Altri, un repaso polas materias de Primaria

O Ferrado analiza as consecuencias de instalar ALTRI, a fábrica pasteira no Río Ulla que consumirá máis auga que toda a provincia de Lugo. Para avanzar non podemos pensar en pasado, pero hai que coñece-lo para tecer un futuro sen os mesmos erros.

Imaxe que ilustra o artigo: Galicia Confidencial

 

Ás veces esquécesenos o básico. Refírome ós días nos que chegamos á casa cun quilo de patacas para facer tortilla e non temos ovos ou ós domingos nos que nos erguemos ca man posta no armario da despensa e non queda café. Entón repasamos a mesma escena do día anterior onde nos prometemos que iriamos mercar “despois, sen falta”. E é normal que se nos esqueza, estamos a moito. Iso, co café, cos ovos, cas patacas… Pero non se lles pode chamar despistes ós erros garrafais; a ignorancia e a manipulación ou a mentira veñen da man. Lémbroo porque penso que neste furacán de linguaxe política e cruzadas xudiciais esquécensenos cousas que xa teñen nome. Estamos un pouco “olvidóns” e creo necesario facer repaso polo máis básico. 

Empezando polas correntes de pensamento –a filosofía– e abrindo o melón de para que serven os valores na vida moderna, cito a Aristóteles:

“Está claro que non é posible ser bo no sentido estrito sen prudencia, nin prudente sen virtude moral”

E aínda que daría para enredar moitísimo, o sentido de “ser bo” aplicado á sociedade é do que trata a política. Así que resumireino en que este señor considera que a virtude vén do “Termo medio”. É dicir, do equilibrio, e para min, isto, queridos e queridas lectores do Ferrado, é a Democracia

A que me estou a referir? A que nos parlamentos escollemos o que é mellor para nós, non só para a nosa superviviencia, senón para o noso benestar. Tamén como regulador entre correntes, entre opinións e como garante de quendas no poder. Quere isto dicir que quen está no poder acerte con todas as decisións sempre? Rotundamente non, e para evita-los erros e aprender deles temos a Historia

Aproveito para responder a Rodri Suárez, polo seu artigo publicado neste medio a principios de mes, no que estou de acordo cunha vertente casposa e conservadurista do galeguismo da oposición, pero ben sabemos que as decisións detrás dos partidos non son inocentes. Se ben o Partido Popular respalda tóda-las súas decisións no apoio cego ao sector económico, o BNG presenta unha carencia grande de apoio do tecido empresarial e, entre medias, preto do lugar que debería ocupar un PSOE que non soubo ter en conta que Galiza é, ante todo, galega, sitúase a Democracia. O termo medio da convivencia. 

Non debemos pensar en pasado para avanzar, pero si debemos ter unhas referencias empíricas do que funciona e o que non, para saber, máis que nada, que se lle prendes lume ó gasoil, explota, ou que se neste caso instalas unha celulosa nun emprazamento natural sen garantías de protección e no leito dun río, unha ría vaise ó carallo e o emprazamento queda en só cemento, que foi o que pasou con Ence en Pontevedra. Igual que sabemos, que cando se coida o medio, a natureza responde rapidamente. E isto chámase Ciencia, unha disciplina que en España, tampouco goza dos maiores investimentos. Por certo, sobre a instalación da pasteira Altri, de estreitos lazos con Ence, a vicepresidenta da Xunta, Ángeles Vázquez,  asegurou que a auga que empregue a pasteira Altri de GreenFiber “vai volver, se cadra, máis limpa do que entrou”. Unha auga que devolve a 27ºC, segundo a propia empresa. Tres grados por riba da temperatura media do río, unha variación letal para moitas especies, di a Bioloxía.

Algo dá que sospeitar cando -grazas á Historia– sabemos que, cando GreenFiber contaminou o Texo en Portugal non só a sancionaron, senon que a obrigaron a reduci-la súa actividade ata o 30%. Di EuropaPress que “en enero de 2018 el Tajo sufrió una de sus mayores catástrofes medioambientales. Un gran manto de espuma cubrió casi por completo las aguas del Tajo de orilla a orilla, llegando a tener una altura de un metro”. 

Vertido da fábrica de Greenfiber en Abrante, en 2018

O nome “GreenFiber” fai referencia á fibra “ecolóxica” que elaboran: o lyocell. Unha pincelada de inglés: “greenwashing”. Segundo Wikipedia: “la ecoimpostura, ecopostureo,​ ecoblanqueo​ o lavado de imagen verde (en inglés greenwashing) es una forma de propaganda en la que se realiza marketing verde de manera engañosa para promover la percepción de que los productos, objetivos o políticas de una organización son respetuosos con el medio ambiente con el fin de aumentar sus beneficios”.  Na definición do Parlamento Europeo: “la práctica de obtener una ventaja competitiva desleal comercializando un producto financiero como respetuoso con el medio ambiente cuando, en realidad, no cumple los requisitos medioambientales básicos”. Iso tampouco quere decir que NON contamine…

O greenwashing quédaselles curto ca páxina Green Fiber, na que, en vez de instalar unha fábrica de 300 hectáreas cunha chemenea de máis de 70 metros, parece que van facer unha senda verde. Antes de seguir tirando do fío, lembrar que a industria pensa na industria, en gañar os máximos cartos posibles cada ano. Por iso, os populares poñénlle tódalas facilidades para que non marchen a países nos que pagan menos impostos e non teñen controis ambientais, nin traballadores a prezo europeo. Por iso mesmo Caballero desvívese pola Zona Franca de Vigo, para evita-la -outra cousa con nome- desnacionalización. E, tamén, por isto, saltan a normativa ambiental, como fixo Ence “ata 1994” segundo o fallo da Audiencia de Pontevedra “de xeito non continuado”, din. Cinco meses de arresto para seis directivos e 30.000 euros de multa a repartir entre todos no 2002 -ou sexa, risa-. Pero non fai falta remontarse tanto. No 2017 a empresa ten unha multa en Navia (Asturias) por non comunicar unha vertedura e tardar 23 días en presentar o informe obrigatorio, que ademais lles tivo que ser requerido. Outra gran baza de protección marca Spain: Inditex. Esta fábrica -Altri- produciría celulosa e fibra téxtil, by the way

Vertedoiro téxtil no deserto de Atacama (Chile). BBC.

As empresas queren conserva-lo seu kapital. Entón -clase de Economía– crean filiais para repartilo patrimonio e os impostos, algunhas delas, como GreenFiber -a de Altri-, en paraísos fiscais como Suiza. Tamén andivo en pleitos, aínda en trámite por faltas na declaración. A empresa subdivídese por socios. O seu minoritario, a galega Greenalia, conta co 25% da empresa e entre os membros da cúpula está a ex-conselleira de Medioambiente Beatriz Mato. Aquí é cando as cousas se tornan opacas e comezan a non ter explicación. Pois esta señora, líder do PP da Coruña no seu momento, tiña que ter nocións básicas, igual que o seu relevo, de Dereito. E, neste eido que a todos nos toca e que marca os asuntos de relevancia pública, a Constitución no seu artigo 45 di:  . 

“Los poderes públicos velarán por la utilización racional de todos los recursos naturales, con el fin de proteger y mejorar la calidad de la vida y defender y restaurar el medio ambiente, apoyándose en la indispensable solidaridad colectiva”.

Defender e restaurar, porque xa no 78 os sete señores firmantes eran conscientes de que a cousa non estaba para botar foguetes. E, agora, tampouco. Eu entendo que os da EGB non tivesen “Coñecemento do Medio”, pero sabemos que dependemos da cadea trófica e da auga. Poñer unha fábrica do tamaño de 366 campos de fútbol nunha zona protexida pola Rede Natura no leito do río que desemboca na ría máis produtiva -aínda que contaminase cero- seguiría sendo delito. 

Deixo as mátematicas, para a final. No proxecto desta fábrica, as estimacións -feitas pola empresa- da auga que chuchará do Ulla eran de 46 millóns de litros ó principio (o famoso “máis que toda a provincia de Lugo”),  logo dixeron que 26, pero que terían capacidade para 46. Din tamén que devolven 30. Por esta regla de tres, se se collen litros pra fabricación de celulosa e se evapora nos procesos químicos, non saen as contas. 

Por último, aplica-la lóxica na solución do problema: a contaminación mata os seres vivos e se unha fábrica reduce á metade o caudal dun río para facer fibra textil “ecolóxica” temos dereito a dicirlles que xa teñen dabondo cas fábricas que hai, que de non haber outro remedio se instalen nun polígono industrial e, de paso, reciclen as fibras dos vertedoiros internacionais, que as avoas se volverían tolas con tanto retallo bo.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad