A guerra en Irán non é para salvar mulleres. Un novo exemplo de como as dereitas utilizan o feminismo para exercer violencia.
Referencia da imaxe: @meliacurls/instagram
A polémica do uso do niqab (o veo musulmán) rebrotou de xeito tímido, como fai a herba despois das nevaradas do inverno, no medio das datas de Nadal. Facíao entre o 28 de decembro, no comezo das protestas en Irán pola devaluación da súa moeda, e a chegada do novo ano; ou o que é o mesmo, co secuestro de Maduro por parte dos Estados Unidos o día 3 de xaneiro.
Mentres neses primeiros días do ano os iranianos saían ás rúas de todo o país de xeito masivo e eran brutalmente reprimidos polo réxime dos aiatolás, en España os medios de dereitas comezaron a falar da moral do uso do niqab. Coas máis de 3,500 persoas iranianas asasinadas e represaliadas nas manifestacións, Trump ameazou cunha intervención militar no país. Malia que en Europa estabamos sumamente preocupados por Groenlandia, pareceu que valía con que reducisen o investimento en armamento nuclear.
Aquí, os medios de comunicación con nesgo conservador facían virais a imaxes das mulleres iranianas sacando o veo, fumando cigarros e queimando a foto de Khamenei (ata hai uns días aiatolá) nas protestas. Moitas delas eran fakes porque eran mulleres que residían fóra do país. De súpeto falábase dos dereitos das mulleres, das liberdades reprimidas durante anos, das nenas que nunca coñeceran vivir en liberdade, de que os médicos non podían atender as mulleres porque non lles estaba permitido tocalas en Irán e do que significaba o veo: esconder a tentación (o pelo) para os homes.
De repente os homes-brancos-españois de dereitas eran os máis feministas do mundo; por suposto, sen contar coa opinión das mulleres musulmás deste Estado con séculos de convivencia entre relixións. Vox rexistrou unha proposta de lei para prohibir o uso do veo en España e o PP votou a favor. Junts seguiunos coa súa propia proposta para forzar a independencia dun voto non conxunto o 17 de febreiro.
Hoxe xa se coñece o porqué: nunca foi polas mulleres. Nunca foi de nós. Como ían defender calquera dereito dunha muller os que non queren deixarnos decidir sobre os nosos corpos. Aos que non lles importa se nos violan, os que ata non hai moito instaban as nosas avoas a gardar o loito. E foron elas, as mulleres, as que de xeito persoal decidiron deixar de gardalo cando obtiveron plenos dereitos nunha sociedade que as consideraba cidadás libres. Pero iso foi co paso do tempo.
Isto era outra excusa dos Estados Unidos para colonizar un país e, unha vez máis, caemos na súa propaganda. O primeiro ataque do aliado Israel matou máis de 150 nenas nunha escola de primaria.




