A Demotanasia da Nación Galega – Perpetrando o etnocidio (2000 – 2020)

A “Demotanasia da Nación Galega” é unha colección científico-divulgativa do Ferrado composta por seis facsímeis que amosan novas chaves e perspectivas respecto da enorme problemática que supón a demotanasia e o consecuente etnocidio da nación galega.
Exposta no Congreso de Demografía da UCM, ao longo da colección analizaranse as orixes, a evolución e o impacto da cuestión nacional máis crucial que afronta Galiza.

 A DEMOTANASIA DA NACIÓN GALEGA

Facsímile 5 de 6: “Perpetrando o etnocidio (2000 – 2020)”. Este artigo correspóndese coa quinta edición da colección “A Demotanasia da Nación Galega“. Recomendámoslle, para unha lectura e comprensión axeitada, ler todas as entregas que a compoñen. As referencias bibliográficas están dispoñíbeis para consulta na derradeira entrega.

Imaxe que ilustra a colección: “Neno de Lalín”, 1926. Ruth Matilda Andersen

 

PERPETRANDO O ETNOCIDIO (2000 – 2020)

Galiza viu morrer e caer no ostracismo nos últimos dez anos a 1.240 núcleos de poboación que estaban habitados. Estes puntos sen vida deben sumarse a outros 2.106 nos que xa só queda o recordo de ter sido ocupados en épocas o suficientemente recentes como para non teren perdido aínda a cualificación de área habitable por parte da administración. (A Voz de Galicia, 2013).

Tan só 48 concellos galegos gañaron poboación no censo de 2013. 267 municipios perderon habitantes. Concellos como A Mezquita quedaron dun ano para outro sen 1/10 de veciños e en Beade o censo baixou un 7% e xa non chega aos 500 habitantes entre todas as súas parroquias. (A Voz de Galicia, 2013).

Unha das consecuencias máis perigosas é, sen dúbida, o feito de que o índice de recambio poboacional é na actualidade o máis baixo da historia: Por cada 100 persoas que acceden á idade laboral (15-20 anos), 150 entran na idade de xubilación (60-65 anos). No ano 2000, esa relación aínda era favorábel ao continxente laboral en 19 persoas.

Certos datos sociodemográficos deben ser expostos para entender a magnitude da demotanasia galega:

  • Os menores de 20 anos representan o 15% da poboación total. En 1975 eran o 33%. (Punzón, 2013).
  • Os maiores de 65 anos supoñen o 24% do censo. En 1975 rozaban o 12,2%. (Punzón, 2013).
  • Por cada 100 menores de 20 anos, hai 160 persoas en idade de xubilación. En 1975 só se contabilizaban 38 (Punzón, 2013).
  • 9/10 concellos minguan residentes. (Cheda, 2014).
  • 2/3 do total deles, o 65% dos concellos, teñen 4.999 empadroados ou menos. (Cheda, 2014).
  • 29 concellos teñen menos de 999 habitantes. O dobre que a finais de 1990. (Cheda, 2014).
  • O índice sintético de fecundidade[1] cifrouse nun raquítico 1,1 fillos por muller (El Correo Gallego, 2015). Extremadamente lonxe do 2.1 necesario para o relevo xeracional.
  • No primeiro trimestre de 2020 na Galiza só naceron 3.820 nenos. A peor cifra de toda a serie do Instituto Galego de Estatística (IGE), que comeza en 1996. (Vilar, 2020).
  • Galiza é a nación de Europa con máis nais a partir dos 40 anos. 13/100 partos prodúcense a partir desa idade. (Vilar, 2020).
  • Coñécense perdas na comunidade entre o ano 2000 e 2015 de máis dun 87% dos espazos parroquiais e máis dun 56% deles con valores por debaixo do 20% dos seus efectivos.
  • Na Galiza están morrendo cada día por volta dunha media de 30 individuos máis dos que nacen. No arranque da década de 1980 eran dadas a luz 40 persoas máis das que perecían.

Este compendio de datos estatísticos xustifica o uso do termo etnocidio para o caso galego. O 75% dos concellos perden poboación entre o ano 2000-2015, e o 40% faino en máis dun 20%. Estas cifras deben completarse co feito ineludible de que un 87,4% dos espazos parroquiais perden efectivos no mesmo lapso temporal e un 56,8% fano por debaixo do 20%. (Pazo e Moragón, 2018).

Esta matización é moi importante dado que a unidade territorial da Galiza por antonomasia é a parroquia. Se ben non está dotada de personalidade xurídica[2], é o núcleo vertebrador das relacións sociais ao interior da comunidade. As parroquias son as descendentes directas da distribución poboacional castrexa.

Hai unha gran identificación persoal coa parroquia como xeradora de identidade, e este fondo vencello alzábase como responsábel do mantemento poboacional disperso até mediados dos 1980. Hoxe en día a parroquia atópase nun claro proceso de regresión, definíndose en moitos casos a súa desaparición e a súa cada vez menor posta en valor. Sobre a importancia da parroquia nesta dirección teorizaba X. M. Beiras (economista e dirixente histórico do nacionalismo galego), en 1969: “Mentres que na Galiza aínda falta por saber do primeiro núcleo dunhas poucas ducias de habitantes que quedara deserto, en Castilla la Vieja ou Aragón xa son moitos os pobos de varios centos de habitantes que están baleiros de todo. O que quere dicir que é máis viábel un núcleo de poboación galego dez veces máis pequeno do que un núcleo castelán ou aragonés”. (Beiras, 1969).

Non obstante, as súas predicións demostraron quedar obsoletas e confirman o exposto ao longo da investigación, o extremadamente  súbito e volátil proceso de cambio social que converteu unha nación pseudo-feudal noutra posindustrial. Percurso que está a esnaquizar a parroquia, seña de identidade do pobo e a paisaxe galega.

 

[1] Obtido como a suma das taxas específicas de fecundidade das mulleres en idade fértil (15-49 anos).

[2] A pesares de estar recoñecida no Estatuto de Autonomía

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad