Esta é a historia dunha das vilas máis especiais de Galicia: Ribadavia. Capital en tempos de guerra, terra de arrieiros, de labregos e de guerreiros. Berce de Irmandiños e maior xudaría do Reino de Galicia, un día defendida contra as hostes inglesas coas frechas dos fillos de Sefarad.
Imaxe que ilustra o artigo: Crónicas de Jean de Froissart (1388)
Á beira dun afluente do Miño estendíase unha terra vizosa coñecida como a Castela Auriense. Disque os romanos chegaran alí buscando o ouro dos celtas, eses mesmos que lles espetaran que «non herdaran ouro para mercar a liberdade, senón ferro para defendela». A zona estaba chea de castros, entre eles un tan grande que lle chamaban «a cidá», en San Cibrao de Las. Alí producíase desde antigo o viño que se servía nos pazos reais, e arredor da comarca xurdían xoias coma San Xulián de Astureses ou San Mamede de Moldes, en Boborás. Pero, sobre todo, naquela terra de castros e ouro agromou o futuro de Galicia nunha das vilas máis fermosas do Reino, a Riba d’Ávia.
Corría a Alta Idade Media e en Castela gobernaba Pedro I, quen herdara a coroa do seu pai, Alfonso XI. Chamábanlle «O Xusticieiro» os campesiños, que lle tiñan simpatía; porén, durante a súa rexencia tratou con dureza á nobreza, que lle alcumou «O Cruel». Entre conspiracións cortesás, Pedro descubre que o seu medio irmán Henrique —refuxiado en Francia— está detrás dunha rebelión que pretende matalo. Pouco despois, Castela declara a guerra a Aragón e no campo de batalla Pedro fica abraiado ao ver que o comandante inimigo é o seu propio irmán Henrique, agora ao servizo do rei aragonés. No primeiro encontro, Aragón derrota as tropas castelás e Pedro retírase para reorganizar o seu exército. Henrique, confiado na vitoria, decide atacar para reclamar o trono. Parte da nobreza, devezando recuperar o poder, súmase á súa causa e comeza a Primeira Guerra Civil Castelá.
As forzas fieis a Pedro, non obstante, conseguen cercar ao traidor en Náxera, pero inexplicábelmente, o rei ordena a retirada a Sevilla. A clemencia na guerra pode ser un erro fatal. Henrique aproveita a oportunidade e foxe novamente a Francia, agora baixo a protección da monarquía gala, que busca desestabilizar a Castela. Pedro emprende unha longa viaxe desde Sevilla cara ao norte na procura do apoio do Reino de Galicia. No castelo de Monterrei xúntase toda a nobreza galega, maioritariamente petrista, coa excepción do Arcebispo de Compostela. O obxectivo da xuntanza é ofrecer axuda ao rei na guerra fratricida que sacode Castela. Á fronte da asemblea está Fernán Ruiz de Castro, cuñado de Pedro e home máis poderoso da Galicia da época. III Conde de Lemos, Trastámara e Sarria, recibira do pai de Pedro I —Alfonso XI— fortalezas como Castro Caldelas e Monforte de Lemos en recoñecemento pola súa loita na reconquista. Home de alta estirpe e ponte de unión entre España e Portugal: xa que a súa irmá Xoana era esposa de Pedro; e Inés, a súa outra irmá, convertérase en raíña de Portugal despois de morta.
No castelo de Monterrei, Fernán Ruiz ofrece a Pedro un gran exército galego para combater aos henriquistas en Zamora. Mais o rei rexeita a axuda aducindo que «desconfiaba da eficacia do exército galego lonxe das súas montañas, que era moi valente, pero soamente cando loitaba pola súa propia terra». En realidade, Pedro non quería contraer unha débeda co Reino de Galicia, polo que decide pedir axuda a Inglaterra. Acude ao Príncipe Negro, que acepta inicialmente, pero retira o seu apoio ao pouco tempo por mor dos impagos da coroa castelá. Debilitado e abandonado por boa parte da nobreza, Pedro enfróntase ao seu irmán Henrique, que regresa financiado pola monarquía francesa. A piedade que Pedro tivera en Náxera non se repite, e Henrique executa ao seu irmán na batalla de Montiel, sendo coroado novo rei de Castela en 1369 e iniciando a liñaxe da Casa de Trastámara.
Aquilo converteuse na escravitude do Reino de Galicia, castigado por Henrique polos anos en que se mantivo como bastión petrista. Ironías da historia: a vitoria de Henrique levou ao poder a unha dinastía galega. A Casa de Trastámara tiña as súas raiceiras no condado homónimo, Trás-Tamaris, alén do río Tambre, e nacera da unión do cabaleiro Pedro Froilaz con Urraca de Traba. No mesmo ano da súa coroación como Henrique II de Castela, o novo rei iniciou a ocupación de Galicia e poucos meses despois de executar a Pedro, concedeu a Pedro Ruiz Sarmiento o señorío de Ribadavia, nomeándoo Adiantado Maior do Reino. A súa misión: eliminar os últimos focos petristas.
A paz nunca chegou a Galicia. A morte de Pedro non pechou a ferida dinástica. A súa filla, que casara co Duque de Lancaster, alentouno a reclamar o trono. Así, ducias de barcos ingleses arribaron ás costas galegas. Ferrol, Compostela, A Coruña e Ribadavia foron tomadas. En Ribadavia, a resistencia xudía protagonizou unha defensa heroica que durou vinte días. A vila caeu, pero o viño do Ribeiro —bebido a esgalla polos 2.000 soldados ingleses— fíxose famoso en toda Europa. Desde aquela, os Sarmiento conservaron o señorío de Ribadavia. A súa presenza espallouse por toda a comarca. Os seus brasóns —trece besantes de ouro sobre fondo vermello, en lembranza das cabezas mouras que un antepasado cortara na Reconquista— encheron a paisaxe. Porén, os Sarmiento eran alleos á terra. Casteláns que non falaban galego e apenas pisaban o Reino. Daquela humillación naceu o estoupido: a primeira gran revolución popular de Europa. A nobreza galega aliouse co pobo para facer xustiza. Así naceu a Guerra Irmandiña. A Irmandade Fusquenlla arrasou castelo tras castelo, desatando a furia contida durante séculos.
A vila estaba daquela baixo o poder de Tareixa de Zúñiga. Tras a morte do seu esposo, Diego Pérez Sarmiento en 1466, ela asumira a tutela do seu fillastro, Bernardino. Amedrentada polos irmandiños, fuxiu con Bernardino a Mucientes, preto de Valladolid. Sufocada a revolta, Tareixa regresou a Ribadavia co propósito de recuperar o control da vila. Pero a cidade, que xa probara a liberdade, non aceptaba de bo grao volver ao dominio feudal. Para evitar un novo alzamento, pediu axuda ao seu sobriño: Pedro Madruga, señor de Soutomaior. Pedro era o señor máis temido de Galicia. Nos seus dominios, o terror era rutina e a violencia, lei. Ao saber que Pedro viña para impoñer orde, os veciños de Ribadavia asaltaron o castelo e prenderon a Tareixa. Salvárase da ira dos irmandiños, pero non da do seu propio pobo, e foi lanceada polas rúas da vila no 1470. Pedro respondeu cunha represión brutal. Nin nas invasións inglesas Ribadavia vivira tanto horror. As armas de fogo, que el introducira en Galicia, fixeron tremer a vila. Queimou, saqueou, e mesmo apresou o abade maior de San Clodio, ao que exhibiu espido sobre un burro cunha ristra de allos pendurada do pescozo, acusado de encubrir a rebelión.
Pedro cumpriu a promesa feita á súa tía e entregou o señorío ao herdeiro Bernardino, quen herdou o título de Adiantado Maior de Galicia e reconstruíu o castelo destruído polos irmandiños. Perdoou ao pobo pola revolta, mais engadiu á fortaleza unha muralla interior para protexerse dos seus propios veciños. Cen anos despois da chegada dos Sarmiento co apoio de Henrique II, os Reis Católicos nomearon a Bernardino I Conde de Ribadavia e concedéronlle os portazgos de Galicia. Foi tamén Bernardino quen lle puxo o alcume ao seu familiar Pedro de Soutomaior. A pesar de que este lle concedera o señorío de Ribadavia, as disputas entre ambos eran constantes. Para poñer fin ao conflito, acordaron cabalgar ao encontro un do outro ao cantar do galo. O lugar onde se atopasen marcaría os límites entre as terras dos Sarmiento e as dos Soutomaior. O galo cantou en Ribadavia. Bernardino preparábase para cabalgar cara Soutomaior cando, desde o parladoiro do seu castelo, viu a Pedro tocando coas mans as súas murallas. Sorrinte, recoñeceu a astucia do rival e espetoulle unha frase na que lle deu o seu lendario alcume: «Madrugas, Pedro, madrugas.»
Ribadavia non foi só crucial para o Reino de Galicia, tamén o foi para os descendentes das doce tribos de Israel. A vila acolleu a maior xudaría do país, berce de familias que, despois de defender a cidade e o Reino, foron condenadas ao exilio. Os xudeus xogaron un papel fundamental na historia local: foron tesoureiros dos condes, administradores do castelo e dos viñedos, parte vital da vida económica e social. A diferenza dos señores feudais, eles si eran galegos: falaban a lingua, vivían a cultura e amaban a terra. Cando os Reis Católicos impuxeron a conversión forzosa, moitos xudeus de Ribadavia seguiron lendo a Torá nas súas casas e durante séculos, e a vila foi un refuxio onde o xudaísmo sobreviviu en silencio. Mais a persecución que comezou no século XVII deixou unha fonda cicatriz. Un maksim —delator xudeu— acusou a súa propia nai e irmáns por vellas disputas familiares. Aquela denuncia desatou un dos maiores procesos da Inquisición en toda a Península. Das 500 persoas que vivían en Ribadavia, 200 foron acusadas de xudaísmo. 40 foron condenadas, case todas comerciantes ricos que tiñan inimigos que devezaban por expropiar as súas propiedades. Ribadavia quedou sen xudeus e con eles marchou boa parte da alma da vila. Galegos que tamén falaban hebreo e que, desde esta terra, agardaban a chegada de Xahvé. Hoxe, moitos dos seus descendentes están espallados polo mundo sen saber que os seus devanceiros naceron nunha vila chamada Ribadavia, pertencente a un reino chamado Galicia.
A vida seguiu, pero Ribadavia xa non era a mesma. O castelo foi esmorecendo, usado como refuxio de bandidos ou prisión franquista. Mais tamén foi semente de rexeneración: das pedras que caían polo abandono, os veciños construíron as súas casas, erguendo outra vez a vila sobre os mesmos perpiaños que un día sustentaran a súa gloria. E Ribadavia rexordeu. Converteuse en lugar de resistencia, no fortín do pobo miúdo, no agocho da lingua e na loita polo país. De entre todos os recunchos da terra, foi alí onde o teatro deu forma ao novo florecer cultural galego. Ribadavia foi bastión e desta volta, venceu. A historia de Ribadavia é a historia da Galicia enteira. A nosa. Eliximos mal, probes de nós. Probe do probe sen pan. Pero da nosa alma naceu forza abonda para espertar, coller a fouce e loitar. Galicia é o río Avia agardando a chegada a San Xes de Francelos, onde agromará un tempo novo, o do Miño que medra e o pobo que non morre nunca.





