O Monte Cantabria

E sen chegar a percatarte do cando nin do porqué, vivindo no estranxeiro rematas por conectar física e espiritualmente con esa terra allea que fica baixo as propias, constantes e dubitativas pegadas.

 

A miña primeira semana en Logroño foi un auténtico petardo. O Jack aínda non chegara a España e o Iván traballaba mañá, tarde e noite de guía turístico no Mosteiro de Santa María A Real en Náxera. Entre outros pasatempos, ademais do máis que recorrente lecer enolóxico, ía bastante ao ximnasio. Pero ese día o ximnasio estaba pechado, disque polas festas de San Mateo. Ao chegar, quedei coa correspondente cara de parvo e marchei.

Dende a porta do ximnasio pódese ollar, á outra beira do Ebro e tralo Parque da Ribeira, o impoñente Monte Cantabria. Saquei o móbil, mirei ó Monte, mirei a hora, mirei ó Monte, procurei a ruta, mirei ó Monte. Alá que fun.

Non podes desfacerte da Galiza nin querendo. Para subir ao cumio do Cantabria, unha vez rematado o Parque da Ribeira, hai que cruzar a vella Ponte de Pedra e, tras pasar o cemiterio municipal, comezar a subir polo Camiño Vello de Viana, sendo esta parella topográfica a entrada histórica a Logroño do Camiño Francés. Cruceime con decenas de peregrinos que, vestido eu cunha mochila e con roupa de deporte, deberon pensar que estaba a facer o Camiño do revés. Ían chegar eles ao País antes ca min, iso de seguro. A contracorrente ofrecéronme selos de contrabando e hospedaxes baratas. Pinta de guiri teño, iso seino ben.

Xa estaba preto de chegar ao cumio. Ficaba eu nun momento reflexivo e de intromisión. Típico nos alpinistas, supoño. Parei a observar a terra. A terra rioxana é marrón clara, árida, barrosa cando chove. Aniqueime. Abrín a man e agarrei un bo anaco daquela terra. Erguinme e deixei que se escorregase por entre os meus dedos. Tiven un fondo sentimento. Un sentimento de conexión con aquilo, de amor-odio e de certa angustia. Repetín o proceso. Desta, piqueime no dedo índice cunha estela de pau. Fíxenme sangue. Caeu unha gota do meu sangue ao chan. Resultoume estrañamente atractivo ese intre.

Quedaban sobre 200 metros para chegar ao tope e corrín costa arriba. Cheguei afogado, pero coa euforia do corredor. Inspirei fondo. Relaxeime. Subín ao punto xeodésico que indica a fin. Sentín que unha parte de min estaba alí. E alí quedaría para sempre. Na enxoita terra do Monte Cantabria. Cumio vixiante e protector da capital rioxana. Logroño no horizonte.

Pacto de sangue co estraxeiro. Saúdos e saudades.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad