O ceo ao servizo da terra (3) | Misas que foron escolmas de combatentes. Como o galeguismo naceu no seminario.
Frei Martín Sarmiento — Xerónimo Feijoo — Xoán Sobreira — Saturnino Cuíñas — Moncho Valcarce — Xesús Mato — Xaime Seixas
«O ceo ao servizo da terra» é unha serie de tres artigos que percorren a traxectoria de pensadores cristiáns que fixeron da súa fe un compromiso radical con Galicia. Voces que, desde o século IV ata a actualidade, entregaron a súa vida á construción espiritual do pobo e forxaron a conciencia do país do cáliz e as sete cruces.
Neste artigo abórdanse as figuras de Frei Martín Sarmiento, Xerónimo Feijoo, Xoán Sobreira, Saturnino Cuíñas, Moncho Valcarce, Xaime Seixas e Xesús Mato
Podes consultar as outras dúas entregas da serie aquí.
Imaxe que ilustra o artigo: Moncho Valcarce oficiando misa cunha estreleira no púlpito da igrexa.
──────────── ● ────────────
Ano 1695 | Sarmiento, Feijoo e Sobreira
Boa parte do ideario galeguista contemporáneo naceu no seminario. Os valores do Evanxeo coincidían coa causa galega: a defensa dos humildes, dunha lingua e unha terra desprezada polo poder. Así xurdiron homes de Deus que sentiron o deber moral de posicionarse a prol da desvalida riqueza lingüística e patrimonial da terra que os vira nacer. Un deles foi Martiño Sarmiento, nado na Galicia estremeira, en Vilafranca do Bierzo. Ingresou na orde de San Bieito en Madrid, e foi lonxe do seu país cando sentiu con máis forza a necesidade de defender aquilo que o conformaba e que tanto desprezo xeraba na capital de España. A carón del, unha xeración de cregos tomou o liderado dun proto-rexurdimento cultural e político. Xunto co pai Xerónimo Feijoo e Xoán Sobreira, queimaron a vida traballando pola dignificación da lingua galega, o renacer do antigo reino e os ideais humanistas que pregoaban a igualdade dos homes e das mulleres, das clases sociais e das nacións, diante da lei e de Deus.
Foron persoas adiantadas ao seu tempo que sementaron un futuro que xermolaría un século máis tarde. O galego –que fora lingua de reis–, pasara a ser a fala dos pobres, desprestixiada, vilipendiada e perseguida por unha rancorosa administración centralista. Sarmiento, Feijoo e Sobreira dedicaron as súas vidas ao estudo do pobo galego. Fundaron unha antropoloxía nacional, recuperaron a historia silenciada dos tempos e outorgaron a Galicia unha voz de seu, firme, culta e ceibe. O pai Xoán Sobreira consideraba vergoñento que as institucións culturais españolas non só non preservasen a lingua galega, senón que, inda por riba, a intentasen erradicar. Investiu oito anos de traballo para salvar unha inxustiza histórica e dotar á lingua galega do seu primeiro dicionario.
Co favor divino loitaron contra a «doma» do Reino de Galicia, rexeitando a administración estranxeira enviada desde Madrid para eliminar a nosa identidade. Condearon publicamente os castigos que se aplicaban aos nenos galegos por falar a súa lingua na escola. E predicaron, até o derradeiro alento, a importancia de que a administración do estado, a xustiza, a educación e a Igrexa falasen o mesmo idioma que o pobo. O espírito dos bos e xenerosos —coma Martiño, Feijoo ou Sobreira— preludiou o renacemento das mil flores do Rexurdimento, preservando a dignidade dunha lingua que o pobo gardara na adversidade. Aquilo era só o comezo.
──────────── ● ────────────
Ano 1897 | Saturnino, Moncho e Jesús
Pasaron os séculos, e intramuros dos templos, sacerdotes, cregos e monxes entregaron as súas vidas a cultivar a riqueza patrimonial de Galicia, co obxectivo último de devolverlle a dignidade á terra que fora desposuída do seu Reino. É imposíbel lembrar a todas as persoas que queimaron a vida pola causa galega, pero as figuras de Saturnino, Moncho e Xesús ben poden ser un exemplo representativo de todos eles.
Saturnino Cuíñas Lois naceu na Terra de Montes, no seo dunha familia de tradición arghina. Creceu nos montes de Carballedo falando o verbo xido, e axiña sufriu o horror da Guerra Civil, que esnaquizou a súa familia e forzou o exilio de varios dos seus irmáns. Lonxe de avergoñarse da súa cultura desprezada, Saturnino converteuse nun dos máis importantes folcloristas da historia galega. Nada lle gustaba máis que os seráns, as romaxes, cantar, bailar e tocar nas festas populares. Era un cura diferente: gaiteiro, pandereteiro e zanfoneiro. Pouco lle importou que o Arcebispado de Compostela o denunciase por tocar a gaita durante os oficios relixiosos: seguiu facéndoo, igual que nunca deixou de predicar en galego. Era un cura do pobo e para o pobo. Como párroco de Santo Estevo de Cesullas, traballou sen descanso pola música e o baile tradicionais, organizando obradoiros cos rapaces da contorna e convertendo, co seu labor incansábel, a romaxe de San Fins do Castro nunha das máis importantes do país, recuperando o aturuxo perdido do Berro Seco. Galicia débelle moito a Saturnino, como tamén a Casto Sampedro, Dorothé Schubarth ou Bal y Gay, porque foi grazas a eles que Galicia conservou a súa música de raíz nun momento no que estaba a piques de se extinguir. O seu traballo etnográfico e musicolóxico recolleu centos de pandeiradas, cantos de sega, de arrieiros, alalás e outras pezas tradicionais do esquecemento.
Por outra banda, en Cerceda aínda é colosal a sombra de Moncho Valcarce. O cura das Encrobas desenvolveu desde mozo un profundo amor pola terra. Os seus pais querían envialo a estudar teoloxía a Roma, pero el escolleu Compostela. Guiado polas causas sociais, foi expulsado do Seminario de Santiago logo duns escritos críticos contra a elite eclesiástica. Foi o bispo Quiroga, primeiro cardeal en oficiar misa en galego, quen, vendo o potencial de Moncho ao servizo do país, lle alentou a seguir a formación por libre. No ano 1971 chega a Culleredo, o seu primeiro destino como sacerdote. Alí suscita unha auténtica revolución: fala en galego, non viste con roupa de cura, sempre leva boina coma os revolucionarios hispanoamericanos inspirados pola Teoloxía da Liberación e négase a cobrar polos servizos relixiosos. Convértese axiña nun referente e as súas misas atraen a tanta xente que moitos quedan fóra da igrexa. Devagar, intégrase nas estruturas nacionalistas. Funda a revista Fouce e convertése en militante da AN-PG. No ano 1972 estoura o conflito das Encrobas. A empresa Lignitos de Meirama pretende espoliar a terra e expropiar aos campesiños as súas leiras. As imaxes das mulleres do agro enfrontándose aos corpos de seguridade do réxime espállanse por todo o país. Moncho Valcarce encabeza as protestas, instando ao pobo a loitar polo que é seu. A súa foi unha vida dedicada ao agrarismo e ao compromiso co pobo e a causa galeguista. En 1974, a policía deténo en Betanzos logo de que agochara unha imprenta do clandestino Partido Comunista Español (PCE) na casa reitoral. Os feligreses organizaron entón unha folga de misas, recibíndoo cunha gran festa popular ao saír en liberdade.
Outro deses curas que falaba na lingua do pobo e tamén se negou a cobrar polos oficios litúrxicos foi Miguel Fernández Grande, crego de Parada de Outeiro, en Vilar de Santos. Nunha visita pastoral, o bispo de Ourense —castelán de nacemento—, Ángel Temiño, dixo na homilía: — Ordeno, mando y exijo que se paguen los estipendios a la iglesia. Cando logo preguntaron a Miguel, respondeu: — Pedinlle permiso ao bispo Temiño no ano 1959 para oficiar misa en galego. Como non mo deu, non lle volvín pedir nada. Pequenos actos de resistencia cultural que mantiveron acesa a chama de rebeldía. O seu orgullo: ser expulsado do estamento eclesiástico xunto cos seus compañeiros Virxilio Rodríguez e Xosé Benito Sieiro.
Se chegamos até hoxe foi grazas a persoas coma eles. A traballadores infatigábeis como Xesús Mato, o cura da montaña. A igrexa desterrouno aos confíns de Galicia, á esquecida Serra dos Ancares, a dos labregos que aínda vivían nas pallozas e baseaban a súa dieta nas castañas. O arcebispado non quería que aquel cura galeguista molestara e pensaba que o verse recluído naquela terra, desistiría. O que non podía imaxinar é que Mato ía converter ás xentes da montaña en verdadeiras revolucionarias. Vinte e cinco anos viviu na serra, facendo das súas misas escolmas de combatentes, organizando unha rede entre o Courel e os Ancares, entre o Cebreiro e Navia de Suarna. Comezou a radiar a misa en galego para os enfermos e os anciáns que non podían saír da casa, e os templos onde oficiaba convertéronse en cátedras insurxentes, peregrinacións para a mocidade galeguista, nunha simbiose de labregos e estudantes, de boinas e barbas, de caxatos e estreleiras. Nas romaxes de Santiago de Vieiros, a Seara ou o Cebreiro, saían en procesión galeguistas e campesiños.
Quixeron silencialo, e Galicia berrou. Berrou cantos de liberdade a través de Fuxan os Ventos, grupo que creou á beira do seu labor, axitou a toda unha xeración, e sacudiuse séculos de odio de enriba coa forza do amor á terra. O crego musicólogo recuperou as panxoliñas a través do programa «Galicia canta ao neno», e formou parte do nacemento das «voces ceibes», a través da instrución cultural galeguista pola que traballou, con mapas manuscritos que gardaba na sotana. A Xesús Mato tentaron afundilo, pero contaba coa forza de todo un país agardando por renacer.
Aquel foi o último chanzo dunha escada milenaria. Ao longo do camiño da historia, en campos florescentes de alegría ou na terra queimada pola morte, sempre houbo un home da Igrexa disposto a manter viva a lapa da lingua e a cultura galega. Galicia existe tamén grazas a eles: ao apóstolo que fixo da fin do mundo o centro da cristiandade, aos reis, cabaleiros, devotos e bandidos que construíron Europa no camiño a Compostela. Grazas aos sacerdotes que reviviron o paganismo ancestral e aos emperadores que os converteron en mártires. Tamén aos cregos que empregaron a lingua dos antigos reis cando xa era só a dos campesiños.
Grazas a homes como Xaime Seixas, que tivo a valentía de oficiar a primeira misa en galego durante a ditadura. Aos que acolleron na serena clandestinidade de Santa María a Nova de Noia aos mozos e mozas do Barbanza que tiñan por vontade argallar o rexurdimento político do país a través da Unión do Pobo Galego (UPG). Grazas a ese feixe de cregos que fixeron das Serras Orientais baluartes de loita popular. Aos curas obsesionados coa teoloxía da liberación da súa Galicia, que tanto sufriu polas vereas da historia. Aos que abandeiraron Irimia e aos que instaban a que «quedase quen o contase».
Cando lle estaba a ler este artigo ao meu pai, case que me obrigou a engadir un nome que lle marcou a vida: o do padre Isorna. Faloume das súas lembranzas na JuFra (Juventud Franciscana) de Pontevedra. O padre Isorna, nado en 1921 en Valga, era o frade superior dos Franciscanos na Boa Vila. Meu pai repetíame que o artigo estaba ben, pero que era imposíbel non falar del. Porque boa parte da súa xuventude desenvolveuse arredor da súa figura, xunto con outras decenas de adolescentes, que coas súas mans e andamios de madeira, picaban a parte traseira da sancristía do templo para construír o que despois sería o comedor social de San Francisco, aínda hoxe principal refuxio para as persoas sen teito da cidade.
Meu pai lémbrase tamén das homilías do padre Isorna, sempre en galego, nun tempo no que aquilo non era nin doado, nin inocente. Do respecto reverencial que lle profesaban figuras como o alcalde de Pontevedra da época, Filgueira Valverde, ou o secretario do museo, García Alén, que chegaban a axeonllarse ante el. Faloume da súa cativante oratoria, coma o canto dunha serea, unha voz que lle valeu ser membro da Real Academia Galega (RAG). E falaba tamén das súas viaxes, porque en cada aldea querían que fose el quen pronunciase o sermón o día da festa. Onde aparecía o padre Isorna, non chegaba só un predicador: senón unha presenza que quedaba para sempre. O padre Isorna foi tamén o responsábel da misa dominical da RTVG en galego, abrindo unha xanela inédita para a lingua nun espazo de enorme alcance. Orgulloso galeguista, tratou coas grandes figuras do país: a familia de Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Álvaro Cunqueiro ou Risco, nun tempo no que esa miríade de nomes eran sinónimo de resistencia. E, por suposto, o día da súa morte, tal e como pedira, o seu cadaleito foi cuberto coa bandeira azul e branca.
Meu pai lembra igualmente a súa sempiterna boina. Tamén as clases de teatro en galego, e aínda hoxe, tantos anos despois, segue a cantar algunha das cancións que o padre Isorna lles ensinaba. Especialmente aquela que adquiría unha inmensa forza simbólica no contexto do galeguismo. Desde as entrañas do Convento de San Francisco de Pontevedra, aqueles nenos e nenas entoaban unha promesa ao futuro:
Ledo no sufrimento, hei de vivir así,
máis preto, aínda máis preto, meu Deus de ti.
Nós non temos medo, nós non temos medo,
nós non temos medo de vós.
Desde o fondo da noite, dime o corazón
que algún día venceremos nós!
Collidos das mans, collidos das mans, collidos das mans,
desde o fondo da noite, dime o corazón
que algún día venceremos nós!
Realmente, a voz do padre Isorna nacera desde o fondo daquela noite. E condensaba a forza de todo un pobo e unha lingua que non se rendían. O padre Isorna deixou á xeración do meu pai un legado e unha promesa: que algun día, finalmente, venceremos nós!
Este artigo é unha homenaxe a todos eles. Aos homes e mulleres, aos santos e apóstolos. Aos seminarios e mosteiros onde as plumas dos códices escribiron a historia dun reino. E tamén aos seus herdeiros, cregos e monxas que respectan a nosa identidade, que loitan por ela e que mostran ao pobo que Deus tamén fala galego nesta terra onde a relixiosidade sempre foi máis popular que eclesiástica. Loitade amigos cregos, porque o porvir de Galicia tamén está nos templos galegos.





