Os puntos de inflexión axúdannos a tomar decisións importantes na vida. Unha chea de galegos e galegas quere comezar a empregar a nosa lingua acotío. Entón, por que non facer uso dos puntos de inflexión para comezar a falar galego? Eu fíxeno e, a verdade, nin tan mal me foi.
Logroño, a 17 de novembro de 2021.
Necesito puntos de inflexión para tomar decisións cruciais. De sempre, de toda a vida. Dende que teño razón. Anímovos a que teñades os vosos, son tremendamente útiles para certas accións individuais. Cada quen establece os seus en función das súas necesidades e/ou intereses. Grazas aos puntos de inflexión, son hoxe o que sempre debín ser.
O primeiro punto de inflexión para vivir acorde aos meus ideais foi a pandemia da COVID-19. Estaba todo o mundo pechado na casa. Eu, tomando o sol, lendo, bebendo birras coa miña nai, e, ás veces, elaborando o meu desastroso aínda que aprobado Traballo de Fin de Grao. Coma todos, fiquei lonxe da miña xente. Desa boa xente castelanfalante que todos os días está canda min. En realidade, quérolles un mundo. A cousa foi que a pandemia me deu para reflexionar un bo anaco de tempo.
Na adolescencia comecei a enredar con Galiza e o nacionalismo. Como tantos e tantas, descobres este novo universo patrio ao que tanto amor teño e que tantas ledicias e inquedanzas me propicia. Defendes e promoves o noso movemento cultural e nacional a toda costa. Desprendes un amor romántico que se cadra boto algo de menos. Amas Galiza e loitas contra os que nos maltratan e menosprezan. Pos en valor a nosa lingua como ferramenta para facer País. Comezas a ir ás manifestacións do Día da Patria cada 25 de xullo. Criticas que estamos a perder o galego e quéixaste de que o recorten no ensino público. Tampouco perdes as folgas e manifestacións contra o sistema educativo. É a rebeldía indómita dos máis novos.
Sabedes como facía eu todo iso? En castelán. Defendía a nosa lingua en castelán. Dinme plenamente de conta na pandemia. Unha xerra de auga xeada pola caluga. Dende a adolescencia estivera inmerso nunha incongruencia vital. Facíame chamar galeguista. Mais que clase de galeguista do carallo fala castelán? Se es galeguista, amas a nosa lingua, e se amas a nosa lingua, a falas. Punto e final. A verdade é que visto así é unha conclusión bastante doada de sacar. Pode que todo ese tempo me reconfortase o saber que nas redes sociais, covardemente e trala pantalla do móbil, si, empregaba o galego. Como se iso fose dabondo, manda truco. Non é doado dar o paso, pero hai que dalo. Se non o das, a túa palabra galeguizadora non vale nada.
Paso de irme máis polas ramas. Noutro artigo, quizais. Estabamos a falar dos puntos de inflexión. Pois ben, nese primeiro gran punto de inflexión, non callou a movida. Se ben comecei empregar a lingua con case todo o mundo rematado o confinamento, con certos amigos e amigas aínda seguín optando pola comodidade castelanfalante. Ás veces quixen trocalo, pero non se deu. Sentíame un pouco o caralludo sticker do “I’ve failed you” no que aparece un raparigo chorando desconsolado ante unha estreleira. Algo é algo. Pasar de falar cun 10% de xente en galego e cun 90% en castelán á situación inversa, non estaba tan mal. Bo intento camarada, pero é insuficiente.
Quixen dende sempre estudar o Máster de Formación de Profesorado. Tiven que marchar. En Galiza non entraba, imposible. Demasiada nota media para un economista mediocre. Onde me colleron? En Logroño, dende onde vos escribo. Estaba confirmado o meu partir. En dous meses, abandonaría Galiza por un ano. Dinme de conta ao instante: outro punto de inflexión. É agora o nunca, pensei. A oportunidade que estaba agardando para seguir amando aínda máis o noso xeito de ser, de vivir e de ver o noso mundo. Tiña que facelo. Si ou si. Permitinme o luxo de falar castelán con esa xente contada un par de meses máis ata que partise. Así foi. O 16 de setembro, marchei da Galiza en coche cos meus pais. Nese aburrido traxecto de 6 horas e media decidín que vivir na Rioxa sería a tumba definitiva do meu castelán.
Voltei a Galiza a semana pasada para tocar cos Fondo Norte. Falei toda a semana en galego. Coa xente que xa o falaba, e coa que non. Con todas e todos. Non quedou achegado sen escoitar o meu galego. Iso era xusto o que precisaba. Desfacerme dos derradeiros vestixios do pasado. Agora fico de volta en Logroño e o peito se me enche de ledicia e paixón. Agora si, xa está feito. Falo galego. Agora e sempre. Non foi tan difícil en realidade. Podo berralo, podo sentilo. Son o que tanta falta fai neste noso País. Son neofalante.
O meu castelán sucumbiu nas portas de Castela. Saúdos e saudades.