De sermos quen somos: lingua, cultura, terra

O presente e o futuro da lingua está nas nosas mans. O galego como a lingua de Rosalía, mais tamén dos nosos netos. Debémosllelo. É deles.

 

Fonte da imaxe no encabezamento: EFE.

 

“A conciencia histórica do noso pobo, a conciencia galega, é un longo proceso que comeza pola descuberta da personalidade colectiva e que vai enchendo todo o devir histórico de Galicia.” Manuel Fraga Iribarne.

 

Corría o ano 1991. Galicia estreaba a súa primeira maioría absoluta e o presidente popular, Manuel Fraga Iribarne, aludiu a que “o nacionalismo ben entendido daba un gran paso”. Estaba a acontecer un momento fundamental da historia recente de Galicia, ese punto no que Centristas de Galicia se integrou no Partido Popular de Galicia e Xosé Cuíña poñía o límite do nacionalismo na fronteira da autodeterminación. Transcorreron apenas tres décadas desde aquela, pero ás veces semella que esquecemos como chegamos até onde estamos. E que olvidamos os protagonistas dos nosos devires históricos.

“Calquera nación que renuncia á súa tradición non ten dereito á existencia”. Esta frase de Vicente Risco ecoou no Parlamento de Galicia pronunciada por Fraga. Gardarmos o legado de todos os que nos artellaron. Alfredo Brañas, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Alfonso Castelao. Risco, Losada, Piñeiro. Homes e mulleres que antepuxeron Galicia. Que proxectaron a súa imaxe cara ao futuro coa súa obra. Rosalía de Castro, castelanfalante, muller que iniciou o noso Rexurdimento. Vicente Risco, que fundamentou calquera teoría sobre o noso país. Castelao, que proseguiu o labor de Risco.

Levamos un profundo legado nas costas. Centos de anos de galeguidade sostidos sobre uns fráxiles ombros. O noso país reside exclusivamente na esencia do pobo, nas características da comunidade humana que constituímos secularmente e que son de noso, exclusivamente galegas. É, sen dúbida, complexo que, no século XXI, cando a globalización e a internacionalización arrasan as fronteiras e dilúen as identidades, as esencias do pobo galego non rematen esgazadas dentro dunhas correntes deseñadas precisamente para formar unha comunidade internacional sen características propias, que só se deben a factores externos. Estamos, evidentemente, ante unha epidemia de uniformidade. É por iso que se han de rexeitar movementos políticos, ideoloxías que nos difuminan e que arredan a Galicia dos seus trazos e que non aspiran a máis que que deixemos de ser galegos. Tal e como defendía Risco, somos un elemento vivo, un ser que en tanto manteña os seus trazos –lingua, cultura, terra etc.– será.

Os galegos confiamos en nós mesmos. Non o digo eu, senón o IGE. Un 70% dos que falan máis castelán que galego e dos que falan en castelán sempre pensan que o galego vai seguir tendo os mesmos falantes ou que vai aumentar. Pero non o falan. Por que? Eis a cuestión! Potenciarnos. Desde hai máis de 40 anos, a autonomía brindoulle ao galego unha protección legal que nunca tivera: unha Lei de Normalización Lingüística –promovida polo presidente Albor, establecía o coñecemento do galego como un deber, aínda que un recurso do PSOE tumbou a igualdade entre galego e castelán– e un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega –impulsado por Fraga, con apoio na sociedade civil e coa unanimidade do Parlamento de Galicia–.

A pesar de conseguirmos ser a lingua de Deus, das ciencias, das vacas e da economía, perdemos falantes. Unha persoa de Marrocos que chega hoxe a Bueu aprendería castelán, porque é o idioma que fala a xente do concello. Un neno tamén. É por iso que debemos aproveitar as múltiples potencialidades que nos ofrece o futuro. Futuro, palabra imperfectible pero si mellorable. Portugal como un polo económico, mais tamén de lingua. A función crea o órgano. A utilidade fai que falemos galego. A poboación ten que percibir o galego como lingua útil. Porque é nosa, mais tamén porque nos conecta coa lusofonía. Con millóns de falantes. Con economías punteiras. Ás veces hai que demostrar as cousas, as obviedades. Traballar na conexión con Portugal, a pesar de Óscar Puente, pode ser unha vía fundamental. O goberno central non se debe esconder. Non podemos priorizar Madrid. Sempre foi unha prioridade, e hoxe tócanos a nós. O presente e o futuro da lingua está nas nosas mans. O galego como a lingua de Rosalía, mais tamén dos nosos netos. Debémosllelo. É deles.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad