Un día de 1993, un xabaril mira o solpor na praia de Lagos e bótase ao mar. Na súa travesía latexa a historia da humanidade. Porque en nós só manda o vento.
O espírito aventureiro é a nosa pegada vital. Desde os albores dos tempos convertémonos nunha raza migrante. De África para Europa e Asia, de alá para América e Oceanía. Non deixamos terra sen colonizar nin eido sen cultivar. Navegamos periplos polos mares todos –sete eran poucos– en cascas de noz. Loitamos nas mareas e as cacharelas que ardían no máis fondo do noso ser empurrábannos a enfrontarnos ao descoñecido. A abandonar o que había na procura de algo mellor, ou simplemente na procura de respostas para este mundo que non podemos comprender.
Moitas viaxes ben valen historias, viaxes épicas e fascinantes que trocaron para sempre o curso da raza universal. Encóllesenos o corazón só de pensalas. Homes que un día subiron nunha cana de madeira inestábel e navegando en dirección á máis horríbel das ausencias, chegaron ao embigo da terra: de Ecuador á Illa de Pascua, de Taiwán a Tahití. Mesmo quen sabe, os vellos do Titicaca din que os barcos que debuxan ronseis no luar do lago foron creados por antergos que proviñan de afastadas terras nas que o Deus máis adorado tiña cabeza de falcón.
Pero eu veño contar unha viaxe ben distinta, talvez máis modesta. Unha historia nosa. É o ano 1993. Un xabaril chega á praia de Lagos, na baía de Aldán. Mira o sol agocharse por entre as terras que flotan no horizonte. A luz dos seus raios apágase no Atlántico e o ceo arde. Co mesmo espírito que levou os castrexos a abandonar o continente, bótase á mar. Dentro del está o noso xermolo, o das aventuras, a busca de respostas, toda a humanidade. Nada sen descanso até chegar e convértese no primeiro xabaril en pisar as Illas Ons. Fai historia. En nós só manda o vento!