A proposta de actualización do Plan de Normalización: Avance ou retroceso?

Apresentamos unha análise da proposta da Xunta para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: novidades positivas, mais tamén menos compromisos concretos, menos garantías e máis voluntariedade. Avance ou retroceso?

 

Imaxe que ilustra o artigo: Mural da lingua galega na Mezquita | Creative Commons Attribution w/ Estevoaei 


O pasado 15 de xullo, a Xunta da Galiza, gobernada polo Partido Popular, presentou na Cidade da Cultura a súa proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A proposta foi criticada por diversos sectores da sociedade civil, por entidades de defensa da lingua e pola oposición parlamentaria, que a consideran un retroceso na defensa do galego. Neste artigo propoñémonos analizala e informar os lectores do que implica. Porén, primeiro cómpre explicar en que consiste, cal é a súa importancia real, que información pode darnos e cal non.

Un plan de normalización non é unha lei. No noso país, os usos lingüísticos teñen como base a Lei de normalización lingüística de 1983, unha das máis importantes do réxime autonómico, que foi elaborada para desenvolver o artigo 5 do Estatuto de autonomía de 1981. Estes dous textos legais, xunto con outros que os complementan, obrigan todos os gobernos galegos a protexer e promover a lingua propia e preservan o dereito da cidadanía a utilizala. O papel dos plans de normalización é informar sobre cal é a estratexia da Xunta para dar cumprimento a estas responsabilidades. Non poden contradicir as leis existentes e tampouco existe ningún mecanismo que obrigue o Goberno a executalos.

Actualmente está en vigor o plan de 2004. Trátase dunha axenda común para asegurar a continuidade dos esforzos por protexer a lingua, independentemente de quen presida a Xunta en cada momento. Foi aprobado por unanimidade por todos os partidos presentes daquela no Parlamento Galego: PP, BNG e PSOE. Ese esforzo de consenso e acordo transformou o compromiso coa lingua propia nunha política de Estado que transcende os límites partidistas.

Xa que logo, podemos preguntarnos: se aquel plan gozou de tanto consenso entre as forzas que aínda hoxe representan a cidadanía galega, por que mudalo? Os promotores da nova proposta afirman que se debe á necesidade de responder aos cambios acontecidos nos últimos vinte anos. Isto é obvio: en dúas décadas, a lingua galega pasou de ser maioritaria a minoritaria; o escenario da comunicación mudou radicalmente e a poboación está a experimentar transformacións demográficas sen precedentes na nosa historia.

Mais este non é o único motivo. O Partido Popular que aprobou aquel plan tiña unha posición fronte á lingua substancialmente distinta da actual. A ascensión de Alberto Núñez Feijóo á dirección do partido en 2006 veu acompañada de numerosas campañas contra unha suposta imposición da lingua galega. Os novos gobernos populares dedicáronse a incumprir o plan e a derrogar parte da normativa protectora da lingua. O Decreto 79/2010 limitou o uso vehicular do galego e prohibiuno nas materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química; desapareceron ou reducíronse as campañas de sensibilización; o investimento en normalización lingüística mantívose moi baixo; e non se desenvolveron plenamente mecanismos para avaliar o impacto das subvencións no sector privado nin para garantir a atención en galego nos servizos públicos. A presidencia de Feijóo implicou, pois, un incumprimento continuado do que tiña acordado o seu predecesor.

Así é como chegamos á proposta de actualización de 2026. O documento é unha primeira achega que, de querer contar co consenso acadado en 2004, deberá ser debatida co resto das forzas políticas da cámara, se ben o BNG, principal partido da oposición, xa amosou o seu rexeitamento. A mudanza que se presenta é, sobre todo, cuantitativa: trátase dun texto máis longo, con máis medidas e máis abranguente ca o de 2004. Na nova proposta podemos atopar referencias ás novas tecnoloxías, un bloque específico dedicado á relación coa lusofonía, a creación de novos organismos, como o Consello Asesor da Lingua Galega ou o Instituto Rosalía de Castro, futuros acordos con toda clase de actores sociais e promesas dunha maior dotación orzamentaria e de máis recursos en galego en numerosos ámbitos.

É preciso recoñecelo: moitas das medidas propostas, de se cumpriren, resultarían positivas para a lingua galega. A introdución do galego nos recursos informáticos dependentes da Administración autonómica pode facilitar a atención das persoas galegofalantes. Tamén cómpre destacar a creación de instrumentos xurídicos e profesionais en galego, un dos ámbitos críticos para o exercicio dos dereitos cidadáns e que hoxe se conta entre os menos receptivos ao emprego do idioma. E non podemos deixar de mencionar o reforzo dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos, o maior compromiso da radiotelevisión autonómica coa cantidade e calidade dos contidos en galego ou a mención explícita aos creadores de contido galegofalantes.

Porén, a pregunta que debemos formularnos non é se o plan achega algunha mellora en xeral, senón se está encamiñado a resolver os problemas estruturais que están a causar o declive da lingua. É aquí onde o seu aparente esforzo normalizador fica máis en dúbida. Un dos puntos centrais é o da educación, trabe mestra da supervivencia dunha lingua. Non garante a normalización por si soa, mais permite compensar a falta de transmisión interxeracional, que é o principal problema que enfrontamos hoxe. Ademais, nun contexto de aumento da inmigración, constitúe un poderoso mecanismo de integración sociocultural. Por iso, en 2004 falábase dun reforzo preferente do galego nas aulas como compensación pola súa vulnerabilidade social e discriminación histórica. Establecíase unha porcentaxe mínima do 50 % na educación primaria, na secundaria, no bacharelato e na formación profesional, e apuntábase a que o galego se convertese no idioma de base da aprendizaxe escolar.

Na proposta de 2026, isto substitúese pola noción de “equilibrio” entre as dúas linguas, sen porcentaxes fixadas, e creando, así, un límite ao volume de materias en galego. Dito doutro xeito: o que en 2004 era o mínimo convértese agora no máximo. Tamén desaparece do plan a formulación expresa de facer obrigatorio o coñecemento da lingua para acceder á docencia, substituída por unha indeterminada vontade de “mellorar” os criterios de avaliación da competencia lingüística. Desaparecen case todas as porcentaxes como criterio obxectivo de medición do proceso normalizador, e o novo texto non recolle ningunha medida sobre a inspección educativa en materia lingüística nin sobre as medidas correctoras previstas en 2004.

Trátase dunha filosofía que se repite en varios ámbitos decisivos do plan. En moitos casos, aquilo que no ano 2004 se formulaba como unha obriga ou como un resultado cuantificable convértese agora en recomendacións, protocolos, incentivos e campañas de sensibilización. Un bo exemplo son as chamadas “cláusulas de dispoñibilidade lingüística”. O plan anterior establecía que as subvencións e os contratos públicos debían redundar nun maior uso do galego por parte das entidades receptoras, o cal debía ser obxecto de seguimento e avaliación posterior. O novo documento propón que existan cláusulas lingüísticas en subvencións, contratos e créditos, mais tende a formulalas como condicións adaptadas a cada caso, compromisos ou méritos que deben ser valorados, sen esixir un incremento efectivo e posteriormente avaliado do uso da lingua. Esa esixencia só sobrevive en dúas medidas do bloque relixioso, precisamente un dos que se reproduce case literalmente do plan de 2004.

Nos servizos sociais, pasamos de establecer unha obriga legal de atender en galego os usuarios galegofalantes a unha recomendación xeral. Nas notarías e rexistros, desaparecen a pregunta de oficio sobre a lingua habitual e a información obrigatoria en todas as oficinas, mentres a adhesión ao plan de normalización se formula como “voluntaria”. Na Administración local, o modelo de ordenanza e o plan de revisión lingüística da documentación pasan tamén a ser voluntarios, o que pode perpetuar ou incrementar as desigualdades territoriais. No ámbito relixioso, da meta cuantificada de incrementar anualmente un 10 % a presenza do galego na liturxia pasamos a orientacións xerais de fomento.

Tampouco se establecen mecanismos suficientes de rendemento de contas sobre a execución do plan. O texto prevé actualizar a Comisión de Seguimento e crear subcomisións en cada consellería, mais debemos lembrar que non existe consecuencia ningunha asociada ao incumprimento. Nas medidas abundan expresións vagas como “favorecer”, “fomentar”, “facilitar” ou “recomendar”, que non implican un verdadeiro compromiso por parte da Administración. Isto significa que mesmo os aspectos máis positivos do plan permanecen en dúbida e que, á luz dos incumprimentos acumulados durante estas décadas, cómpre observalos con absoluta precaución.

Atopámonos, pois, diante dunha proposta na que conviven ideas innovadoras e positivas para a lingua cunha orientación xeral regresiva e pouco garantista. O documento prolonga a filosofía aplicada polo Partido Popular desde 2010: substituír parte dos mecanismos que blindaban o emprego do galego nos servizos públicos por instrumentos de adhesión voluntaria, incentivos simbólicos e campañas de sensibilización. Trátase dun voluntarismo alleo aos determinantes históricos da situación na que se atopa o idioma. Se estivésemos a falar dun documento deseñado para potenciar o galego hai 20 anos, poderiamos cualificalo de insuficiente. Hoxe, cando a lingua está nun punto crítico que decidirá o seu destino nas décadas que veñen, esta proposta é moi preocupante.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad