Cando o mercado coloniza a intimidade do suxeito e a perda da utopía nos fai perder o horizonte, nace a soidade do homo economicus. Fronte a isto, debemos recuperar o común e poñer a economía ao servizo da sociedade.
Imaxe que ilustra o artigo: Creación do autor con Gemini.
No mundo máis conectado da historia, medra unha epidemia silenciosa e devastadora: a soidade. As redes sociais enlazan pantallas, mais a miúdo non tecen relacións profundas. As comunidades esvaécense. Os espazos de socialización que ofrecían normas, roles e pertenza —os bares, os centros culturais, as prazas— desaparecen ou mercantilízanse. E isto interfire na nosa experiencia colectiva como sociedade, nos procesos de socialización dos individuos que facemos parte dela e no xeito que temos de asociarnos para superar os desafíos colectivos. Onde antes había un horizonte polo que traballar, hoxe só queda a lembranza dunha utopía frustrada. Onde antes non había nada coma «El calor del amor en un bar», hoxe impera a frialdade do swipe e da DM. Onde antes existía a gratificación dun propósito común, agora imponse o baleiro da recompensa instantánea. E onde antes estaba o conforto da comunidade, hoxe só queda a soidade do homo economicus.
E digo homo economicus: ese individuo que actúa de xeito egoísta e racional co propósito de maximizar o seu pracer mediante o consumo de mercadorías, porque lonxe das explicacións cómodas e afastadas da realidade —a debilidade dunha xeración que o tivo todo moi doado, o avance en dereitos sociais das minorías, a perda dos valores e dos roles tradicionais— a orixe deste problema radica nun sistema capitalista que, despois de conquistar ata o máis cativo dos recunchos da realidade obxectiva, decidiu avanzar sobre a última fronteira: a interioridade do ser humano. Se Karl Polanyi sinalaba na súa célebre A grande transformación que o capitalismo autorregulado precisou da creación de tres mercadorías ficticias —terra, traballo e diñeiro— para o seu funcionamento, con consecuencias funestas para a sociedade e a súa contorna, hoxe podemos afirmar con boas razóns que o neoliberalismo, que recupera a idea do mercado como unha institución desancorada da sociedade, sen vínculos sociais nin limitacións externas, engadiu unha cuarta: a intimidade, é dicir, a interioridade persoal —a maneira de percibir e sentir o mundo e de compor a imaxe propia a través do autocoñecemento e do coñecemento dos outros—.
Neste sentido, a diferenza das outras tres, non nos referimos á creación dun «mercado da intimidade», senón á súa subordinación aos imperativos da lóxica do consumo. Hoxe, a vida interior convértese en datos, mídese en métricas e oriéntase por algoritmos. O ecosistema dixital —redes, plataformas de contido e produtos audiovisuais— ofrece unha imaxe parcial do mundo e instaura un réxime de autoavaliación permanente no que afecto, vulnerabilidade e autoestima se converten en variables a optimizar. O efecto é unha experiencia afectiva máis fría e superficial, calibrada para a visibilidade e a recompensa inmediata.
As consecuencias, se cadra, son aínda máis profundas, pois xa non estamos diante da destrución da sociedade ou do seu medio ambiente, senón do propio individuo. A vida interior, ao quedar sometida a esta lóxica, que promove a maximización do pracer como fin último e racional, redúcese a unha visión estreita onde só importan a comodidade, a novidade, a ausencia de dor e o pracer inmediato. As mercadorías que alimentan esas necesidades son presentadas polo mercado como única saída fronte a unha realidade que, feita tamén de dor, de sacrificio e de loita, resulta indesexábel. Calquera malestar semella unha tolemia cando todos temos acceso a unha constante descarga de pracer inmediato ao alcance da man. O homo economicus xa nin sequera decide racionalmente: ao igual que o comportamento miope do adicto que Gary Becker non puido ver no consumidor de tabaco, o individuo céntrase na busca do pracer inmediato, incapaz de ver máis alá do instante. Sumido nesta depresión hedonista —como a cualificaba Mark Fisher en Realismo capitalista— queda atrapado na recompensa fugaz do porno, das redes sociais, das drogas ou da comida lixo. Os pensamentos afogan baixo a estática da música de consumo rápido que escupe Spotify a todas horas; os sacrificios son impensábeis nun mundo que condena o sufrimento con tanta vehemencia como antes se censuraba o pracer.
Pasamos do val de bágoas ao cume da ataraxia. Onde antes a dor era vivida como parte inevitábel, e mesmo necesaria, da existencia, a sociedade de consumo contemporánea presenta o sufrimento como un mal irracional que, ao non poder ser extirpado da realidade, converte a evasión nun imperativo. E nós, a mocidade, que xa fomos socializados baixo esta lóxica, vivimos as súas consecuencias con máis intensidade ca ninguén. Non coñecemos outra forma de estar no mundo que non sexa a da gratificación constante e a anestesia emocional. Por iso, cando aparece a dor —e sempre aparece— fáisenos intolerábel. A depresión é unha das principais causas de discapacidade a nivel global en adolescentes e mozos (Liu & Kuai, 2025) e, no Estado español, o suicidio superou hai tempo os accidentes como primeira causa de morte xuvenil (Pérez Diez et al., 2023). Pero o máis devastador non é o malestar actual, senón a desaparición do futuro como horizonte real. A mocidade sabe que algo vai mal, mais asume esta realidade cunha resignación tan profunda como estendida, convencida de que nada pode mudar, e de que, en todo caso, non está nas súas mans provocar ese cambio. A isto chamoulle Mark Fisher impotencia reflexiva: a conciencia de estarmos atrapados nun sistema que non funciona, pero que semella invencíbel pola ausencia de alternativas.
Cando o futuro desaparece do horizonte, da impotencia resultante xorden dúas saídas: a autodestrución como forma radical de evasión, ou a reacción como refuxio nun pasado idealizado. Incapaces de imaxinar o novo, proxectamos sobre o futuro a pantasma da nostalxia: unha reconstrución selectiva do pasado, familiar, vendíbel e afectivamente reconfortante. E esa nostalxia, sumada a factores como a precariedade laboral, a crise da vivenda e a desconfianza institucional, convértese precisamente na porta de entrada para unha extrema dereita que se presenta ante a mocidade como a única alternativa emocionalmente críbel, como xa observamos nas últimas eleccións europeas ou estatais. Non é que hoxe nos resulte máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo, como sinalaba Fisher citando a Jameson. É que no ocaso do capitalismo neoliberal, o único que chegamos a ver no horizonte é unha versión aínda máis degradada: unha distopía na que a democracia é sacrificada para soster unha economía que só se mantén a costa de destruír o suxeito e o común.
Ante isto, a tarefa é radicalmente política. Cómpre recuperar a comunidade como base da vida colectiva, e erguer sobre ela os piares da liberdade, da igualdade e da solidariedade. Un novo mundo no que a economía volva estar ao servizo da sociedade, onde as nosas vidas non fiquen sometidas a unha lóxica de mercado que precisa dun consumismo irracional e autodestrutivo para seguir funcionando, e no que se faga realidade a extensión do principio democrático da política á economía. Un novo mundo no que o ser humano recupere a gratificación do común como motivación fundamental fronte ao motor individualizante do beneficio privado. Onde a intimidade, liberada dos imperativos desta lóxica perversa do pracer inmediato, sexa reconstruída como un espazo interior libre e habitado en plenitude. Onde a loita por unha sociedade na que se fagan efectivas a xustiza e a liberdade real varra a impotencia de crer que nada pode mudar. Onde, en fin, construamos sobre as ruínas da soidade do homo economicus a casa común da vida compartida, da vida interior plena e da igualdade material. Esta é a única alternativa fronte á autodestrución:
Socialismo ou barbarie.
━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━━
Bibliografía
- Becker, G. S., & Murphy, K. M. (1988). A Theory of Rational Addiction. Journal of Political Economy, 96(4), 675–700.
- Fisher, M. (2016). Realismo capitalista: ¿No hay alternativa? (P. Aguirre, Trad.). Caja Negra. (Obra orixinal publicada en 2009).
- Liu, Z., & Kuai, M. (2025). The global burden of depression in adolescents and young adults, 1990–2021: Systematic analysis of the Global Burden of Disease Study. BMC Psychiatry, 25(1), 767.
- Pérez Diez, I., Arias Rodríguez, P., Sánchez Carro, Y., & de la Torre Luque, A. (2023). Evolución del suicidio en España en población infantojuvenil (2000–2021). Universidad Complutense de Madrid; Centro de Investigación Biomédica en Red de Salud Mental (CIBERSAM ISCIII).
- Polanyi, K. (2022). A grande transformaçom: As origens políticas e económicas do nosso tempo (C. López Garrido, Trad.). Edicións Laiovento. (Obra orixinal publicada en 1944).





