O ceo ao servizo da terra (2) | Compostela, faro da cristiandade contra viquingos e musulmáns
San Rosendo — Sisnando — San Pedro de Mezonzo — Cresconio — Alonso de Fonseca II — Alonso de Fonseca III
«O ceo ao servizo da terra» é unha serie de tres artigos que percorren a traxectoria de pensadores cristiáns que fixeron da súa fe un compromiso radical con Galicia. Voces que, desde o século IV ata a actualidade, entregaron a súa vida á construción espiritual do pobo e forxaron a conciencia do país do cáliz e as sete cruces.
Neste artigo abórdanse as figuras de San Rosendo, Sisnando, San Pedro de Mezonzo, Cresconio, Alonso de Fonseca II e Alonso de Fonseca III
Podes consultar as outras dúas entregas da serie aquí.
Imaxe que ilustra o artigo: TRUESENSE ®
──────────── ● ────────────
Ano 936 | San Rosendo e Sisnando
Achegábase o milenarismo e poucas cousas mudaran na relixiosidade do Reino de Galicia nos últimos cincocentos anos. As profecías da apocalipse mesturábanse cun tempo turbulento marcado pola morte: guerras feudais, invasións viquingas e ameazas islámicas anegaban os campos. Nese contexto de inestabilidade, as forzas de Deus tomaron as rendas do destino da terra.
Ao morrer, Afonso III reparte o reino. A Galicia nuclear recae en Ordoño, que acabará por gobernar todo o territorio tras a morte dos seus irmáns Fruela e García. Nese tempo, un mozo chamado Rosendo, fillo dos nobres Aldara e Gutier —emparentados cos monarcas de Galicia e os conquistadores cristiáns do norte peninsular— sucede ao seu tío Savarico como bispo de Mondoñedo. Estala unha nova guerra dinástica e Rosendo convértese en virrei de Galicia. O país, esquecido, sofre os ataques dos viquingos liderados por Gunderedo. A igrexa toma partido e xurde unha rivalidade feroz entre o bispo de Iria: Sisnando, e o de Mondoñedo: Rosendo.
Rosendo retírase a un mosteiro nos confíns do Reino: San Xoán de Caaveiro, nas Fragas do Eume. Alí, os monxes resisten o frío, o illamento e as gadoupas dos osos, mais tamén comen polbo e percebes traídos desde un mosterio da súa propiedade nas afastadas Illas Cíes.
Foi en Caaveiro cando Rosendo tivo a súa primeira visión divina. Contan as crónicas que, un día de treboada, ao exclamar «Que día tan malo!», sentiu que ofendera ao creador. Arrepentido, arroxou o seu anel ao río Eume e xurou: «O día que Deus me perdoe, devolveramo.» Dous anos despois, un cociñeiro atopouno dentro dun salmón: Deus perdoárao. Orando nas Fragas, Rosendo ten a visión dun mosteiro que debe fundar. Co perdón divino, abandona Caaveiro e comeza a construción de San Salvador de Celanova, que conclúe no ano 936. Adopta a regra de San Bieito e sométese á autoridade do asceta priscilianista Franquila, que manda chamar desde o mosterio de San Estevo de Ribas de Sil.
Entre tanto, o novo rei de Galicia, Sancho, encadea ao bispo Sisnando e chama a Rosendo para liderar a diocese de Iria. Mais o rei non corre boa sorte e axiña será asasinado polo conde galaico-portugués Gonzalo Menéndez, quen posteriormente achará a morte loitando contra o caudillo musulmán Almanzor. A noite de Nadal do ano 968, as tropas leais a Sisnando libérano e este irrompe armado na catedral de Compostela, expulsando a Rosendo baixo ameaza de morte. Rosendo, antes de partir, profetiza: «Ti, Sisnando, que coa espada me ameazas, coa espada serás traspasado.»
Sisnando organiza a resistencia galega contra viquingos e sarracenos, establecendo unha rede defensiva unindo as torres da Lanzada e Sadurniño co Monte Lobeira, o Facho de Donón e San Cibrán de Cálago. Preparado para a batalla, arenga ás súas tropas para enfrontarse ao temido viquingo Gunderedo, que tinguira Galicia de sangue. Chega ao combate coa cruz no peito e a espada na man. Sisnando era bispo, pero ante todo era un guerreiro do Reino polo que caeu.
A nova da morte de Sisnando na defensa de Galicia chega a oídos do seu inimigo Rosendo, que inmediatamente abandona o mosteiro de San Salvador de Celanova xurando vinganza. A pesar da súa rivalidade, eran curmáns e tíñanse un fondo respecto. Rosendo abandona o monacato celanovés e, novamente ás rendas da diocese de Iria, derrota aos viquingos, queimando a súa frota en Ferrol.
Pero Rosendo non fica en Compostela. Retirada a ameaza, regresa a Celanova. San Salvador convértese en lugar de peregrinación e o pobo outorga a Rosendo aura de santidade. O monxe harmoniza a relixión oficial coa popular, traballando pola restauración das dioceses do Parochiale Suevorum de Martiño de Dumio. Preserva o túmulo ritual celta sobre o que funda o mosteiro e manda erguer a capela de San Miguel, orientada para que a luz do sol entre pola xanela cada solsticio e equinoccio, lembrando as festividades pagás. Rosendo morreu sendo santo en vida, xurdindo un culto á súa figura, moito antes da súa beatificación en 1195. O seu funeral foi multitudinario, congregando á alta nobreza e ao clero peninsular. Pero a de Rosendo non era a única figura que xeraba devoción na Galicia da altura.
──────────── ● ────────────
Ano 997 | San Pedro de Mezonzo e Cresconio
Entre os asistentes ao velorio de Rosendo estaba Pedro de Mezonzo. Pedro era o abade maior do mosteiro de Sobrado dos Monxes. A súa sapienza convertera o lugar nun dos centros relixiosos e culturais máis egrexios da península. A inestabilidade do Reino de Galicia configúralle como líder político e espiritual. As hostes viquingas sementan o terror, a monarquía leonesa abandona Galicia á súa sorte, e os anacoretas que profetizan o fin dos tempos acumúlanse no Monte Pindo. A situación aínda había de empeorar.
No ano 997, as tropas do caudillo musulmán Almanzor parten de Córdoba con destino a Compostela, a capital da cristiandade occidental. Cruzan o Miño e queiman canto atopan ao seu paso. Tui e Salvaterra son reducidas a cinzas. O pobo fuxe ás montañas e ás Illas Atlánticas. Ponte Sampaio resiste heroicamente, pero acaba por caer. Algúns condes galegos, ante a abrumadora superioridade do invasor, apostatan e póñense do seu lado para salvar a vida. Perante a chegada inminente do exército islámico, Pedro de Mezonzo, bispo de Iria, ordena evacuar a cidade de Santiago. Durante a fuxida compostelá, Pedro compón a que se converterá na máis universal das oracións cristiás: o Salve Regina, inspirado na imaxe da Señora dos Ollos Grandes de Lugo. A peza, que se interpretará por todo o mundo durante máis dun milenio, representa o desacougo e a dor do pobo galego perante a destrución da súa capital.
Almanzor chega a un Santiago deserto e silencioso. Entra co seu exército na catedral, profana o templo, dá de beber ás bestas na pía bautismal e percorre a nave central até que, atónito, se detén fronte ao sepulcro do Apóstolo Santiago. Xunto ao sartego, un monxe ancián prega de xeonllos. A súa valentía conmove a Almanzor, que ordena que non lle toquen. O corpo do Apóstolo sobrevivirá, inexplicablemente, aos oito días de destrución que reduciron a cinzas a capital do occidente cristián. Ao abandonar Galicia, Almanzor leva con el a catro mil nenos secuestrados e, como última humillación, as campás da catedral compostelá, que manda cargar a cristiáns galegos ata a mesquita de Córdoba.
Pedro de Mezonzo inicia entón unha longa e heroica reconstrución espiritual e material de Galicia. O pobo comeza a veneralo como santo. Dous séculos máis tarde, cando Fernando III conquista Córdoba, obriga a prisioneiros musulmáns a devolver as campás a Compostela, saldando así unha débeda histórica. Os tempos escuros forxan líderes excepcionais. Tras a morte de Pedro de Mezonzo, será Cresconio quen asuma a diocese de Iria. Este novo bispo, tamén guerreiro, constitúese como líder militar de Galicia e comanda a resistencia contra a última grande ameaza viquinga. Infrinxe unha derrota definitiva ás tropas lideradas por Ulf O Galaico, expulsando para sempre o perigo nórdico e poñendo fin a séculos de morte. Mais se algún día Compostela chegou a ser unha cidade senlleira, non foi só pola resistencia: para iso habería que agardar medio milenio máis, até o esplendor da estirpe dos Fonseca.
──────────── ● ────────────
Ano 1520 | Alonso de Fonseca II e III
A dos Fonseca é unha historia curiosa e repetida: a dun pai alleo á terra, á súa lingua e cultura; e a dun fillo que, quizais pola oposición inherente ás ideas do seu proxenitor, impulsou a Galicia política e culturalmente. Alonso II de Fonseca fora enviado desde Castela no marco do proceso de desgaleguización do reino.
A nobreza galega opúñase con forza ás inxerencias de forasteiros que, descoñecendo a lingua e os costumes do país, pretendían impoñerse pola forza. O Pertegueiro Maior do Reino: Bernal Eanes de Moscoso, organiza a defensa de Compostela e expulsa a Alonso de Fonseca, que fuxe a Noia. As tropas leais á causa galega prenden o arcebispo castelán, que permanece preso no castelo de Vimianzo durante máis de dous anos. Porén, tras unha longa campaña militar, o exército de Fonseca logra asediar Compostela, rouba o tesouro catedralicio e faise co control da cidade. Pouco durará esa vitoria. Érguense os campos e logo de séculos de sometemento os labregos álzanse en pé de guerra contra a tiranía dos señores de forca e coitelo. As revoltas irmandiñas derruban un castelo tras outro e as defensas do arcebispado compostelá rematan por caer. Alonso de Fonseca foxe de volta a Castela, onde suplica unha axuda que nunca chega ao rei Henrique IV. Nada se podía facer cos homes e mulleres indomábeis daquel recanto do noroeste.
Tras pactar cos Zúñiga e os Monterrei, Fonseca volve a Galicia cun gran exército para esmagar a insurrección das irmandades. Unha vez pacificado o reino, tenta impoñer a súa autoridade sobre a nobreza galega. Esta reacciona de inmediato: dende o mosteiro de Carboeiro, os Moscoso e os Soutomaior lideran unha alianza que se converte nun dos momentos máis decisivos da historia do Reino de Galicia. A sucesión de feitos marcou o devir da nación até os nosos tempos máis que ningún outro momento.
Alonso de Fonseca salva a vida porque estala unha guerra civil en Castela entre Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa. Fonseca posiciónase co bando isabelino, mentres que a nobreza galega apoia a Beltranexa e aos reis de Portugal. O resto é historia. Desde aquel intre, Galicia quedará orfa dunha elite de seu, dando comezo ao período máis brutal de represión contra o pobo e a lingua: a política de xenocidio cultural coñecida como a «Doma do Reino de Galicia». Os grandes señores galegos son executados, as súas fortalezas arrasadas. A administración central impón unha política de aculturación sistemática: substitúe a clase dirixente por casteláns e forza o uso da lingua española. O asoballamento había de ser implacábel posto que o recanto atlántico amosara durante toda a historia unha vontade de liberdade incoercíbel.
Non sabemos como sería a Galicia actual se tivera gañado a nobreza galega a contenda. O que está claro é que teríamos un país diferente. Para mal, pero tamén para ben, o asoballamento de Castela conformounos como pobo. Galicia aprendeu a resistir, e durante medio milenio librou unha batalla silenciosa pero constante. Os historiadores coinciden en recoñecer aos galegos como un dos pobos máis guerrilleiros de Europa, froito dunha mentalidade de aguante permanente contra o opresor. Mais se Galicia resistiu e preservou a súa cultura e lingua contra toda adversidade, foi tamén grazas a persoas coma Alonso de Fonseca III que, dalgunha maneira, configuraron a terra e o seu lugar no mundo.
Cando morre Fonseca II, celébrase un funeral ao que acode, entre outros, o Gran Capitán, Gonzalo Fernández de Córdoba, quen lle ofrece as súas armas ao Apóstolo Santiago. O seu fillo, Fonseca III, sucédeo como arcebispo de Compostela. Para sortear a prohibición de que un fillo sucedese ao pai, o papa Borxia Alexandre VI nomea un títere temporal. Non obstante, Fonseca fillo terá unha oposición feroz no cabido galego, liderada polo sacerdote Diego de Muros III.
O asoballamento de Galicia por parte de Castela era brutal. Galicia, que tivera reis antes que Castela leis, foi humillada vilmente, e o maior insulto foi o de excluír ao Reino das Cortes. Non soamente privando a Galicia de voz e voto, senón subordinando a súa vontade aos designios de Zamora. A terra dos celtas, dos suevos, o primeiro reino articulado de Europa, a capital da cristiandade occidental, desprezada e subxugada a un páramo ermo. Esa afrenta non podía tolerarse e Fonseca III convoca o 4 de decembro de 1520, en Melide, a aristocracia galega. Alí acordan manter Galicia á marxe da revolta comuneira, reclamar a Casa de Contratación para A Coruña, e esixir o voto en Cortes para o Reino de Galicia de forma inmediata. Ironías da historia: Fonseca fillo xogouse a vida para devolver a liberdade que o seu pai lle furtara ao país. Un paso adiante e outro atrás, Galicia.
Fonseca III traballou sen descanso para restaurar a dignidade galega. Home recoñecido en toda Europa, foi padriño de Filipe II e amigo de grandes humanistas coma Erasmo de Róterdam. Impulsou a Universidade de Santiago e converteu Galicia no principal foco renacentista da Península. A terra comezaba a renacer, mais aínda quedaba un longo camiño. Habería de vir unha xeración de cregos dispostos a recuperar o vieiro da liberdade. Homes coma Martiño Sarmiento, Xerónimo Feijoo ou Xoán Sobreira, decididos a devolver a Galicia ao pobo.





