O galego vivirá na rúa

Non vos raiar. Non veño a dar novamente a turra sobre a necesidade dun incremento cedo e real de neofalantes. Gustaríame falar dun paso previo que considero fundamental. Un acto moi sinxelo, pragmático e ao alcance de todo/a galego/a: que a nosa lingua estea viva nas rúas.

Foto da cabeceira: ilustración de Luis Davila (2019) para a plataforma Queremos Galego (queremosgalego.gal).

Sei que queredes dar o paso e trocar o castelán polo galego. Sei, tamén, que non é doado. Menos aínda se fostes educados en castelán e sempre o falastes tanto no seo familiar coma nas vosas vidas sociais. Vivino nas miñas propias peles.

Non sei vós, mais para min existen poucos praceres terreais máis satisfactorios que escoitar o galego pola rúa. Arríncame un sorriso interno cada verba que escoito en galego cando camiño por Pontevedra. É o máis doce dos aires frescos. Escoitalo ao longo da túa rutina significa que segue vivo.

Non hai escusa, galeguistas castelanfalantes. Cando esteades os sábados pola noite de brincadeira e pretendades deixar de darlle puñadas ao fígado con mesturas imposíbeis, simplemente pedide “dúas cervexas”. Despois, preguntade “canto é?” e pagade os “catro con vinte” correspondentes. Dádelle as “grazas” ao camareiro e liscade do bar dicindo “adeus” ou “boa noite”. E xa postos, preguntádelle ao gorila da porta se vos pode “poñer un selo no pulso” para poder entrar despois.

Poñer exemplos baseados no alcol era demasiado previsíbel. Evidentemente, esta pequena acción introdutoria é extrapolábel a calquera ámbito da vida cotiá. Sempre poderedes preguntar na tenda por “uns pantalóns vaqueiros”, encargar por teléfono unha “pizza catro queixos para recoller” ou mesmo pedir un “café con leite de soia temperado curto de café sen azucre en pocillo pequeno e cun vaso de xeo”.

Non facer isto non ten perdón. Estas meras accións, multiplicadas polas miles de almas galegas que aman o noso idioma a pesares de falar acotío castelán, provocarán un efecto eco indestrutible nos rueiros da cidade. En cada bar, en cada tenda, en cada pequeno negocio local retumbará a lingua galega. O noso idioma deixará de ser estraño para nós mesmos. Removerá conciencias. Os que non se atreven a falalo, ao escoitalo, atreveranse. Os que se senten inseguros, terán o inmaterial apoio das masas. Os que xa o falamos, ímonos desfacer en gloria. E incluso os que non o falan nin o falarán xamais, estou convencido de que en boa medida sorrirán por dentro.

Ide mercar o pan en galego.  Pedide información pola rúa en galego. Facede as vosas xestións administrativas en galego. Comentade o tempo co veciño en galego. Paseade cos cans en galego. Falade galego cos descoñecidos. Levade esta pequena doble vida en galego. O noso idioma, que é o noso xeito colectivo de vivir, sentir e percibir o mundo, merece sen dúbida ese ínfimo esforzo persoal.

Sinto xenreira de Castelao por adxudicarse a maior verdade que se dixo xamais no País: que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma. Frase recorrente, mais non por iso menos certa. Que non sexa a nosa xeración a que soterre o noso ser!

Se o galego vive nas rúas, vivirá por sempre.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad