Groenlandia non se vende

Fronte ao silencio da Unión Europea, defender Groenlandia é tamén defender o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro, a xestión dos seus recursos e a protección da súa identidade. Unha loita que, desde Galicia, non nos é allea.

No encabezamento, fotografía de JeanUrsula | Getty Images.

Desde a nova chegada de Donald Trump á Casa Branca, a súa política exterior foi a dun elefante nunha cacharraría, especialmente en todo o que ten que ver coa orde mundial que coñecemos e mesmo con parte da esencia da orde xurdida tras a Segunda Guerra Mundial. O día 3 de xaneiro produciuse un feito de enorme gravidade a nivel internacional: a detención do presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, nunha operación imperialista dos Estados Unidos. Con este acto rompéronse de maneira aberta as normas básicas do dereito internacional e a soberanía dos Estados, xogando de forma interesada coa situación interna de Venezuela que, sendo grave e amplamente coñecida, non xustifica en ningún caso a intervención directa nin a acción unilateral dun terceiro país. Este episodio, xunto coas sancións, as presións diplomáticas e as ameazas veladas a diferentes países, evidencia un desprezo crecente polas regras do xogo internacional. A todo isto hai que engadir a política de aranceis, a saída de foros multilaterais, o cuestionamento da ONU e o abandono de acordos medioambientais, configurando un escenario de forte inestabilidade na orde mundial.

Neste contexto aparece tamén a constante ameaza sobre o pobo de Groenlandia. Trump chegou a manifestar publicamente o seu interese en mercar a illa, tratando o territorio e a súa poboación como unha mercadoría, nun exercicio de chantaxe política inaceptable. Mais non se trata só dunha posible agresión a Groenlandia: o obxectivo real vai máis alá do petróleo, das terras raras ou da posición xeoestratéxica. Trátase tamén de desprestixiar a idea de Europa e os valores democráticos que representa no contexto da orde mundial.

Os galegos e galegas que nos recoñecemos como galeguistas, nacionalistas ou que entendemos Galiza como unha nación, debemos mostrar o noso apoio total a un pobo irmán. Irmán porque a súa sociedade reclama decidir o seu futuro, porque defende que os seus recursos naturais sexan para o seu propio benestar, porque posúe unha lingua propia e porque cre na democracia e no Estado de dereito.

Groenlandia é un país pequeno en poboación, pero grande en dignidade política. A través dun referendo en 2008, aprobado por arredor do 75% da poboación, conseguiu un amplo autogoberno, abrindo tamén no futuro o camiño á autodeterminación. Froito dese proceso, obtivo competencias para decidir sobre os seus recursos naturais (petróleo, gas, ouro, uranio, chumbo ou zinc) e o groenlandés (inuktitut) converteuse, ademais, na lingua oficial da illa. Groenlandia posúe unha enorme riqueza natural e unha posición xeoestratéxica chave a nivel mundial. Isto é o que realmente move os intereses dos Estados Unidos, non a defensa da democracia nin da paz, senón o control de recursos e rutas estratéxicas.

No ano 982, o mariño e explorador viquingo de orixe norueguesa Erik Thorvaldsson, coñecido como Erik o Roxo tras ser expulsado de Islandia por varios asasinatos, navegou cara ao oeste e descubriu unha enorme illa á que chamou Grønland (“terra verde”), co obxectivo de atraer colonos cunha imaxe falsa de fertilidade. Este significado cobra hoxe unha nova dimensión co cambio climático. O desxeo en Groenlandia facilita o acceso a minerais como o zinc, o cobre, o grafito ou as tan demandadas terras raras, cuxa importancia tamén podemos relacionar coa guerra en Ucraína. Así mesmo, a apertura de novas rutas comerciais no Ártico vai dar lugar a novas tensións xeopolíticas derivadas da loita polo control destas rutas entre as grandes potencias.

E que fai Europa? Limítase a emitir comunicados de prensa, sen unha posición clara e común. Algúns países envían tropas de control, outros non. Parte da esquerda europea refúxiase nun discurso de falsa diplomacia, evitando abrir o debate necesario sobre a creación dun exército europeo propio, condición previa para poder cuestionar seriamente a permanencia na OTAN. É moi doado escoitar a Néstor Rego (BNG) ou a Ione Belarra (Podemos) dicir que o que hai que facer é saír da Alianza Atlántica, pero facémolo sen ter unha alternativa propia?

Resulta evidente que lles vén moi ben abrir ese debate para alimentar discursos simplistas baseados en destinar cartos á sanidade, á educación ou á dependencia, e non a decisións bélicas. O problema é que, cando o imperio ianqui nos devore, probablemente non haxa nin estado do benestar nin democracia que financiar. Saír da Alianza Atlántica sen unha alternativa propia non é unha solución real, senón un discurso populista. Porque, cando un imperio decide impoñerse, non queda nin estado do benestar nin democracia que defender.

Groenlandia representa hoxe o choque entre o dereito dos pobos a decidir e o imperialismo. Defender a súa soberanía é tamén defender unha Europa democrática, capaz de protexer os seus valores fronte ao imperialismo.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad