Converter os nosos montes en ouro

Galicia encara un dos seus maiores desafíos contemporáneos coa chegada de Altri a Palas de Rei, que ameaza o equilibrio social e ambiental da Ulloa. Urxe unha ordenación forestal estratéxica que harmonice ecoloxismo e desenvolvemento económico, mais para conseguilo, os partidos do país deben deixar atrás as súas diferenzas e actuar xuntos.

Temos que comezar esta reflexión a partir da extraordinaria manifestación do día 15 de decembro de 2024, nas rúas de Compostela, en contra da instalación da fabrica de Altri na localidade lucense de Palas de Rei. Manifestación criticada polo PPdeG, co argumento xa coñecido de que foi xente enganada e en autobuses pagados polo BNG, en compañía dos seus satélites. Eu creo que aí están equivocados se pensan que o BNG, por si só, ten esa forza de convocatoria. Máis concretamente o presidente Rueda, por non ter a altura de miras de atender e ofrecer a tranquilidade de que a Xunta goberna para toda a sociedade. Esta reflexión vaivos levar a cuestionar os marcos que temos en referencia á política forestal e industrial do noso país. Quería comezar facendo fincapé na famosa frase de Castelao de “Vale máis unha terra con árbores nos montes ca un estado con ouro nos bancos” e con isto facer unha breve contextualización da ampla vocación forestal do país. 

A paisaxe de Galicia era, cara a finais do século XIX, unha paisaxe esencialmente carente de arborado. Actualmente no noso país dúas terceiras partes do territorio galego son terreos forestais, con montes moi diversos, destacando especies como o piñeiro, o eucalipto ou o carballo. É importante resaltar a gran relevancia na propia Galicia dos montes veciñais en man común; montes que se xestionan de forma común entre a veciñanza dunha parroquia -ou aldea-, que é a nosa entidade propia recoñecida no Estatuto. Porén, coa perda de poboación no rural as CMVMC van encamiñadas ao seu desaproveitamento ou esquecemento e, con isto, á perda da identidade. A seguir, durante o último medio século deuse en Galicia unha simultaneidade temporal entre a forestación e o abandono das terras agrarias. Neste proceso, a expansión das especies forestais madeireiras realizaríase nun 54 % sobre áreas de mato, nun 36 % sobre terras agrícolas, principalmente en solos de calidade intermedia, e nun 7 % sobre frondosas (Corbelle-Rico / Crecente-Maseda, 2014). Mais, temos que entender que esta forestación non vai unida a unha ordenación do monte e do rural, senón de forma totalmente contraria.

A respecto deste breve contexto, sabemos das posibilidade para crear riqueza e desenvolvemento económico coa transformación da madeira, e aquí é onde podemos entrar directos ao desenvolvemento da fábrica de Altri. Esta actividade industrial consiste na instalación dunha fábrica de fibra téxtil de celulosa, cunha produción de 400.000 ADt/ano de celulosa soluble e 200.000 t/ano de lyocell, un suposto tecido ecolóxico de eucalipto. Nela utilizaranse 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto anualmente e será necesario un sistema de captación de auga do embalse de Portodemouros, cun caudal de 46.000 m3 /día.

A oposición a Altri en Galicia xorde polas diferentes preocupacións ambientais e sociais. Colectivos como “Ulloa Viva” manifestan a súa inquietude sobre o impacto da empresa no medio ambiente, especialmente en relación coa economía agraria, a xestión da auga, a defensa do patrimonio cultural e a contaminación. É preciso crear unha economía e unha industria máis respectuosa co medio. Por iso a pregunta é: a comarca da Ulloa é o lugar idóneo para a instalación desta industria? Eu comparto eses temores e desconfianzas a respecto dos perigos cara á perda de biodiversidade, calidade do aire, afectación do ciclo da auga e polo tanto á ría de Arousa e ao sector do mar, xa tan castigado nas últimas décadas. De todos modos, querería centrar a miña opinión contraria ao proxecto de Altri na necesidade de que a política forestal e industrial se realice dende un proxecto de país, onde prime a ordenación do territorio e a planificación estratéxica, o cal daría máis certezas a toda a sociedade, onde o desenvolvemento industrial non supoña seguir cun desenvolvemento caótico e sen un retorno socioeconómico axeitado, argumento empregado por entidades como o COAG. 

Cando unha proposta industrial da importancia da celulosa de Altri chega ao debate da sociedade galega, as cuestións que se discuten van bastante máis alá do proxecto en si. E é que, en realidade, o debate público sobre a instalación de Altri na comarca da Ulloa estase simplificando en  ecoloxismo vs. emprego industrial, e iso é escapar ás carreiras do debate de luces longas e de ter un proxecto certeiro de país, en relación ao potencial dos nosos montes, e dun ou doutro xeito de revitalizar e salvar do abandono e do despoboamento o medio rural, tan necesario para complementarse e ter sinerxias con esa Galicia urbana e industrializada, e tamén así deixar atrás un dos argumentos a favor de Altri como é esa percepción de “atraso industrial” en Galicia, que non reflicte a realidade actual do país. Galicia experimentou cambios significativos nas últimas décadas e xa é unha sociedade urbana e industrializada con altos niveis de desenvolvemento.  

Ninguén debería ter dúbida de que a Unión Europea vai apostar por unha industria limpa e adaptada ao século XXI con sistemas de innovación, melloras na depuración de augas, control de emisións e absoluto cumprimento da normativa sancionadora, de ser o caso. Agora ben, nas instalacións que esta empresa ten no país irmán -Portugal- déronse importantes sucesos de contaminación no río Texo. Tamén sabemos o goberno que temos, que non destaca pola súa implicación no coidado do medio ambiente. A respecto disto, débese evidenciar a non ampliación da Rede Natura 2000 por parte da Xunta de Galicia e que, casualmente nos borradores do goberno innomeable (como chama ao bipartito Antón Losada no podcast “A Actualidade está sobrevalorada”), un dos espazos LIC tiña a súa ampliación cara aos terreos do proxecto de Altri. A decisión de implantar unha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa en Palas de Rei non responde nin a un plan territorial nin a un plan industrial que fosen avaliados ambientalmente, socialmente nin politicamente, como foi destacado no deostado informe do Consello da Cultura Galega -órgano consultivo estatuario- por parte do PPdeG e da CRTVG, ao mando do noso goberno, ao día seguinte da súa presentación. Un dos datos destacados é que a industria da pasta de celulosa en España consome aproximadamente o 70% das cortas de eucalipto e, se incluímos o eucalipto exportado a Portugal, esa cifra aumenta ao 80%. É curioso que un proxecto que incrementaría a demanda de eucalipto para esta industria non aclare de onde procederá a materia prima necesaria. Isto entra en contradición cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia, que busca promover un monte máis multifuncional (Corbelle-Rico). 

Así as cousas, Galicia conta na actualidade cun nivel normativo e lexislativo sobre ordenación territorial e de planificación forestal que podería poñer un pouco de orde sobre o noso monte, pero que, aínda que está ben sobre o DOG, non está desenvolvido na realidade, contendo decisións deste calado que se contradín de forma clara. Ademais, a ordenación do monte tamén podería traer consigo beneficios moi necesarios como a loita contra o despoboamento, os lumes forestais e a fixación de poboación no rural. En países europeos como Suecia ou Finlandia, con industrias de celulosa ou papel e cartón, vemos como teñen industrias máis modernas, cun cumprimento da normativa máis taxativo e onde a madeira que se utiliza é doutras especies. Por que aquí só queremos facer celulosa do eucalipto? Por que non de piñeiro do país ou do bidueiro? Isto daría pé a diversificar os montes e non apostar por comarcas que se acaban por converter en monocultivos incontrolables a nivel ecolóxico e socioeconómico. 

En conclusión, nunha correcta planificación estratéxica e nun modelo forestal multifuncional está a chave de converter os nosos montes en ouro para toda a sociedade galega na vertente ambiental e tamén na social, converxendo esa Galicia urbana cunha Galicia rural dinámica. Para isto é necesario que, por un lado, o BNG recapacite sobre esa idea dunha Galicia bucólica, cun rural do século XIX, e teña unha alternativa que converxa as dúas Galicias actuais nunha, e por outro lado, que o PPdeG deixe de xogar con ser o salvador dunha Galicia atrasada economicamente que xa non existe.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad