Unha reflexión sobre como a liberdade das mulleres que se vinculan con homes inflúe en non atopar un candidato para compartir a vida en parella.
Imaxe: Lucía Rodríguez
Antes de comezar este texto tiven que ordenar pequenos rincóns do meu cuarto. Os apuntes da oposición, recoloca-la mesa de DJ e ata a “bolsa de bolsas”. E este tema paréceme iso exactamente: a boneca rusa. Podería pasarme días enteiros sacando argumentos das dificultades relacionais que temos as mulleres. Con amigas, porque a autocrítica… pouco se traballa.
A maioría das miñas amigas non teñen pai, e para as que teñen, emocionalmente non existe. Hai uns meses lin un artigo en Substack da humorista arxentina Cecilia Hace, onde propoñía: Pode ser que a liberdade económica chegara antes que a emocional para nós? Claro que pode. Tanto, que agora temos outro problema: temos un nivel de xestión emocional, independencia e coñecemento (formativo e vital) que nunca antes acadaran as mulleres da modernidade -malia que na prehistoria os tiñan ben á raia-. Como ela mesma di, somos a primeira xeración de mulleres en manternos a nós mesmas -e engado-, pero aínda así o “amor” consegue manternos presas en moitas ocasións.
Levo moito tempo solteira, e foi duro pelexar contra o sentimento de soidade. Enfadeime varias veces co feminismo. Da primeira lémbrome perfectamente: era o meu terceiro 8M en Madrid, e fun á manifestación de morros. Decidira poñer fin á relación co meu ex e, sabía que, de non ser polo feminismo, non tería sido capaz de deixalo, aínda queréndoo. Estaba pasando a dor máis grande que experimentei, pero podería ter sido toda unha vida de sufrimento. Igual que o é para moitas. Nese momento caguei en todo o argumentario.
Hoxe non me pecho á posibilidade de namorar dunha muller. A vida sería moito máis doada, pero hai que admitir que é frustrante -cando menos- pensar, e estar segura de que se non fose feminista, independente e de opinións fundamentadas, -ademais de coñecerme sexualmente falando- probablemente estaría compartindo a vida en parella. Obviamente, non co tipo de relación que me gustaría. Hai moitos estudos ao respecto; Antoni Bolinches, un gran psicólogo, deféndeo así: “por norma xeral, os homes escollen a candidata coa que se sintan superiores.”
Tratar de coñecer alguén adoita ser unha xincana de esquivar egos feridos. Ao final conformámonos con que sexan boas persoas e, coa mesma, vexo amigas condenadas a perdoar faltas de empatía e impulsividades propias do parvulario, porque “son bos”. “Boas persoas”. Pero é que nós somos cojonudas!!!! Aínda pertencemos a unha xeración de homes orfa da cultura dos coidados. Sabémolo. Por iso perdoamos, e porque merecemos e queremos ser amadas. Serán capaces de entender algún día que a balanza descompensada na intimidade perpetúa en nós a sensación de baleiro? Unha vida a medias non paga a pena.
P.D. Se coñecedes algún que renunciase a tódolos privilexios, presentádemo, teño que verificalo.





