Trump combina discursos inconexos que van do libertarismo ao proteccionismo e do cristianismo ao odio, nunha América dividida onde importa máis gañar ca ter unha ideoloxía coherente.
Imaxe que ilustra o artigo: Presidencia de Arxentina (via Reuters)
Nestas semanas de novas continuas, tensión mediática e moitas enquisas dunha cor e mais da outra, os estadounidenses xa teñen un presidente electo. Isto é algo que atinxe a todos os homes e mulleres do planeta. Non estamos a falar, con perdón, do presidente dunha comunidade de veciños, non. O presidente dos EUA ten potestade –outra cousa é a lexitimidade– para comezar guerras e paralas, para intervir nos ciclos económicos mundiais, para establecer uns marcos ideolóxicos e culturais novos ou non e para todo o que se nos poida ocorrer. Mais, cal é a ideoloxía política de Donald Trump? Realmente, ninguén o sabe, hai veces que penso que nin el mesmo sabe con claridade cal é a súa ideoloxía política. Os medios falan de trumpismo como ideoloxía política e asóciano con movementos de dereita populista. Xa, moi ben, pero iso de dereita ninguén ten moi claro xa o que quere dicir.
Un Milei ianqui?
Disque por aproveitar a popularidade de Milei e os seus marcos comunicativos, Trump fala de aplicar políticas económicas libertarias e de escoller para postos relevantes da administración a persoas da Escola Austríaca e da Escola de Chicago. Tamén coincide co arxentino na súa oposición ao stablishment político e aos que viven do Estado. Contrasta con isto a súa medida estrela en economía: subir os aranceis ás importacións, si, America First, os nosos viños e produtos galegos, tan apreciados polos exquisitos padais norteamericanos, terán que pasar por caixa para ser distribuídos no mercado dos EUA. Baixada de impostos, desregulamentación, descrédito ao stablishment, descrédito á figura do Estado etc. Neste senso, o trumpismo recupera as críticas de Franz Oppenheimer en 1908 ao Estado contemporáneo na súa aberrante evolución última: o Estado burocrático –seguramente Oppenheimer non puido chegar a imaxinar até que punto ía medrar o poder do Estado sobre nós–. Esa crítica que fai Trump pode ser libertaria, pero que facemos cos aranceis? Pode apropiarse de certo discurso libertario, mais el non o é. O problema talvez tamén é terminolóxico, dadas as connotacións da palabra liberal na xerga política dese país, onde ser liberal é sinónimo de ser modernista en cuestións culturais e do liberalismo económico xa non fala case ninguén, ou non falou até o de agora. Explica moi resumidamente a evolución do liberalismo na xerga política americana Murray Rothbard no primeiro capítulo do Manifesto Libertario.
MAGA. Racismo, autarquismo e fundamentalismo en catro letras.
Si, make America great again é o poderoso slogan que triunfou nestes comicios. Estas siglas abranguen un pensamento nacionalista, teopolítico, racista, isolacionista, contrario á inmigración, contrario a un retroceso que eles perciben que sofren os EUA. Isto último é o máis importante: para eles, os EUA están mal, froito de políticas económicas erradas e alteracións morais que perturban a o progreso da nación. Para os medios cristiáns –por dicir algo– máis seguidos nos EUA, Trump é un mesías (é comparado habitualmente co Ciro bíblico mencionado en Isaías XLV) que vén salvar o seu país dos seus inimigos e devolvelo á gloria que lle roubaron. Estas lecturas bíblicas mesiánicas e apocalípticas da política estadounidense carecen de fundamento teolóxico e aprovéitanse da relixiosidade do pobo. Israel, pobo elixido por Deus no Antigo Testamento, é equiparado cos EUA, o cativerio babilónico con que perdese as anteriores eleccións etc. Recomendo a lectura do libro de Philip S. Gorski (2020), American Babylon: Christianity and Democracy Before and After Trump. Nel afonda sobre as relacións entre a democracia e o cristianismo e o cristianismo e a democracia e como nos últimos anos está estendéndose nas igrexas protestantes norteamericanas o White Christian Nationalism.
En definitiva, vemos que Trump emprega, cando lle convén, os marcos comunicativos dos grandes referentes do libertarismo e, cando lle convén, emprega unha lectura da Sagrada Escritura que non segue o máis mínimo rigor hermenéutico. Pero a el tanto lle ten, o conto é que gañou as eleccións. Pode conxugar proteccionismo e libertarismo e pode conxugar o odio ás persoas e o cristianismo, non lle importa. O que el pense é igual, iso non lle ten que importar a ninguén. A personaxe e os lobbies xa devoraron o bo de Donald. Iso é Trump: un home de moitos discursos inconexos que busca agradar os seus doantes e chegar a votantes moi diferentes nunha América cada vez máis dividida.