Dos devanceiros e o abrente

Ao longo dos tempos, xeracións de homes e mulleres foron a vangarda cultural motriz do movemento da Galiza no decorrer histórico. Inevitabelmente cada unha desas persoas foi presa da súa era, delegando a testemuña a novas xeracións que mantiveron engraxado o motor da nosa historia.

Os vellos non son os que escrebiron fai moitos anos -aqueles son os devanceiros. Os vellos son os que escreben hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos.” – Pérez, M. A. “Máis Alá”. 1922.  

A vida é aquilo que transcorre entre o solpor e o abrente dos tempos. En cada nación, nun lugar xeográfico concreto e nun momento temporal determinado, existiu unha xeración artífice material, cultural, social, histórica e política xeradora do merecemento e o respecto dos outros pobos sobre o propio. Bardos da tradición imorrente que alumean os vieiros do que coñecemos por historia. A xeración, abrente do seu tempo, racha co vello crepúsculo e mora nunha época á que non pertence, deixando en herdanza a testemuña da vangarda fundacional a rachar no avance cíclico.

Cada cohorte que ollou este grande sentimento ao que chamamos Galiza atopou aos seus guieiros nacionais. Homes e mulleres que transcenderon a vida entrando na eternidade mediante da simbiose cun xeito diferencial e unha forma de entender a vida mesma. Hoxe nós somos o abrente. Raia o sol no horizonte e alborexa o novo día do mañá galego. Mozos e mozas da terra emigrante dispostos a levar o cometido, medrar na capacidade creadora e amosar o novo futuro de loita, esperanza e resistencia. Cumprido fin terán antergos camiños. A partires de hoxe poden descansar os vellos capiteis da nosa vida. Os que nos fixeron ser quen somos. Os que nos levaron até onde nos encontramos.

A fouce sega a vella espiga e a terra agarda ansiosa o agromar de novas flores no campo da estrela. Longos periplos navegaremos polos mares do futuro.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad