O día 13 de outubro de 2025 aconteceu algo insólito: catro concelleiros tránsfugas do Partido Barbanza Independiente (PBBI), que formaban parte do goberno de Ribeira xunto co BNG, presentaron unha moción de censura contra o seu propio executivo. O obxectivo: apartar a Luís Pérez Barral (BNG) da alcaldía e devolver o poder ao PPdG, nun movemento que lembra as vellas estratexias do partido.
Nesta exclusiva para O Ferrado, Pérez Barral relata como afrontou o golpe, denuncia os intereses particulares detrás da operación, as manobras escuras que a fixeron posíbel e reafirma o seu compromiso coa dignidade política.
━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━
P: Vén de pasar uns días duros. Que tal se atopa a nivel persoal despois destes últimos días?
R: Síntome moi ben porque recibín e aínda sigo recibindo moitísimo apoio da veciñanza de Ribeira e por suposto da parella, das amizades e da familia.
Saio coa cabeza alta porque fomos un goberno digno, honesto e contamos co apoio da xente, só hai que ver como rebordou de xente pero tamén de cariño o auditorio no acto do xoves antes da moción de censura.
P: Que opinión lle mereceu a moción de censura?
R: Pois creo que foi unha manobra desprezable. En Ribeira a maioría da veciñanza sabe que non existiron motivos para facer esa moción de censura. Susténtase tan só en dúas cuestións: unha delas é o interese particular dos concelleiros e concelleiras que a promoveron e a outra é que responde a intereses partidistas, neste caso do Partido Popular (PPdG) para acabar cun goberno que funcionaba e que era moi ben valorado pola poboación.
P: Volvamos ao 2023. Arrepíntese vostede do pacto co PBBI para erguerse co bastón de mando como primeiro alcalde do BNG?
R: En absoluto. En 2023 fixemos o que a maioría da poboación decidiu maioritariamente nas urnas que era un cambio de goberno despois de 40 anos de dereita.
P: Confiaba, realmente, vostede na cohesión dese acordo? Desde cando comezou a desconfiar dos seus socios de goberno?
R: A cohesión e o bo funcionamento do goberno deuse até o último momento e non houbo discrepancias porque había xuntanzas semanais nas que se aborda os asuntos e todo o que ía adiante facíase por consenso.
Con respecto á segunda pregunta teño que dicir que non desconfiei nunca. Eu sabía que había contactos e por iso mesmo cheguei a preguntarlle a Vicente Mariño se confiaba en min como alcalde. Sempre me dixo que non pasaba nada e que rematariamos o mandato. Agora demóstrase que a súa palabra non vale nada. Manobrou contra o goberno de coalición estando no propio goberno, rachou co acordo de goberno asinado e traizoou aos veciños e veciñas de Ribeira facendo o contrario do que prometera. Tanto é así que o PBBI rexistra a moción de censura estando no goberno municipal. É dicir, censura ao goberno do que formaba parte.
P: Nunca lle resultou incómodo pactar cun partido de dereitas? Por que si cun partido de dereitas como o PBBI mais noutras vilas non pactan co PP?
R: En Ribeira levaba a dereita gobernando 40 anos e na campaña das eleccións municipais de 2023, pode comprobar os discursos de BNG, PBBI e PSOE, a pesar de ser partidos diferentes e con ideoloxías distintas, todos tiñan un elemento común: todos cadraban na idea de que había que ter un cambio de goberno porque había un política de desviacións orzamentarias con obras que disparaban o seu prezo, tomábanse as decisións unilateralmente e mesmo en contra da veciñanza e un longo etc.
Por tanto, o que se fixo en Ribeira foi manter a coherencia do que se lle prometera á veciñanza na campaña.
P: Se tivese que dicir cal é o motivo principal que está detrás da moción de censura, cal é?
R: Como ben apuntei antes, responde a dous motivos:
Por unha banda, responde exclusivamente aos intereses particulares de Vicente Mariño, Herminia Pouso e Fernando Abraldes. Estes concelleiros dicíannos que en xuño de 2023 recibiran ofertas económicas de destacados membros do Partido Popular se botan abaixo o acordo de goberno asinado co BNG. Cabería preguntarse agora se esas ofertas foron maiores para propiciar esta mudanza.
Por outra banda ás ansias de poder que ten a señora Sampedro e o PP, acadar o poder como sexa e facendo o que faga falla.
En Ribeira manobraron coa Xunta bloqueando proxectos e poñendo moitas pedras no camiño para tentar tombar un goberno que funcionaba. Mais esta moción é moito máis, é un intento de frear unha forma diferente de facer política, máis aberta, máis participativa e máis limpa. Agora están traballando para devolvernos a un tempo no que o Concello era un espazo de favores, de clientelismo e de opacidade.
P: Cal cre que é o motivo que se esconde detrás da moción? Cuestións relativas á Deputación Provincial ou a propia Ribeira?
R: Esta moción de censura responde tamén a iso, ás ganas que ten o PP de recuperar as deputacións provinciais da Coruña e Lugo e non hai máis que mirar os datos. Dende que o Tribunal Constitucional permite as mocións de censura co voto de tránsfugas en Galiza producíronse 8 mocións de censura das que o PP beneficiouse en 6 delas.
P: Cales son os tres feitos dos que se sente vostede máis orgulloso como alcalde?
R: O primeiro deles é gobernar para todas e para todos, sen distincións, sen favoritismos, con transparencia e sobre todo con humildade, como un máis.
O segundo foi o de poñer ás persoas no centro das nosas accións. Por primeira vez en moito tempo cambiáronse as prioridades. Acabáronse as obras faraónicas sen sentido que multiplicaban os sobrecustos para destinar os fondos ao que realmente importa. En só dous anos e medio conseguimos investir 5,5 millóns de euros ás parroquias para dotalas de servizos tan esenciais e básicos como son o saneamento, a auga potable e as pavimentacións.
Por último, síntome contento de poder deixar un Concello mellor do que encontramos. Cando chegamos ao goberno atopámonos cun Concello afogado nunha débeda de 13 millóns de euros, e agora pretenden botarnos por facer ben o noso traballo. Fronte esa débeda, nós sabedes que deixamos? A maior cantidade de fondos europeos nunca antes conseguida: 6,5 millóns de euros para mellorar Ribeira.
P: E as maiores decepcións? E os fracasos?
R: A maior decepción é ver como existen persoas que veñen á política para satisfacer os seus intereses particulares e servirse das institucións. Tamén doe ver como o PP utiliza o goberno galego e os seus recursos que son de todos os galegos e galegas para atacar os concellos que son de diferente cor política.
P: Que cambiou en Ribeira con vostede á fronte en áreas como Urbanismo, Lingua, Cultura ou Mocidade?
R: Comezamos a implantar un novo modelo urbano creando espazos accesibles, verdes e pensados para as persoas como se puido ver na remodelación da praza do Centenario ou na peonalización das rúas Otero Pedrayo e Mendiño. Tamén deixamos consignados fondos para revitalizar o barrio histórico de Banda ao Río e converter a histórica nave da conserveira Cerqueira nun ben público para convertelo no epicentro social, cultural, recuperando o patrimonio industrial conserveiro tamén puxemos a cultura nun lugar de preeminencia.
Levábamos tempo sabendo que Ribeira tiña sede de cultura porque un pobo sen cultura é un pobo sen identidade, e Ribeira tiña dereito a recuperar o orgullo de ser unha vila mariñeira pero tamén unha vila que fose referencia cultural. Neste tempo logramos traer á Orquestra Sinfónica de Galiza, organizamos unha programación cultural diversa e de calidade, acollemos unha das maiores feiras culturais do Estado como é o Culturgal e celebramos a maior mostra de teatro da historia do noso concello. E fixémolo sen esquecer aos creadores locais, porque a cultura non é só espectáculo: é tamén participación e cohesión social.
E que dicir do Festival Salmoira convertido no símbolo dese cambio: un encontro no que as nosas rúas se encheron de arte, de cor e de memoria, rendendo homenaxe a Castelao e á historia viva do noso pobo. Non foi unha simple actividade cultural, senón unha declaración de principios: Ribeira é un lugar que se quere a si mesma, que coida os seus espazos e que fai da arte un instrumento de convivencia e orgullo colectivo.
P: Se se tivese que poñer unha nota como alcalde, cal sería? E aos seus socios de goberno?
R: Penso que fomos un goberno que estivo á altura, preparado e moi competente. Eu sempre tratei de resolver os problemas con honestidade, intelixencia e diálogo mais en todo caso é unha cuestión que terán que valorar os veciños e veciñas nas eleccións municipais de 2027. Sinceramente a sensación maioritaria na rúa é que o PP e o PBBI van sufrir un forte castigo polas manobras que se fixeron en despachos e de costas ao interese xeral.
P: Mariola Sampedro é unha política coñecida en Ribeira logo de máis dunha década na Corporación Municipal. Podería dicirnos un defecto e unha virtude da nova alcaldesa?
R: A virtude que destacaría é a excelente capacidade que ten para manobrar. O defecto é o sectarismo e o seguidismo ao PP. Demostrou neste pouco tempo que non é a alcaldesa dos veciños e veciñas, é tan só a alcaldesa do Partido Popular ao antepoñer os intereses do seu partido por riba dos intereses da veciñanza. Non hai máis que ver como nunca apoiou ás nais e pais que piden profesorado para as súas crianzas ou ás persoas maiores que piden médicos que poidan atendelos na sanidade pública con calidade e sen demoras excesivas.
P: Que perde e que gaña Ribeira co cambio de goberno?
R: Ribeira perde un alcalde e un goberno que sempre estaban ao lado da xente.
P: Pode facer unha valoración do traballo como alcalde en relación ás administracións públicas colaboradoras coa xestión municipal (Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Goberno do Estado e Unión Europea)?
R: Tivemos unha magnífica relación con todas as institucións agás coa Xunta a quen sempre lle tendemos a man para apoiar proxectos que beneficiasen á poboación pero pola súa banda sempre atopamos o silencio ou directamente o bloqueo.
Pode verse en cuestións como que coa Deputación da Coruña sacamos proxectos adiante e convenios para mellorar espazos do municipio como a rúa Cristóbal Colón e a Xunta sempre optou por castigar á veciñanza e mesmo tratou de crear problemas. Exemplos disto que digo é como Portos tratou de impedir a colocación das festas na localización nas que se viñan poñendo durante máis de 40 anos, a Consellaría de Política Social trata de impedir a construción da residencia mediante falsidades ou como se lle nega a Ribeira financiamento para levar adiante o novo polígono industrial.
P: A súa perda da alcaldía implica, consecuentemente, a perda do seu soldo. Que vai facer Luís Pérez Barral? Volverá ao seu traballo ou cobrará o ‘paro’ para centrarse en recuperar a Alcaldía?
R: A miña prioridade segue sendo Ribeira. Compaxinarei o meu traballo profesional coa dedicación ao proxecto municipal, porque creo que servir á veciñanza non depende dun cargo, senón do compromiso diario co noso concello.
P: Cantas actas cre que lograrán no 2027? Conta con ser candidato?
R: Non me gusta poñer cifras, pero estou convencido de que o proxecto vai medrar moito. Hai moitas persoas que cren no que facemos e que confían en nós, a verdade é que a xente anímanos a seguir e iso éncheme de forza. Por iso vou seguir traballando con máis ilusión ca nunca: porque creo en Ribeira e na súa xente, e non penso deixala tirada.
P: A Xunta de Galicia, unha vez vostede saíu do despacho de Alcaldía, anunciou a licitación da residencia de maiores de Ribeira. Tiñan vostedes moi avanzado este acordo? Houbo algunha actitude criticable nese anuncio?
R: A residencia pública de maiores foi sempre unha prioridade. Cando estabamos na oposición, o BNG presentou unha iniciativa para que Ribeira contase cunha residencia pública nun lugar concreto, proposta que foi aprobada por unanimidade de toda a corporación. O propio PP asumiu aquela idea e chegou a presentala, xunto coa conselleira Fabiola García, como o “quilómetro cero” do novo modelo de residencias en Galiza.
O proxecto quedou practicamente listo, faltaba só un trámite administrativo de Augas de Galiza para poder iniciar as obras. E nese momento, sen ningún criterio técnico serio, sen ningún tipo de cambio normativo deciden que o terreo non é válido. Agora pretenden comprar outro terreo a pesar de que se gastaron moitos cartos públicos no terreo e no proxecto. É evidente que non se trata dun problema técnico, senón político: o que non querían é que unha infraestrutura pública tan importante avanzara porque había un goberno municipal diferente ao PP.
En todo caso, seguirei traballando para que Ribeira teña esa residencia pública de maiores que merece, porque é unha cuestión de dignidade e de xustiza social.
P: O BNG logrou escano no partido xudicial por 11 votos por riba dos socialistas. Que resultado cre que veremos no ano 27? Un PP con dúas actas pola división da esquerda?
R: Estou convencido de que o BNG vai ter un forte apoio. Imos presentar bos proxectos e boas candidaturas. Somos unha forza á alza e imos avanzar para ter máis representación nos concellos con gobernos municipais transformadores e con capacidade para mellorar a vida da xente.
P: E, xa para concluír, pedímoslle que nos diga o principal fito de Pérez Barral como alcalde.
R: A garantía da nosa palabra. Traballamos pola veciñanza e nunca lle fallamos á e así o demostramos ao longo destes dous anos e medio. Outros, defenden as siglas por riba de todo, aínda que iso implique castigar a Ribeira sen investimentos ou recortes na Sanidade e na Educación.
P: Canción favorita
R: A sky full of stars de Coldplay.
P: Libro preferido
R: A esmorga de Blanco Amor.
P: Serie coa que desconectar un día de choiva
R: Non son de series, prefiro as películas, se son de acción, mellor. Tamén me gustan as sagas do Señor dos Aneis ou Star Wars.
Político de dereitas co que se tomaría unha copa
Santiago Freire.
P: Político do Bloque que detesta
R: Non teño, temos moi bos compañeiros e compañeiras.





