No San Pedro de 2004 fun quen de comer cinco pratos, repetir en dous e chegar a meterlle a sobremesa. Coma un intermitente, dende aquela festa ata hoxe, aparece e reaparece este espírito. Toca abarcar e apertar, toca botar por fóra.

Imaxe que ilustra o artigo: Novo Planeta, Konstantin Yuon (1921)

 

As cartas sobre a mesa, o destino do noso país pode ser xeitoso de moitas formas e hai numerosos camiños para chegar a el, cadaquén que escolla o seu. Eu hoxe quero falar do amoado do que se fan todos: a identidade.

Resúltame curioso o concepto de identidade, esa mestura de elementos que se congrega nunha narrativa para entendernos, explicarnos ou inventarnos. Sinto que esta idea flota no aire, pero non atopo o lugar axeitado para subirme ao tren, salvo por unha estación que considero clave no ideal galego: o botar por fóra. Así é, esta dialéctica  conversacional e de comportamento que arremeda o espírito do xogador savant de tute, onde nada importa salvo amosar unha destreza única á que nos podemos achegar de moitas formas: dende a melancolía, dende a fachenda, dende a esaxeración desmedida ou incluso dende a frugalidade monástica. O importante é a apariencia de dominio, entendida non como algo asoballante, senón como algo poderoso ao que acudir en caso de necesidade e ao que quererse asemellar. No mundo incerto da navegación sen aparellos necesitamos referencias, e a seguridade clara do ceo estrelado sempre nos axuda a saber onde estamos e cara a onde podemos ir.

Paréceme que este achegamento ule un pouco a ese perfume ao que arrecende a política global. Os líderes irreverentes que emerxen neste claroescuro que é a nova orde mundial comparten este carácter potente que contaxia os seus auditorios dun sentimento ilusionante, coma un deses himnos que non facían levantar a Brassens. Son abraiantes os discursos, as formas e os atrevementos. E non falo en ningún momento do contido porque –miña nai querida!– as ideas que nos traen son ben perigosas, algunhas incluso veñen desbotar parte do conseguido dende a Ilustración, mais quero prestarlles atención ás formas que son, no fondo, as que seducen. Aquilo que nos fai soñar con mundos espectaculares vainos encandeando pouquiño a pouco porque nos promete que o mañá será mellor e na esperanza atopamos a forza.

Este barullo de ideas pretende ser unha fenda intelectual que busca facer virar o rumbo achegando matices interesantes á construción dun tipo de identidade galega en auxe. Apoucada, encollida nun pasado labrego con tintes de revolta mais sen ansias de expansión, reactiva dos novos mundos, que aínda por seren complicados non deixan de valer para asentar un país máis poderoso. O eterno Balbino como arquetipo político, alí chantado, en garde contra a aldraxe cósmica, recordando a tempos pasados de pobreza nos que as xerarquías sociais eran ríxidas, as desigualdades ominosas e o futuro negro. A fermosura inmarcesible da natureza é outro valor que, inxectado na columna vertebral dun discurso de identidade nacional, lévanos ao inmobilismo contemplativo e nostálxico. Son estes elementos identitarios os que cómpre reconsiderar. Non digo con isto que haxa que queimar todo, senón que hai que situar no seu lugar cada trazo e darlle a importancia relativa que ten. Recuperar o carácter bravo e impetuoso que se agocha tras este virse a menos. Porque a beleza non é filla dunha tradición, e a poesía que nos fai falla para evocar o mañá non existe soamente no doce solpor que se filtra polas follas das xestas nos comareiros; tamén se pode atopar na longa melena de ventuíñas que baila polas costas do Candán.

“Podes ignorar a realidade, pero non podes ignorar as consecuencias de ignorar a realidade”. Esta frase de Ayn Rand, pensadora coa que non concordo en case nada, é relevante. En Galicia si hai quen, dunha forma que non me gusta, emprega o botar por fóra como motor ideolóxico, vencellando o seu ADN a esta idea de enchenta, a esta potencialidade ontolóxica infinita. O cacique é un ditador a pequena escala, un proveedor de fendas, mais tamén é un espello, unha aspiración. Vexo difícil convencer a unha gran parte da sociedade para acadar unha vitoria se, no canto de debuxar soños maxestuosos, só sinalamos o agravio dunha suposta orde caciquil permanente. Valerá para sumar o descontento en tempos de malestar, mais cando este atope acubillos mellores nos que canalizar a xenreira, o modelo de enchenta continuará ostentando o poder, marcándonos o ritmo. E nós, os inadaptados, coma sempre, seguiremos ao tran tran perseguindo unha Galicia imaxinaria.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad