A catedral de Santiago xa non é nosa

A catedral de Santiago foi concibida como unha obra mestra na que cada cada espazo tiña un sentido. Unha composición arquitectónica e estética pensada para sobrecoller o peregrino, facéndolle sentir que chegara á fin do mundo e ás portas do ceo. Hoxe, o afán recadatorio e a explotación turística esnaquizaron aquela harmonía.

Imaxe que ilustra o artigo: Xunta de Galicia.

 

O outro día fun co meu pai a pasar o día a Santiago de Compostela. Eu vou todos os anos polo Día da Patria Galega, pero hanse de poder contar cos dedos das mans as veces que foi o meu pai. El volvía á capital logo de non menos dun lustro. O motivo era unha exposición temporal no Gaiás chamada Voces do Pacífico, comisariada polo British Museum, que traía a Galicia máis de 200 pezas de toda a Polinesia.

Aproveitando a excursión desde Pontevedra, fomos comer a Casa Pampín. Cando rematamos o coulant de torta de Santiago, o meu pai propuxo ir á catedral. Había moitos anos que non entraba, desde antes da famosa limpeza patrocinada por Amancio Ortega (ou iso era o que se dicía). Camiñando pola cidade, o meu pai marabillábase coa fermosura das rúas, edificios e igrexas:

—Verdadeiramente, Santiago ha de ser unha das cidades máis fermosas de Europa —marmuraba mentres camiñabamos xuntiños baixo o paraugas.

Eu asentía, lembrando aquilo que tantas veces me dixera paseando pola Ferraría: «Pablo, Pontevedra ten o casco histórico máis importante de Galicia despois do de Santiago». A min, a pesar de que a Boa Vila non me impresionaba por ser o meu fogar, encantábame escoitalo. Igual que todos aqueles outros datos que me repetía: que o tesouro de Caldas era o máis importante da súa especie ou que tiñamos a segunda mellor colección de acibechería do mundo (onde demos estaría a primeira?, pensaba eu). Eran pequenas cousas que facían do noso lugar no mundo un sitio especial.

Devagar chegamos á praza de Cervantes, que, se non lembro mal, o meu amigo Julio me ensinara que o pobo chamaba do Pan. Baixando, chegamos ata San Martiño Pinario. O meu pai preguntoume que edificio era aquel e eu expliqueille que, ata había un ano, o meu amigo Gonzalo vivira detrás dunha daquelas xaneliñas, cando aínda estaba no seminario. Coma se fósemos turistas, sinalabamos co dedo o Santiago Apóstolo que se erguía no alto do edificio. O meu pai quixo entrar dar unha volta polos comedores. Lembrábanlle os tempos nos que, cheos a rebordar, comía en silencio nos Xesuítas, escoitando o compañeiro ao que lle tocase recitar. Ou o mosteiro de Poio, cando de pequeno ía co padriño e aquilo era un fervedoiro de seminaristas que o impresionaban baixando á praia coas súas casullas.

Baixamos polo Arco de Xelmírez e chegamos á praza do Obradoiro, co Hostal dos Reis Católicos, o Pazo de Raxoi e, fronte a nós, a maxestosa fachada da catedral.

—Imos para dentro.

—Non se pode, papá. Hai que pagar. Esta é a entrada ao Pórtico da Gloria.

—Como que hai que pagar?! —respondeume cunha expresión que mesturaba sorpresa e indignación.

Achegueime á porta e, para cerciorarme, pregunteille a unha muller de seguridade:

—Desculpa, hai que pagar para entrar?

Un «si» seco, sen sequera mirarme, foi todo o que recibín por resposta. Pero eu, que non me daba por vencido, insistín:

—Os galegos tamén?

A muller volveuse cara a min. Parecía furiosa. E cunha expresión de noxo, espetoume:

—¿Cómo?

—Que se os galegos tamén temos que pagar —repetín, malia saber perfectamente que me entendera.

—¿Qué pregunta es esa? Pues evidentemente, como todo el mundo.

—Evidentemente, non —respondinlle—. Son moitísimos os lugares que visitei nos que a poboación local, sexa do municipio, da rexión ou do Estado, está exenta de pagar. 

E paréceme moi ben. Por poñer un exemplo, por que teño que pagar eu 250 dólares por entrar nos parques nacionais dos Estados Unidos, como veño de facer, cando aos norteamericanos lles custa 30? E, en troques, un home de Wyoming ten que pagar os mesmos 15 euros ca min para entrar no Pórtico da Gloria?

—Déixao, Pablo, nin sequera é galega —díxome o meu pai.

Aquela era só a primeira das desilusións que nos agardaban.

—E para entrar na catedral tamén hai que pagar?

—No, se entra girando por aquí.

Derrotados pola muller de seguridade e co paraugas na man, rodeamos a catedral ata chegar á portada de Praterías.

A entrada, por unha porta lateral, deslucía bastante. Xa dentro, dirixímonos á xirola. Pero, para a nosa sorpresa, tampouco se lle podía dar a volta, precisamente a función para a que fora construída. O meu pai quería amosarme a capela na que, moitos anos atrás, a miña familia celebraba misas durante as reunións familiares, pero foi imposíbel.

—Que vergoña! —repetía el.

Aquela palabra aínda había repetirse moitas veces.

Descubrimos tamén, abraidos, que xa non era posíbel darlle unha aperta ao Apóstolo. Nin sequera baixar ao sepulcro!

—Non se pode facer nada aquí! —laiábase o meu pai—. Escarallárona… Como era e como é!

Paseando pola nave central, topamos cun biombo que oculta e illa, nun cubículo, o Pórtico da Gloria, reservado soamente para aqueles que estean dispostos a abrir a carteira.

Enfadado, o meu pai desistiu e propuxo marchar. Pero eu aínda quería visitar o sartego. Acababa de ver un par de turistas facer caso omiso do cartel de «Non pasar», logo de asegurarse que ningunha autoridade presenciaba a súa tropelía. Así que, antes de marcharmos, preguntei se de verdade non era posíbel baixar.

—Si que se pode —díxome un traballador de seguridade—. Para ir, tes que saír á Quintana e entrar por alí.

Nós, que xa empezabamos a fartarnos daquel escape room, saímos á Quintana dos Mortos, onde as nubes baldeaban auga coma se fosen caldeiros. Empapados e pegadiños aos tellados, subimos á Quintana dos Vivos, onde nos agardaba unha cola interminábel para acceder ao sepulcro do Apóstolo. A xente que alí esperaba estaba tan enchoupada que parecía acabada de saír da ducha.

—Vámonos! —ordenou meu pai, enfadado—. Isto é unha merda. Escarallaron a catedral!

Xa non quería ver máis. Aquilo abondara para defraudalo completamente. E non podía ter máis razón. O afán recadatorio e o turismo acabaron por destruír a catedral de Santiago. Polo menos, desde o punto de vista estético. O Mestre Mateo e os demais arquitectos, construtores e ideólogos que a fixeron posíbel deben estar revolvéndose nas súas tumbas.

A catedral foi concibida cun propósito moi específico, cunha orde, unha composición e un sentido que, de romperse, desvirtúan o conxunto. Hoxe, esa harmonía desapareceu. Destruíuse a experiencia que durante tantos séculos espertou sentimentos únicos en millóns de peregrinos chegados de todos os recunchos do mundo.

A catedral foi concibida para chegar a ela desde a praza do Obradoiro. Para marabillarse, unha vez alí, coa súa impoñente fachada e as súas torres. Para subir as escaleiras e atoparse, nada máis cruzar o limiar, co Pórtico da Gloria. O peregrino, chegado ao final da súa aventura (ou da súa condena), no súmmum do éxtase espiritual, había de axeonllarse, apoiar os dedos no granito, afundido polo paso dos séculos e das incontábeis mans de homes que alí estiveran antes ca el (memento mori), e darlle un croque ao santo, nun xesto de reverencia e afecto, despois de meses atravesando bosques, desertos, cidades, chairas e montañas.

Despois, continuaría pola nave central, a mesma que atravesaba o botafumeiro para amainar o fedor de meses de esforzo extenuante. Chegado ao altar, persignaríase e percorrería a xirola para finalmente baixar ao sartego e rezar ante a tumba dun dos doce apóstolos de Xesucristo, que alí descansa por sempre. Pediríalle un milagre, a curación dun familiar ou unha vida próspera. E marcharía, non sen antes darlle unha aperta ao Apóstolo e prometerlle que algún día volvería.

Iso era a catedral. A catedral de Santiago. Unha obra mestra na que cada pedra, cada espazo e cada paso tiñan un sentido. Un percorrido pensado para conmover, para sobrecoller, para facer sentir ao peregrino que chegara a fin do mundo e ás portas do ceo.

O de agora é unha merda.

Prohibido entrar polo Obradoiro, a non ser que apoquines. E, aínda pagando, nin sequera podes contemplar a catedral como foi concibida. O Pórtico da Gloria, que debía recibir o peregrino nada máis entrar, permanece oculto tras un biombo. A obra mestra do Mestre Mateo, reducida a unha atracción de pago. O que durante séculos foi unha experiencia espiritual, artística e humana indivisíbel converteuse nun itinerario de prohibicións, entradas, colas e rodeos. Onde antes había unha composición arquitectónica extraordinaria, agora hai un circuíto de explotación turística.

Agora éntrase na catedral por unha porta lateral, rompendo toda a composición arquitectónica. A xirola está inutilizada e, se queres baixar ao sartego ou darlle unha aperta ao Apóstolo, tócache volver saír, subir á Quintana dos Vivos e facer cola para entrar de novo. Probabelmente, xa mollado ata os ósos.

A catedral, esa xoia na que conviven o románico, o gótico e o barroco, foi concibida para ser contemplada e percorrida coma unha obra de teatro, cunha escenografía e unha sucesión de emocións perfectamente articuladas. Hoxe, esa obra está despedazada. O escenario segue en pé, pero a representación perdeu todo o sentido.

A catedral está moi limpiña por fóra, si. Parece nova. Pero de que serve ter as pedras relucentes se, para conseguilo, acabamos por desmembrar o templo? Se ese foi o prezo da limpeza, saímos perdendo infinitamente. E se todo isto é outra consecuencia da marea de peregrinos que non deixa de medrar, tanto peor. Porque unha cousa é conservar un monumento para que o mundo poida admiralo e outra moi distinta é sacrificalo para que o mundo poida consumilo.

Un galego que coñeceu a catedral de Santiago como era antes, un neno que entraba co seu pai, apoiaba os dedos no granito, daba un croque ao Mestre Mateo e unha aperta ao Apóstolo, non pode sentir outra cousa que unha profunda tristura ao contemplar o estado actual do monumento máis representativo do país.

Calquera que lembrase aquel Santiago vibrante, que entrase nunha catedral na que ás veces «estabamos soamente nós», e que agora pasee por unha cidade asolagada por estampidas de turistas e un templo convertido nunha sucesión de colas, barreiras e prohibicións, dificilmente poderá evitar unha conclusión:

Que a nosa catedral xa tampouco é nosa.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad