Un 17 de maio, 160 anos despois

Mais as letras galegas non só están feitas polos nomes que pasaron a historia senón que delas, tamén formamos parte todas as persoas que escribimos, falamos, sentimos e soñamos en galego. Ese pequeno xesto é a máis grande das revolucións. Nel reside a alma da lingua.

 

Fai 160 anos unha muller, nun mundo de homes, publicaba a obra que cambiaría a nosa historia e empezaba dicindo que era un gran atrevemento dar á luz a un libro. Quizais non sabía que o que estaba a facer cambiaría por completo o porvir. Que eses Cantares Gallegos se convertirían nun dos poemarios máis importantes da nosa literatura, enchéndoa de luz e cor, rachando cos séculos escuros para mudarmos o noso xeito de entender a lingua e as letras.

Rosalía de Castro empezou a tecer, soa, unha nova época para Galiza. Foi rebelde, atreveuse a escribir en galego cando ninguén o facía. Axina contaxiou a outros que se lle sumaron e xuntos, foron revivindo unha lingua que ata aquel momento, estaba agochada, silenciada e case apagada. Castelao, Pondal, Cunqueiro, Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Manuel María, Novoneyra. E máis nomes, moitos máis nomes que contribuiron a que a nosa lingua dure mil primaveras máis. Olga Novo, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Domingo Villar, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Berta Dávila, Brais Lamela. Nomes e máis nomes que siguen construindo e espallando as nosas letras galegas, que convirten o idioma en internacional e que son o mellor escaparate do talento da nosa terra. Obras que son tesouros, lugares nos que gardar a nosa esencia e páxinas ás que sempre podemos voltar cando nos sentimos perdidos.

Pero o tempo pasa e hai algunhas cousas que cambian. Poderíamos, por exemplo, actualizar o inicio das Memorias dun neno labrego. Balbino segue sendo un rapaz de aldea pero xa non é un ninguén. Estes días anda pola cidade de Lugo, intentando rebelarse polas condicións inxustas da xente que vive por e para o rural. Os seus tractores ocupan as rúas e paran o tráfico, esa é a súa maneira de intentar facerse oír. Aínda que pasaran varios anos, segue sen ter un altavoz.

Destas novas escribirán xornalistas que tamén fan letras galegas. Na música, Ortiga e Pili Pampín andan facendo das súas e revivindo cancións que estaban algo esquecidas. Baiuca enche salas de tódolos rincóns da península. Xabier Díaz fai bailar ao ritmo da pandeireta máis alá do océano. Grande Amore contaxia a súa alegría a todas as que nunca escoitaron cantar en galego. The Rapants cólanse nas listas de spotify de cada vez máis xente. As Tanxugueiras demostran que cos idiomas non hai fronteiras. Carlos Núñez segue levando a melodía da gaita por todo o mapa. Berto, Mondra, Crnds, Davide Salvado, Xisco Feijóo, Fillas de Cassandra, Fransy González, Aliboria, Sés, Guadi Galego. Nomes e máis nomes que fan das letras as mellores cancións en galego.

Dende onte, Spotify pode ser configurado no noso idioma. No cine, este ano os Goya volveron a ter o noso acento. As Bestas convertiuse nun dos filmes máis aclamados dos últimos meses. Matria segue nas salas de moitas cidades do país, conseguindo as mellores críticas. Falando de críticos, Xacobe Pato ten unha das contas de recomendacións literarias máis influintes das redes sociais. E ademais, tamén escribe.

Quizais Rosalía de Castro nunca imaxinaría nada do futuro que nos esperaba despois de que ela nos abrise a porta da creación en galego con aqueles seus Cantares Gallegos.

Este ano, o homenaxeado é Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da editorial Galaxia. As editoriais son esas pezas clave que fan que a literatura funcione, un berce e un lugar no que gardar e seguir dando a coñecer os legados que nos deixaron.

Mais as letras galegas non só están feitas polos nomes que pasaron a historia senón que delas, tamén formamos parte todas as persoas que escribimos, falamos, sentimos e soñamos en galego. Ese pequeno xesto é a máis grande das revolucións. Nel reside a alma da lingua.

Ás veces eu fago como Rosalía e tamén son rebelde. Escribo poesía, en galego, nunha aula de Barcelona e recítoa, en galego, diante dos que nunca a miña lingua escoitaran. Cada día é un pequeno avance para seguir tecendo nesta infinda rede que son as nosas Letras Galegas.

Feliz 17 de maio. Hoxe e sempre, falo, sinto, amo, soño, penso, vivo en galego.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad