As cousas que unha leva consigo

Da aldea á cidade, das pitas á publicidade e do café de especialidade ao de todas as mañás. Sobre facerse maior, buscarse a vida e descubrir que as mulleres que viñeron antes ca nós tamén tiveron que aprender a vivir a súa.

Fotografía da autora.

 

Non teño un rabaño de vacas, pero de vez en cando saco a pacer un rabaño de pitas. Non sei se iso conta como experiencia gandeira, pero tampouco teño especial interese en descubrilo. Boto patacas, arranco remolachas, apaño frejoles, vou á leña e rego os semilleiros das leitugas. Despois volvo á casa, miro o teléfono e seguramente atope algún correo que me recorde que tamén son autónoma e que teño facturas que pagar.
Ás veces penso que a miña vida é unha combinación bastante curiosa de cousas que aparentemente non teñen nada que ver. Podo pasar unha mañá escribindo un anuncio para unha marca e a tarde discutindo ca abuela porque non me deixa facerlle unha fotografía. Podo cambiarme de roupa tres veces para conseguir o outfit chulísimo que imaxinei na miña cabeza e emocionarme porque este ano houbo máis castañas. Podo estar en Barcelona tomando un café de especialidade a prezo de menú do día e, na mesma semana, andar polos Ancares cunhas botas de goma cheas de lama. E non sinto que estea cambiando de vida. Simplemente estou vivindo a miña.
Ultimamente penso moito en que quizais iso de ir cumprindo anos consiste en deixar de intentar que todo o que unha é teña sentido para os demais. Durante moito tempo tiven a sensación de que debía escoller entre a rapaza que marchara da aldea para coñecer mundo e a que seguía querendo volver. Agora paréceme unha preocupación bastante absurda. Como se unha persoa tivese que ser sempre a mesma, vivir no mesmo sitio e ter unha única maneira de buscar a felicidade.
Teño vinte e sete anos e non sei moi ben onde vou estar dentro de cinco. Nin sequera sei se dentro dun ano seguirei traballando do mesmo. Son publicista e comunicadora, escribo, fago fotografías e hai uns meses decidín facerme autónoma, unha desas decisións que parecen estupendas ata que descobres que a ilusión non figura entre os métodos de pagamento aceptados pola Seguridade Social. Hai días nos que estou convencida de que vou conseguir todo o que me propoño e outros nos que me pregunto se non sería máis sensato buscar un traballo tranquilo, cobrar unha nómina e deixar de inventar maneiras de complicarme a existencia.
E nalgún momento, entre todas esas dúbidas, penso nas mulleres da miña casa.
Penso no pouco que sei de como eran cando tiñan a miña idade. Coñezo as súas historias, os traballos que fixeron e as dificultades que pasaron. Pero cústame imaxinalas con vinte e sete anos, sen saber aínda como lles ía saír a vida. Enfadadas por algunha parvada, ilusionadas con algo que non lle contaran a ninguén ou preguntándose se estarían tomando a decisión correcta.
E eu, que levo meses preguntándome que vou facer coa miña vida, descubro que case nunca lles preguntei que querían facer elas coa súa.
Tamén me pregunto que pensarán realmente de min. Se lles parece unha tolería pasar tantas horas escribindo, xogando a organizar un festival ou intentando sacar a fotografía perfecta. Se entenden que unha pode marchar da aldea sen querer esquecela. Se lles fai graza que haxa xente disposta a pagar por un café que non está máis rico ca o que fan elas polas mañás.
Seguramente algunhas cousas lles parecen absurdas. E creo que teñen razón en varias.
Pero tamén me gusta pensar que recoñecen algo nesa maneira de buscarme a vida, de probar, de equivocarme e de volver intentalo. Non porque as nosas circunstancias sexan comparables, senón porque elas tamén tiveron que ir descubrindo como saír adiante. A diferenza é que moitas veces non puideron escoller entre demasiadas alternativas.
Iso non significa que queira vivir coma elas. Nin moito menos. Non envexo as súas xornadas interminables, as oportunidades que non tiveron nin todas as cousas ás que tiveron que renunciar. Tampouco creo que haxa nada especialmente fermoso en pasar frío, traballar ata esgotarse ou non poder decidir onde queres vivir. Hai unha tendencia moi estendida a converter en poesía as dificultades da vida rural, especialmente cando quen escribe sobre elas pode regresar á cidade ao acabar a fin de semana.
Eu quero a miña aldea, pero tamén quero que teña servizos, oportunidades e xente. Quero que marchar sexa unha elección e non unha necesidade, que volver non implique converterse nun exemplo de emprendemento e que quedar tampouco obrigue a pasar a vida demostrando o valente que é unha.
Porque, ademais, non todas as mulleres rurais teñen por que parecerse á fotografía que nos vén á cabeza cando pensamos nelas. Coñezo mulleres que saben sachar unha leira e outras que non distinguirían unha remolacha dunha pataca. Mulleres que coidan das vacas, que traballan diante dun ordenador, que escriben ou que fan un pouco de todo. Algunhas son ambiciosas, outras presumidas, contraditorias, preguiceiras ou un desastre. Como as mulleres de calquera outro lugar, vaia.
Eu mesma son moi distinta daquela nena que medrou nos Ancares. Vivín en cidades que daquela nin sequera coñecía, fixen cousas que nunca imaxinara e tomei decisións que probablemente volvería tomar doutra maneira. Pero hai algo daquela nena que segue aparecendo en case todo o que fago: nas palabras que utilizo, nas historias que me interesan, na necesidade de retratar determinadas cousas antes de que desaparezan e nesta manía de querer saber como era a vida das persoas antes de que eu chegase.
Non creo que ser de aldea me faga mellor persoa, nin máis auténtica, nin máis traballadora. Pero si creo que me fixo ser a persoa que son. E iso paréceme suficiente.
Quizais por iso agora me interesa tanto pensar nas mulleres da miña casa máis alá de todo o que fixeron por nós. Imaxinalas antes de que as súas vidas se convertesen nas historias que hoxe contamos. Preguntarlles que lles gustaba, que lles daba medo ou onde pensaban que estarían cinco anos despois.
Este ano, polo Día da Muller Rural, non me apetece escribir outra homenaxe ás mulleres fortes que sostiveron o mundo. Xa sabemos que fixeron moito, demasiado ás veces.
E gustaríame que as que vimos detrás non tivésemos que herdar tamén a obriga de poder con todo.
Eu, polo momento, seguirei intentando vivir de escribir, facendo fotografías que a abuela non sempre quere que lle faga e meténdome en proxectos que non sei moi ben como van saír. Seguirei marchando e volvendo, queixándome das cousas que non funcionan na miña terra e emocionándome con outras que seguramente non teñen demasiada importancia para ninguén máis.
E cada vez que volva á aldea, se hai que ir á leña, irei á leña. Se hai que apañar castañas, apañarei castañas. E se hai que sacar as pitas a pacer, pois tamén.
Que para algo temos un rabaño.
Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad