Do lume á raíz

Galiza arde por un modelo forestal de monocultivo, abandono rural e terras sen xestión. O lume apágase no inverno: con bosques autóctonos, rural vivo e terra produtiva. Sen cambio profundo, o fume volverá cubrir o ceo.

Imaxe que ilustra o artigo: Os incendios asolan a provincia de Ourense – Rosa Veiga / Europa Press

 

Galiza vólvese converter nun país asolado polas chamas que arrasan montes, o noso medio natural, o patrimonio cultural e aldeas, como Caridade, no concello de Monterrei. Outro verán repetimos o ritual cíclico da impotencia: hectáreas ardendo, fume cubrindo o ceo e os medios de extinción traballando ao límite. Mais o problema vai moito máis alá dos medios empregados para apagar o lume. Neste momento sufrimos incendios forestais devastadores e, moitas veces, incontrolables, como os de sexta xeración: Chandrexa de Queixa, Larouco, Oímbra e A Mezquita son o terríbel exemplo.

En Galiza, o modelo forestal dominante baseouse nas últimas décadas na plantación masiva de monocultivos de especies de crecemento rápido (demasiadas veces abandonadas) como o eucalipto e o piñeiro, orientadas a unha produción madeireira intensiva. Esta situación, sumada ao abandono progresivo do medio rural galego, creou unha paisaxe homoxénea, altamente inflamable e con pouca capacidade para frear o avance do lume.

O despoboamento rural e a desaparición de actividades vinculadas ao coidado do territorio (limpeza de soutos, aproveitamento do monte comunal, pastoreo, gandaría extensiva…) deixan milleiros de hectáreas sen xestión. Onde antes había unha paisaxe de cultivos e prados, como se aprecia no famoso voo americano, hoxe medran sen control o mato e especies invasoras que actúan como combustible perfecto. Na comarca do Ribeiro, as antigas leiras e viñedos abandonados transformáronse nun continuo mosaico de mimosas, símbolo visible do baleirado do rural.

A resposta aos incendios non pode limitarse a aumentar camións, brigadas e helicópteros. Na Galiza xa contamos cun dos mellores dispositivos de extinción do sur de Europa e con profesionais comprometidos co noso monte, mais aínda despois desta vaga de lumes, é un dispositivo mellorable e repensable tanto coas consecuencias do cambio climático como coa cooperación entre a Xunta, o Estado e a Unión Europea. Os galegos do rural sentíronse abandoados e sós ante o lume en moitas das nosas aldeas.

A chave está nun cambio profundo do modelo agroforestal: recuperar e diversificar o bosque autóctono cunha xestión multifuncional, manter a moratoria ao eucalipto, diversificar e reestruturar as masas de piñeiro existentes, fomentar unha economía rural viva, mobilizar e recuperar a terra agraria abandonada, reformar a propiedade da terra, poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e cultural, apoiar a xestión comunitaria das nosas comunidade de montes, desenvolver pequenas industrias forestais (como os pequenos aserradoiros que desaparecen) e promover a produción de alimentos e materiais de calidade (leite, queixo, mel, cogomelos, viño, produtos con denominación de orixe, madeiras de frondosas autóctonas…). A sociedade galega debe ter a conciencia de que mercando estes produtos vai facer máis por combater os lumes que milleiros de chíos en redes sociais, moitos deles con bulos e desinformación (eólicos, proxectos mineiros, recalificacións, etc).

Galiza ardeu outra vez, e volverá arder mentres sigamos poñendo o foco só na extinción e non nas causas estruturais. O lume non é un accidente: é a consecuencia previsible dun modelo forestal e rural que cómpre transformar con urxencia no país e no noroeste da Península.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad