Laiarse por laiarse: os neoluditas contra Altri e o monte galego

Hai dúas maneiras de ver o rural galego. O urbanita quere ver unha selva inalterada polo home onde nada se escoita agás o vento, un territorio despoboado no que non hai economía nin vida nin debe habela baixo ningún concepto. O home que vive no rural ve na natureza unha aliada para lograr o avance humano, social e económico e vive de cultivar, colleitar e transformar a natureza para suplir necesidades humanas, tendo claro que só poderá manter o seu sustento se respecta a natureza, que é quen todo lle dá. O primeiro despreza o segundo por querer alterar a súa imaxe estática de selva virxe, o segundo ve oportunidades para facer a vida e unha imaxe dinámica, en constante movemento.

No encabezamento, imaxe do dominio público.

 

Unha pantasma percorre Europa. Así comeza o Manifesto comunista de Marx e Engels. Hoxe xa non nos sorprendemos das ideoloxías que pululan polo noso aletargado continente. Coñecemos a monarquía absoluta, a monarquía parlamentaria, a democracia cristiá, o fascismo, o comunismo, a socialdemocracia e tantos máis movementos que —con máis ou menos razón e éxito— tiveron o seu momento en Europa. Hoxe, porén, a pantasma que inflúe en todas as políticas e que marca o futuro é o ecoloxismo.

O ecoloxismo ten a ansia máis que lexítima de protexer e coidar a natureza. Este desexo tan bo, tan humano e tan compartido por case todos, influíu na política, nos grandes foros de ideas e mesmo na Igrexa. Hoxe non hai partido político, nin think tank, nin encíclica do Papa que non fale da importancia de coidar o planeta. Creo que debemos agradecer moito a estas persoas que puxesen enriba da mesa a necesidade de coidar a casa común, o lugar onde todos vivimos, e que coidar o planeta significa coidarnos a nós como sociedade e como individuos, no cal afonda moito o ecoloxismo integral da Doutrina Social da Igrexa.

Galicia e o rural de boa parte de Europa sofren un perigoso despoboamento. Un despoboamento que provoca que se abandonen as vivendas, as explotacións agrogandeiras e mesmo as masas forestais. As causas dese despoboamento son moitas e moi complexas: infraestruturas paralizadas, migracións aos centros de traballo urbanos forzadas polo Estado nos últimos dous séculos, políticas hiperintervencionistas —ordenación do solo, PAC, fiscalidade e moitas máis— que asfixian os negocios do sector agrogandeiro e forestal e tamén hai quizais un cambio cultural.

Un dos problemas que enfronta o agro galego é a dificultade para establecer industrias transformadoras dos produtos que se xeran no rural. Este debate leva vivo moitos anos en Galicia e sobre isto fálase continuamente no Parlamento. O BNG vive no pasado e defende que os produtores teñen que ser tamén transformadores e deben establecer pequenas cooperativas para chegar a mercados de pequena escala e dar saída ao seu produto. Este esquema hoxe non funciona por cuestións de rendibilidade básicas: economía de escala e concentración de custos. As pequenas cooperativas transformáronse en grandes asociacións de cooperativas ou empresas que poden conseguir mellores prezos de venda, que poden ofrecer mellores servizos auxiliares aos produtores e que, ademais, conseguen ofrecer ao consumidor final mellores prezos para satisfacer as súas necesidades. Esa idea que teñen no BNG levaría —afortunadamente non a poden poñer en práctica— ao encarecemento do custo de alimentos básicos para as familias como os lácteos e a carne  —logo pedirían regular os prezos e habería desabastecemento— e a un atraso e falta de competitividade no sector. Xa digo, menos mal que hai un goberno serio que apoia o agro e non se fan estas políticas

Iso no sector agrogandeiro, mais no forestal é aínda máis escandaloso. O BNG sempre se laiou —o laio é a súa ideoloxía— de que en Galicia non houbese unha industria no país que procesase a madeira sacada dos montes galegos. Eles din que, se houbese unha industria asentada en Galicia e con presenza no territorio, habería un incremento de riqueza debido ao valor engadido deses produtos transformados… E logo di o BNG que ENCE é o inimigo! A empresa que temos —que empezou sendo empresa pública, como a eles lles gusta— que transforma madeira en pasta de papel non lles vale. Eles maniféstanse contra ENCE por mil e unha razóns, non se busca o diálogo nin a innovación, nin buscan tratar con eles os problemas que poida ocasionar a fábrica no entorno, non, eles queren pechar ENCE. Ademais din que esa empresa exerce un monopolio sobre o prezo da madeira. Tachán! Aparece un competidor a ENCE que para gañar mercado pode ofrecer mellores prezos aos propietarios da madeira —e ENCE responder igual— e darlle máis valor ao monte galego. O BNG estará contentísimo, ou? Para nada, non esquezamos que o laio é a súa única ideoloxía.

Altri pode ser o pulmón económico dunha zona que sofre ese despoboamento que dicía antes, pode dar saída á madeira galega a mellores prezos para os propietarios e xerar moitos postos de traballo, pode xerar unha industria auxiliar de loxística e ser un polo de atracción de servizos, pode incentivar a construción de vivenda para as persoas que traballen alí, pode axudar, en definitiva, a dar osíxeno, a unha comarca e a unha provincia. Os propietarios do monte poden vender a madeira a mellores prezos, poden innovar e buscar novas oportunidades de negocio que revolucionen o monte galego. E o BNG tumba que dálle, menos mal que non gobernan.

No 1857 os traballadores da Fábrica de Tabaco da Coruña lanzáronse a destruír as máquinas que ían permitir que a fábrica fose máis eficiente porque os seus postos de traballo xa non ían ser necesarios. Esa aversión ao avance tecnolóxico e económico levaría a que vivísemos en castros e nos quentásemos en lareiras —se é que o lume non lles molesta—. Afortunadamente, a sociedade vai por outros camiños e o avance tecnolóxico continuou igual e permitiu un nivel de vida en Europa nunca visto. Este ludismo do século XIX e XX ten hoxe continuidade no neoludismo das organizacións radicais ecoloxistas e do BNG. Antes a escusa eran os postos de traballo —que se reincorporaron ao mercado— e agora é a apocalipse climática.

Se Altri ten un compromiso serio de coidar o medio ambiente, xerar postos de traballo, crear riqueza en Galicia e aínda por riba nunha zona que sofre o mal do despoboamento, benvida sexa. Calquera empresa poderá establecerse en Galicia se cumpre coa lei, só faltaba. O ecoloxismo ben entendido busca o benestar da creación: das persoas, dos animais e da natureza. O contrario é un radicalismo que pon en risco a vida das persoas no rural e imposibilita establecer proxectos de vida e de empresa no territorio. Os galegos escollemos o primeiro camiño, o do sentidiño.

 

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad