O impacto causado demostra unha cuestión fundamental: que hai un sector conservador e profundamente galeguista con ganas de artellar país. Que a lingua nos une en por si, porque é nosa, e que debemos traballar por ela con decisións reais. Que o Parlamento de Galicia non pode ser de cartón pluma nin o espazo ao que trasladar os debates histriónicos da política estatal. Que en Galicia queremos ser, estar e coñecer.
Imaxe que ilustra o artigo: PPdG
Grazas. Grazas de corazón. A todos os colectivos e persoas que me vides escribindo desde que este martes tomei unha das decisións máis transcendentes da miña vida. Especialmente, ás persoas que foron renunciando discretamente nos últimos tempos ou, simplemente, apartándose, por querer compartir comigo eses momentos. Grazas aos alcaldes e cargos que quixeron saber como me sentía. E grazas, evidentemente, a todos aqueles que me sosteron, que pasaron esta fin de semana e o luns comigo mentres artellaba o xeito de transmitir a miña decisión.
O impacto causado demostra unha cuestión fundamental: que hai un sector conservador e profundamente galeguista con ganas de artellar país. Que a lingua nos une en por si, porque é nosa, e que debemos traballar por ela con decisións reais. Que o Parlamento de Galicia non pode ser de cartón pluma nin o espazo ao que trasladar os debates histriónicos da política estatal. Que en Galicia queremos ser, estar e coñecer.
Gonzalo Lebredo, colega e exvicesecretario de NN.XX. de Galicia, dimitiu do seu cargo, precisamente, hai unhas semanas, nun 30 de outubro que se me quedou gravado na pupila e que non fixo máis que sumar un ladrillo máis na miña decisión. Foise por conservador e galeguista. Eu tamén. Este adeus que demos os dous non significa, en ningún caso, un adeus a Galicia. Primeiro, porque a política se practica desde moitos ámbitos e non hai nada do que sentirse máis orgulloso que de practicala estando ao 100% de acordo con nós mesmos. Segundo, porque Galicia se constrúe desde a realidade local, desde as parroquias, unidade básica que define o noso xeito de concibir o mundo, o país, Galicia. Terceiro, porque seguiremos achegando propostas, ideas, fundamentos para (re)construír a nación.
“Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo”. Isto dicíao Vicente Risco. E hoxe tamén falamos disto, pois non é o mesmo facer política ‘desde’ Galicia que ‘para’ Galicia. A maior honra que un galego pode ter é contribuír a mellorar a nosa terra desde ela. Desde un xeito de concibir as cousas nas que se acredite no país, nas que se confía no potencial que temos os galegos. Uns galegos que debemos conectarnos en tren con Portugal, como dixen en moitas ocasións, desoíndo o que di a enxordecedora terra madrileña. Uns galegos que temos como punto fundamental o atlantismo, a posición xeoestratéxica crucial neste lugar que chamamos Terra. A terra de Xelmírez, de Brañas, de Losada Diéguez, de Rosalía, de Risco, de Castelao.
Mañá será outro día. E, cando chegue o abrente, os conservadores galeguistas estaremos aí. Construíndo futuro.