer o regreso da República ou, canto menos, a caída do réxime. O obxectivo primordial era seguir en pé e para avivar a loita armada cando ese momento chegara, mais xamais aconteceu.

O novo escenario político que comezaba a emerxer tolerou a existencia das mesmas ditaduras en España, Portugal e Grecia que aquelas que tanto custara derrotar no resto do continente.

Dende entón, as vivendas e construcións erguidas a man polo movemento de resistencia permanecen nos montes de Casaio, camufladas pola vexetación e rodeadas polos restos daquela última batalla. Ruínas que contradín a historia da Galiza que se deixou someter tras o alzamento militar e que abrazou o novo réxime pasados tres días. Recuperar esta herdanza e poñela en mans de quen descoñecen estes feitos é un deber, unha conta pendente con quen deron a súa vida pola democracia, pola república e pola nosa terra.

 

REFERENCIAS

  • http://historiadegalicia.gal/2018/07/a-cidade-da-selva-un-dos-mais-importantes-campamentos-da-guerrilla-antifranquista-sera-escavado/
  • https://www.gciencia.com/historias-gc/segredos-cidade-da-selva-de-casaio/
  • https://praza.gal/cultura/un-documental-para-contar-a-historia-guerrilleira-da-cidade-da-selva-a-derradeira-fronte-de-batalla-da-guerra-civil
  • https://www.eldiario.es/galicia/ciudad-selva-segunda-guerra-mundial_1_1478842.html
  • https://gl.goteo.org/project/pelicula-documental-ciudad-de-la-selva
  • https://www.youtube.com/watch?v=bHWYjiWISLk
Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad