Cuestión de fins e medios

O nacionalismo galego ten unha longa Historia que contar, escrita polos seus artífices, ideólogos e simpatizantes, mais o seu labor debe ser continuado mirando cara ao presente e o futuro. Os movementos nacionais deben ter ambicións máis aló de meramente existir, e neste artigo se abordará unha visión pragmática e menos romántica deles.

 

Imaxe que ilustra o artigo: Cartaz propagandístico da UPG. 

Todo movemento e ideario políticos deben ter presente a súa razón de ser, o seu propósito e obxectivo último como ferramentas de transformación social e económica. Someter a este plantexamento calquera das loitas que un poida abandeirar é un trámite imprescindible para poder dilucidar se o noso posicionamento se orixina partindo da análise racional ou non é máis ca unha herdanza social ou familiar.

Nós, os que medramos en contextos galeguistas, vimos nos nosos fogares a estela que deixou unha xeración que loitou polo seu país, que rexuveneceu e avivou non só o orgullo, senón tamén a conciencia nacional. Para nós, fillos e fillas daqueles mozos que nas décadas dos 70, 80 e 90 deixaron a pel nas rúas e comisarías, o nacionalismo viunos dado. Moitos nunca o adoptamos por convencemento nin por necesidade, senón que demos por suposta a defensa do “país” coma un deber, un imperativo incuestionable. Mais o rigor que poida ter este movemento se a nosa xeración chega a el tan só por asimilación é nulo.

Déronse ó longo da Historia de España proclamas nacionais do máis absurdas e incoherentes. Narrativas históricas inventadas, discursos sentimentais emotivos pero baleiros e distincións por razón de fala que deron forma ós movementos que tanto calaron no País Vasco e Cataluña. Realmente desexamos basear a nosa cruzada política nestes mesmos pilares? Dende unha perspectiva sobria e allea ós fervores patrióticos, as nazóns non son máis que vestixios da Historia milenaria. Territorios e culturas que herdamos de acontecementos que tiveron moito de circunstancial e moi pouco de épico, nada do que sinceiramente nos poidamos dicir orgullosos. Entón, é case inevitable cuestionarse se existe unha necesidade real para a causa nacionalista, algo que a converta en motor transformador da realidade da nosa sociedade.

Para atopala, quizais sexa preciso formular o dilema ético de cal debe ser a vía política axeitada, se a deontolóxica ou a pragmática e, fronte á ineficacia intrínseca da primeira, pódese valorar a segunda coma a ferramenta máis inmediata para alterar a orde material existente. En resumo, para convencer por enriba de comprender. É así coma o nacionalismo cobra sentido máis aló da defensa da lingua, da cultura, das tradicións, da identidade en definitiva. É así como unha reivindicación subxectiva e aparentemente allea ás circunstancias que determinan e comprometen a vida da cidadanía logra unificar estas baixo a súa bandeira: a patria como elemento vertebrador da conciencia nacional de clase. O sentimento de pertenza a unha comunidade alentado polo trasfondo folclórico é un poderoso nexo capaz de espertar nas xentes a percepción da loita común mediante a posta en valor do que as une superficialmente, o “pobo”, para chegar ó que as une materialmente, a clase.

Non obstante, e se consideramos o anterior, habería de ser o idóneo apuntar cara a patria máis extensa e unificada ca fin de lograr o ansiado internacionalismo, unha universalización da causa socialista que non entenda de fronteiras. Mais non é posible pensar na grandeza desta unión sen antes pasar pola forma organizativa que toma: o estado socialista; fillo do xacobinismo e da Revolución Francesa pero tamén da tese Marxista; única forza capaz de combater os envites da ameaza neoliberal e saír airosa; firme garante dos dereitos da cidadanía polo simple feito de pertencer a ela.

Compréndese así a oposición da escola marxista ós movementos de inspiración nacional, pois non os perciben máis que coma unha división arbitraria da clase traballadora que unicamente leva á desmobilización da loita proletaria. Pero pouco podemos esperar cando o estado socialista non existe nen asoma sequera no horizonte político e, polo tanto, non é garante de nada senón simple escenario e espectador do deterioro do benestar social a mans do mercado global. De que serve aferrarse ó marco teórico ante unha deriva que leva décadas condenando á nosa xeración e ás vindeiras á precariedade máis voraz?

Non pretendo caer na doutrina posmoderna de que o sistema é irreformable e que perseguir a culminación do internacionalismo resulta utópico, pero tampouco abandonar a visión material máis inmediata para deixarse levar polo idealismo dunha transformación a semellante escala. Cando, entón, se pode acudir á estratexia exaltadora da patria para alimentar a concienciación das masas ca súa situación? Chego a pensar que non hai unha formulación xeral, pois cada contexto preséntase radicalmente diferenciado e os movementos de soberanía nacional adoitan ter tan pouco en común coma a historia que os precede. Non obstante, a fragmentación do Estado só pode beneficiar a aquelas rexións que se viran maltratadas por este. En certo modo, de pouco serve unha estrutura fortalecida e centralizada se non atende ós intereses do groso da poboación por igual e remata por diferenciar entre cidadáns de primeira e segunda.

Así transcorren o pasado e presente do noso país, na forma dunha relación de sometemento e aproveitamento xa non pola parte de España, ente demonizado que encarna todos os males políticos no imaxinario dos soberanismos, senón dos poderes estranxeiros a nós que a dirixen. No singular caso da Galiza, herdamos da historia un complexo derrotista que xoga na nosa contra, que afunde as tentativas políticas por prometedoras que poidan ser e que impide a nosa defensa cohesionada coma pobo porque carecemos dun sentimento fortalecido da unidade. Non se trata de que nos atopemos por detrás doutras rexións en materia de dereitos, senón de que nos atopamos desprovistos de representación real porque a delegamos a organismos alleos a nós.

De pouco ou nada nos poden servir 23 escanos no Congreso se todos obedecen ó interese centralista e prostitúen a nosa realidade en pro de partidismos. Trátase, pois, de que precisamos con urxencia unha unificación política que, se non logra vir da man da formación e concienciación racionais a través das ferramentas analíticas do marxismo, haberá de facelo mediante o convencemento máis visceral e sentido para, así, acadar unha mobilización real da nosa sociedade. Por isto non defendo calquera movemento de corte semellante polo mero feito de selo. Por iso comulgo cada vez menos cas loitas ficticias de Euskal Herria e os Països Catalans. A nosa última aspiración política debe ser a de acadar unha vida máis digna, a de blindar os nosos dereitos e liberdades baixo un Estado que xamais ceda ante a miseria que nos traerá o liberalismo desmedido, non a de alimentar os egos patrióticos a expensas da nosa ruína coma sociedade. En definitiva, porque o nacionalismo, de existir, ha de ser un medio e nunca unha fin.

 

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad