A cristianización do Reino Suevo de Galicia

O ceo ao servizo da terra (1) | A cristianización do Reino Suevo de Galicia
San Martiño de Tours — San Cibrao — San Martiño de Dumio

«O ceo ao servizo da terra» é unha serie de tres artigos que percorren a traxectoria de pensadores cristiáns que fixeron da súa fe un compromiso radical con Galicia. Voces que, desde o século IV ata a actualidade, entregaron a súa vida á construción espiritual do pobo e forxaron a conciencia do país do cáliz e as sete cruces.

Neste artigo abórdanse as figuras de San Martiño de Tours, San Cibrao e San Martiño de Dumio.


Imaxe que ilustra o artigo: Estatua de San Martiño de Dumio en Braga

 

Disque foi Deus quen lle deu a Galicia a súa particular xeografía ao formar as Rías Baixas logo de apoiarse na terra para descansar despois do extenuante esforzo da creación. Moita foi a xente que ao longo da historia viu a Galicia como o pobo escollido por Deus. Nalgún lugar perdido dos Ancares, onde se agochou o santo graal da última cea. A Muxía, onde chegou a Virxe María nunha barca de Pedra. En Noia, onde atracou a arca de Noé durante o diluvio universal. E no campo da estrela onde elixiu descansar Santiago Apóstolo, patrón que volveu a lombos dun cabalo branco cinguindo a espada da cristiandade. Galicia era para eles unha estrela xerada ao unir os puntos máis senlleiros do territorio: os cabos de Fisterra e Ortegal con Ribadeo, o Penedo dos Tres Reinos e o Castro de Santa Trega. Proba inequívoca de que o país era o lugar escollido pola vontade que rexe os mundos. 

Sexa como for, moitos foron os servos de Deus que consagraron os esforzos da súa vida ao Reino de Galicia. Que devezaron e morreron pola súa liberdade e que gañaron para este recanto o seu lugar no mundo. Por todos eles, polas horas escribas que recolleron o noso pasado asegurándonos un futuro, é de xustiza recuperar a lembranza dalgún dos seus nomes. 

──────────── ● ────────────

Ano 316 | San Martiño de Tours

 

Martiño era un soldado romano nacido en Panonia (actual Hungría), na fronteira oriental do Imperio. Alí, as lexións enfrontábanse aos exércitos xermanos. As tropas avanzaban atarrecidas na espesura dos bosques teutóns agardando a son do carnyx, preparados para morrer naquel lugar maldito. No medio do fragor, Martiño desertou. Desoíndo aos seus mandos, avanzou só cara a primeira liña e tirando as armas, xurou que a súa non era unha loita contra os homes. Martiño sobreviviu, entregou a súa capa de oficial a un mendigo e retirouse a unha vida anacoreta. A xente comezou axiña a veneralo, sentindo no seu corpo austero a forza do espírito. Fundou mosteiros por toda Europa Central ata que a devoción popular obrigoulle a dirixir o Bispado de Tours, que aceptou a cambio de seguir vivindo como eremita. 

Martiño sempre estivo do lado dos sen pan, ao carón dos labregos e dos marxinados. Loitou contra as inxustizas e condenou a tortura. 3,000 quilómetros separaban Gallaecia de Panonia, pero a súa piedade chegou ao extremo occidente. Na fin do mundo florecía un culto respectuoso coa tradición e o territorio. Alí, Prisciliano lideraba unha relixiosidade en simbiose co pobo e a natureza repudiada pola elite eclesiástica. O emperador —tamén galego— Magno Máximo, considerouno herexe. Chamouno a Tréveris e mandouno executar. Galicia chorou a perda do seu guieiro. Martiño ergueuse en defensa de Prisciliano. Enfrontouse ao emperador e esixiu o seu perdón. Prisciliano morreu, non así a súa doutrina, que se fixo eterna en Galicia.

A valentía de Martiño valeulle a admiración do pobo galego. Foi o primeiro santo da Igrexa que non foi apóstolo nin mártir, e Clodoveo, logo da conversión dos francos, fixo daquela capa que entregara a un pobre, símbolo imperial, converténdose a Basílica de San Martiño de Tours en parada obrigada no Camiño de Santiago. 

Galicia non se esqueceu da axuda que Martiño prestara ao seu bardo outorgándolle a honra de ser o patrón de Ourense; o home con máis advocacións no país; e, tal vez o máis importante, das festas da matanza e o magosto. 

──────────── ● ────────────

Ano 400 | San Cibrao

 

Era un tempo convulso. Os deuses pagáns esvaecíanse en favor do cristianismo, pero aínda pervivían entre as clases populares, e mesmo ás veces a elite coqueteaba coa herexía, non faltando conversións inversas: da Igrexa ao animismo.

San Cibrao foi un dos moitos cregos esotéricos que ocupaban o impás entre o chamán e o sacerdote. Formárase en Babilonia e Exipto nas artes brancas e escuras, retornando como un temido mago. Abraiado polo poder da cruz fronte á maxia, converteuse ao cristianismo e chegou a ser bispo da súa Antioquía natal. Non obstante, Cibrao recolleu nun grimorio as artes da nigromancia que aprendera: esconxuros, apócemas, feitizos e meigallos. Durante a persecución espoleada por Diocleciano foi torturado e executado xunto á súa muller, Xustina.

O seu libro máxico foi cobizado por ocultistas, alquimistas e gobernantes de toda Europa. Hai quen o identificou co Codex Gigas, o suposto grimorio escrito polo propio diaño, logo de que un monxe benedictino condenado a morte por empalamento pedise axuda a Satanás. Considerado a oitava marabilla do mundo polo seu tamaño e pola variedade de saberes que contén —deste e doutro mundo—, houbo quen afirmou que o libro de Cibrao fora entregado ao monxe Xonás Sufrino pola corte infernal na serra do Harz, núcleo da bruxería europea e escenario dos máis grandes aquelarres.

O libro maldito foi roubado infindas veces, mais de entre todos os lugares de Europa, Galicia era o que máis adoecía por el. Segundo a tradición, o grimorio detallaba os puntos do Reino onde se agochaban as riquezas dos primeiros homes: baixo as mámoas e os castros dos mouros. Nos pazos dos señores contábaselles aos nenos que, nun lugar oculto do interior do país, o libro de San Cibrao permanecía encadeado para evitar a tolemia e a maldición que caía sobre todos aqueles que ousaran lelo.

──────────── ● ────────────

Ano 550 | San Martiño de Dumio

 

A Galicia de comezos dos séculos escuros era un lugar fondamente supersticioso. A relixiosidade animista de raíz céltica confluíra cos deuses romanos —é dicir, coa mitoloxía grega— e fundírase en simbiose coas herexías priscilianista e ariana. Aquel reino xunguido polo esoterismo foi o que se atopou Martiño de Dumio ao chegar, proposto para evanxelizalo.

Hai paralelismos evidentes entre Martiño de Dumio e o seu predecesor, Martiño de Tours. Ambos naceran no seo de familias nobres da Panonia e retiráranse a vidas eremíticas nas montañas de Xudea, logo de visitar os santos lugares. Na época, Suevia convertérase no primeiro reino cristián independente do Imperio Romano. Sabedor da súa convulsa situación, Martiño emprendeu o longo camiño desde Israel até a Finis Terrae. No ano 550 chega a Galicia coa misión de cristianizar o reino suevo, cuxo pobo seguía sendo pagán e cuxa elite profesaba a herexía ariana. Recoñecendo a influencia do seu devanceiro, ponse baixo a advocación de San Martiño de Tours e funda un mosteiro en Dumio, freguesía próxima a Bracara, capital do reino. A través dos códices traídos de Xudea, converte o lugar no principal foco de espiritualidade cristiá oriental en todo o occidente europeo.

Martiño dedicouse con empeño a combater o paganismo do Reino Suevo de Galicia. Tal era a súa obsesión que chegou a prohibir o uso dos nomes mitolóxicos para os días da semana, introducindo no seu lugar o sistema das feiras —aínda presente en Galicia e Portugal—, excepción única entre as linguas romances. Foi o principal impulsor do esplendor cultural e político de Suevia, converténdoa en referencia europea e consolidándoa como o primeiro reino articulado de Europa. No ano 560 logra evanxelizar o territorio, facendo que o monarca Teodomiro abxure do arianismo e se bautice. Ao longo da súa vida, Martiño combateu as crenzas, costumes e ritos de raíz celta que o pobo nunca deixara de practicar. 

No marco da súa campaña evanxelizadora presidirá o I Concilio de Braga, convocado polo papa Xoán III para combater a persistente herexía priscilianista que, 200 anos despois da súa decapitación, seguía viva na súa terra. No II Concilio de Braga, presidido polo rei Miro, redactará o Parochiale Suevorum, documento pioneiro na historia de Europa que artella administrativamente o territorio. Así mesmo, reorganizará o monacato galego, até entón dominado pola doutrina ascética priscilianista, cuxo bastión estaba na Ribeira Sacra.

Se Prisciliano foi o guieiro da Galicia romana cristiá, Martiño de Dumio converteuse no apóstolo do Reino Suevo. É incalculábel o impacto que os dous Martiños —de Tours e de Dumio— tiveron en Galicia e no norte de Portugal. Un bo indicador disto son os máis de cincuenta e cinco lugares do país que aínda levan o seu nome, milenio e medio despois. A imperecedoira ilusión da maxia segue a latexar no pobo no que repousa, baixo o epitafio que el mesmo escolleu: «Nado en Panonia, atravesando vastos mares, impelido por sinais divinos, chegou ao seo de Galicia, na que instituiu o culto e a celebración da misa. Téndote seguido patrón, teu servo Martiño, igual en nome que non en mérito, repouso agora aquí na paz de Cristo.» Mais, aínda hoxe, os galegos —igual que dixo Martiño ao chegar á ara do sol de Fisterra— «seguen adorando aos espíritos das árbores.»

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad