A década de 1930 significou o alicerce de códigos visuais, linguaxes e un imaxinario no que cada país foi quen de xerar por medios técnicos e representativos unha estética actual.
Imaxe que ilustra o artigo: Vicente Risco. Circa 1920. Cedida amablemente por Miguel Anxo Seixas Seoane.
A abundancia económica tras a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) marcou a estética e a arte da década de 1920. O Art Déco que florecera neses anos puxo un estilo internacional, os “felices anos 20”. Foron os anos nos que as imaxes e culturas dos países experimentaron unha proxección cada vez mais presta debido á expansión da prensa e, sobre todo, dos filmes. A industria cinematográfica, como a cartelería e o deseño gráfico, eran artes novas que deran os seus primeiros pasos a finais do século XIX.
Pero en vinte anos estas artes modernas elevaron a sua posición como resultado do consumo de masas. O Crack de 1929 supuxo unha crise económica sen precedentes. O sistema viu a estrutura económica ferida, coas suas repercusións nun ámbito social e político (fig. 1). Este feito marcou a seguinte década, a de 1930: a era da Gran Depresión.
Pero o sistema cultural, estético e artístico contaba coa maior fortaleza de todas. As miradas e mentalidades asumían imaxes con maior rapidez e tiñan un impacto transversal. Os grandes cinemas eran literalmente palacios nos que os espectadores eran os soberanos. As grandes cabeceiras da prensa contaban con tipografías mais claras e fortes, así como ilustracións, fotografías e deseños que captaban os ollos dos lectores. En lugar de caer, a Crise de 1929 elevou estes códigos debido á necesidade dende os ámbitos gobernamentais de contar con espazos nos que, horas tras horas, por un prezo asumible, os cinemas funcionasen como un fogar para miles de persoas desempregadas. Fogar no sentido dun lugar seguro, tranquilo, onde poder soñar e sumerxirse por un tempo indefinibles en historias de amor románticas, a diversión sublime no terror e a fantasía e o dinamismo propio da época moderna nos musicais.

A fotografía cinematográfica pasou a ser un elemento primordial. Primeiro, porque coa introdución do sistema sonoro as secuencias e interpretacións debían ser cohesionados e emitir vitalidade. A segunda, porque era posible conseguir grandes efectos dentro dunha escala monocromática, alcanzando a perfecta unión de tódolos elementos, de forma que o ollo quedase prendido na rápida sucesión de fotogramas. O estilo visual dos anos 30 pode condensarse en tres palabras: monumentalismo, texturas e contraste (fig. 2).
As fotografías e cadros tras o 29, dende Margaret Bourke White (fig. 3) ata Tamara de Lempicka, mostran tanto claridade de liñas como figuras que ocupan todo o espazo, ofrecendo aos espectadores unha dose masiva e suntuosa de superficies, de pel impecable, cabelos luminosos ou de graza e elegancia en vestidos de veludo, seda, gasa e lamé en conxunto con xoias engastadas con brillantes. Con motivo, a Metro Golden-Mayer escolleu como lema “Mais estrelas que no ceo”. Era ser intenso, ser grande, ser romántico (fig. 4).


Se nos anos 20 a cinematografía europea predominara na cultura occidental, a partir da crise pasouna a ser a norteamericana. Isto debeuse principalmente a un sentido estratéxico para enfocar a recesión e tamén a dimensión política. Primeiro, Norteamérica insuflou fortes axudas económicas ás industrias do cinema co fin de que funcionasen a como un pulmón social para canalizar as inquedanzas individuais. E segundo: a crise económica golpeou a que era lanza innovadora europea no cinematográfico, Alemaña. O país alemán arrastraba as consecuencias do Tratado de Versalles firmado no Armisticio e 1929 só fixo implosionar a sua economía. En apenas tres anos, o caldo de cultivo alimentado por unha humillación ignorada por moitos levou a que en 1933 mudara o modelo de Estado con consecuencias nefastas. Ningún outro país europeo puido ocupar o sitio de Alemaña como en Weimar, nin tampouco competir da industria fílmica norteamericana, posto que a industria non coñeceu ningún tipo de soporte semellante nin contaba xa cun contexto que permitise facer funcionar iniciativas.
A tradución artística deste contexto fíxose notar nun Decó mais suave e limpo. Os estilos de vestimenta, especialmente nas mulleres, sumaban unha elegancia que aínda hoxe segue a funcionar xunto cunha actitude tan sofisticada como desafiante. O ideal de beleza era, ao fin e o cabo, a “Elegancia dos Malditos” que encarnaba Daisy Fellowes. Todo isto podería resultar simplemente unha fase mais da Historia de non ser porque, neses anos, xurdiron moitas das ideas que perfilaron mesmo perspectivas estéticas a día de hoxe. O enfoque era converter a vida cotiá, a través de obxectos e personalidade, en algo extraordinario. Por esgotador que isto poida soar, a fórmula descansaba en ser creativo, orixinal e práctico segundo o carácter individual (fig. 5). Foi neste tempo cando se crearon útiles do fogar como a cafeteira italiana para facer moka (fig. 6). Luigi de Ponti, o seu autor, ideou esta cafeteira nun estilo Déco que no seu momento resultou un éxito. Non só porque fai un café perfecto, senón porqué o seu deseño era atemporal, reproducible, asequible e estético para calquera fogar. Foron estas características as que a levaron a gozar dunha inmensa popularidade que dura na actualidade.

A publicidade dos anos 30 asumiu este carácter. Dado que a esencia da publicidade é presentar con persuasión algo novo para ser visible e asumido, as axencias de publicidade estaban por unha parte en contacto cos mellores deseñadores gráficos e fotógrafos para atender empresas, institucións, campañas ou artistas. A propia industria cinematográfica non só sostiña o seu peso cultural en historias ou na economía, senón tamén nunha potente imaxe pública perfectamente coordinada de medios técnicos, loxística e imaxinario colectivo (fig. 7). Unha idea do moito que a dimensión deste sentido do espectáculo chegou a influír na percepción de figuras políticas é o caso da escena de Cidadán Kane (1941, Orson Wells), no cal o gran plano e logo contrapicado do mitin que está a dar Charles Foster Kane se empregou por tódolos partidos políticos para filmar os seus líderes, para ser logo proxectados no cinema como parte dos noticiarios.

Foi neste contexto no que a cultura galega contou coa fortuna de ter unhas xeracións a altura das circunstancias. Dende os artigos de Vicente Risco (fig. 8) sobre a estética galega ata as iconografías e cartelería de Camilo Díaz Baliño (fig. 9), este proceso dos anos 20 e 30 coñeceron en Galicia un interesante proceso non só de actualización. Tamén o foi para crear precedentes intelixentes para as seguintes xeracións, incluíndo a campaña do Plebiscito do Estatuto Pro Autonomía de Galicia en 1936. A escala, eficacia e espírito desta campaña foi posible grazas tanto a ideas que viñan tomando pouso dende as palabras de Risco, pasando por aqueles artistas que se sentiron inspirados por el e tamén porque todos eles eran intelectuais, artistas, escritores, periodistas, investigadores e persoas que xeraban memoria, pedagoxía, coñecemento e consciencia, sendo bos coñecedores dos medios ao alcance.

Se as imaxes que eles sostiveron seguen a funcionar, é porque en gran medida exploran o mais xenuíno e representativo do espírito humano, galego e universal. Pero tamén porque eran persoas cun sentido estético tan elegante, que a beleza que desprenden funcionaron daquela e seguen a facelo (fig. 10). Son intensas, son grandes e son románticas. Son imaxes extraordinarias que acompañan o día a día, que elevan o cotiá e que crean atmósfera, abertas, plurais, libres e comunicantes nunha cultura común. En resumo: o de facer unha escena a maneira na cal naceu a contemporaneidade.
━━━━━━━━━━━━
Referencias das imaxes:
1º. Cola para xantar, xunto o anuncio do American Way of Life. 1929. Margaret Bourke White para Life. Imaxe CC (Creative Commons).
2º. Pemento Nº30. 1930. Edward Neston. Imaxe CC (Creative Commons).
3º. Sen título. 1931. Margaret Bourke White. Imaxe CC (Creative Commons).
4º. Cleopatra (fotograma). 1934. Cecil B. DeMille. Imaxe CC (Creative Commons).
5º. Cafeteira para expreso de Moka. 1933. Luigi di Ponti. Imaxe de DP (Dominio Público).
6º. Xerseis. 1935. Elsa Schiaparelli. Imaxe de DP (Dominio Público).
7º. Cinema coa publicidade do filme “A Momia”. 1932. Imaxe de DP (Dominio Público).
8º. Vicente Risco. Circa 1920. Cedida amablemente por Miguel Anxo Seixas Seoane.
9º. Camilo Díaz Baliño co seu equipo de deseñadores gráficos, montadores e traballadores. 1924. Cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro.
10º. Cartel para o Plebiscito do Estatuto Pro Autonomía. 1936. Camilo Díaz Baliño. Cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro.





