Puteros no goberno: teoloxía e feminismo

Ábalos, Koldo e Cerdán son só exemplos dunha relación enferma entre poder político, corrupción e depravación sexual. Feminismo radical e catolicismo únense para denunciar a perversión institucional en España.


Este artigo é un crossover á galega: Alba Coloret, xornalista da RTVE, e Gonzalo Lebredo, seminarista en Compostela, asinan xuntos esta peza a catro mans na que feminismo radical e catolicismo se dan a man.

Imaxe que ilustra o artigo: Filme “Airbag” (1997)

 

O exministro Ábalos leva vivindo da política desde que ten 24 anos –agora ten 65– e neses corenta anos deulle tempo a casar tres veces e a unha disoluta vida sexual que presuntamente se financiou con diñeiro público. Con 24 anos, coa carreira –Maxisterio– recén rematada e cuns bos contactos, comezou a súa singradura nos mundos máis turbios da política. Sempre metido no medio das cociñas do PSOE, sempre nos cazoleos, nas purgas, nas guerras e nas fotos. “Sempre, eu na túa alma”, dicía Celso Emilio… pois Ábalos, sendo moi novo, a súa alma ao demo lle vendeu.

E, cando chega a ministro, comeza a festa. Varias mulleres mantiñan relacións sexuais con el a cambio de postos de traballo, de cartos e de favores económicos. Din que chegou a gastar 500.000€ en dous anos. O seu desexo era sádico, abraiante, a súa libido inconsumible. Iso sen contar as que estaban contratadas por empresarios amigos do goberno e por empresas con capital público. Un círculo de vicio: roubar para a luxuria, gobernar para roubar, enganar para gobernar, vivir para enganar. O círculo péchase en que vivía para a luxuria; o resto eran medios necesarios que permitían o custo do seu pecado. Xa dicía o Tomé de Aquino que un pecado pode ser causa formal doutro: así, no acto de fornicación cometido por causa dun roubo, a fornicación é como a materia e o roubo como a forma.

E é que no caso da luxuria, aínda que na nosa concepción das virtudes e dos vicios está relacionada co sexual, a súa etimoloxía nos dá luz do seu significado profundo. Pois luxuria vén de luxo, e o luxo, luxus, ten que ver co retorto, o equivocado. Así o explica De Vaan no Diccionario Etimolóxico do Latín: a partir dun significado orixinal lug-so- ‘dobrado’, pódese explicar o desprazamento semántico cara a ‘torcido’ por unha banda, e cara a luxus [masc.] ‘a flexión’ > ‘falta de contención, esaxeración’ pola outra. Esa busca permanente do prohibido, do retorto, do incorrecto, do que nos dobra e nos fai dano, é tamén a orixe etimolóxica do pecado, a outra gran palabra. Hai quen o relaciona co pé (pes, pedis), de xeito que peccatum sería algo así como un defecto nun pé ou un paso en falso; outra explicación sería que teña que ver con caer (peto) e un pecado sería unha caída.

O pecado da luxuria sería, nun senso profundo, a caída da vontade nun desexo equivocado. Algo así xa o entendeu Bataille: “o desexo por si mesmo altera a claridade da conciencia, pero sobre todo cómpre partir de que a posibilidade de o satisfacer a suprime. Semella que en toda a animalidade a satisfacción sexual se realiza nunha grande “desorde dos sentidos””.

Hai algo que sorprende máis estes días nos que todo o mundo xa coñece as aventuras destas personaxes. No caso de Ábalos, hai un punto máis que nos parece moi interesante. El presume da súa vida sexual e goza remexéndose nela, creando imaxes cada día máis surrealistas (o disco duro no pantalón) e destapándose o que foi ministro para devir un ser torrentiano. E quizais este punto sexa o que demostra mellor a súa perversión, como xa entendeu Simone de Bouvoir cando comentaba a Sade: “O verdadeiro libertino ama mesmo os reproches que lle merecen as súas execrables falcatruadas. Non vimos que amaban mesmo os suplicios que a vinganza humana lles propoñía, que os padecían con ledicia, que contemplaban o cadafalso como un trono de gloria? Velaquí o home no último grao da corrupción reflexionada”.

E hai outro elemento que fai pensar. Non son simples casos illados de perversión sexual, non é algo común a todos os humanos, nin sequera aos varóns, é algo que está vencellado co poder. Lord Acton, un dos máis eminentes teóricos do libertarismo inglés, resume esta idea de xeito excelente: “O poder tende a corromper e o poder absoluto corrompe absolutamente. Os homes ilustres son case sempre homes malos, mesmo cando exercen influencia e non autoridade: canto máis cando se lle engade a tendencia ou a certeza de corrupción que trae consigo a autoridade”. E pode ser que no sexo haxa un vencello co mando, como dicía Foucault: “poder e pracer non se anulan; non se opoñen; perséguense, cabalgan un sobre o outro e reactivan mutuamente. Encadéanse segundo mecanismos complexos e positivos de excitación e incitación”. E esa corrupción dos poderosos é a que máis dano fai nunha sociedade, corruptio optimi pessima, levándonos neste caso a unha desconfianza total cara ás institucións e a unha desafección pola política dos partidos. Cal é a nosa sensación cando pagamos impostos e vemos estas noticias? Que nos están roubando os nosos cartos unha banda de golfos.

Hai algo peor que un home de dereitas?
Un home de esquerdas.

Isto que ultimamente resoa moito entre as mulleres, levado á comedia por Henar Álvarez ou Isabel Calderón e Lucía Lijtmaer, reflicte perfectamente a realidade social. Por moito discurso que teñan os homes de esquerdas, non só rexeitan renunciar aos seus privilexios, senón que ademais, perpetúan modelos de submisión empregando o discurso feminista (o que vén sendo un manipulador de toda a vida, pero ademais con fondo político). E é que, desde Errejón, estamos a ver que o político putero de festas, clubs e puros, transfórmase nun depredador moito máis cercano nas novas xeracións.

Nas novas, porque –efectivamente– Ábalos e Koldo cheiran a pechado. E o PSOE acaba de dar cun pozo no que precisa unha ventilación moito máis profunda que calquera lavado de cara con tres mulleres e un home, para demostrar o tan igualitario, paritario e pouco corrupto do noso goberno. Por non falar da ridícula enquisa do CIS, publicada nos días posteriores aos audios.

Dos audios non fai falta escoitar máis aló dese no que Koldo lle recita os nomes das traballadoras sexuais a Ábalos como se fosen marcas de coches para saber que calquera home que deoste desa forma a un ser humano que, ademais, lle dá pracer e poder, –non esquecer que a muller é a que fai posible que os seus soños de grandeza se fagan realidade até o momento da exaculación, cando despois aparece o pago como xeito de perpetualo no tempo– sexa alguén en quen confiar (moito menos para dirixir un país).

Saíu a ministra de Igualdade a dar comparecencia? Silencio nos días do escándalo.

E, practicamente ao mesmo tempo que se coñecía a 14.ª muller asasinada pola súa parella, calcinada polo seu marido en Campo Lameiro, Alfonso Villares dimitía por estar investigado por agresión sexual. Dimitiu cunha aperta do presidente e moitos sorrisos, incluído o de Ángeles Vázquez, que debeu ter maniotas ao día seguinte de apertar tanto os dentes. A quen puxeron no seu lugar? A unha muller, porque permanecemos na segunda fila, ata que alguén ten que facer un lavado de cara.

E esta realidade triste que vivimos non é causada por visións nesgadas, nin polos bulos do lodo da ultradereita nin polas fakes news. Esta realidade lese exactamente igual desde a visión católica do mundo e desde o máis radical feminismo. Un e outro poñen de relevo que este tipo de condutas son perversas e incorrectas e ambos os dous critican o uso das persoas que leva consigo a prostitución. Para o cristianismo, somos fillos de Deus e o corpo é templo do Espírito Santo (1 Cor 6, 19-20), polo tanto, a prostitución é vulnerar o dereito e atacar a dignidade humana, pero tamén é profanar un templo espiritual. Para o feminismo, estas condutas non son máis que un reflexo dun sistema herdado de valores perversos onde o varón exerce estruturalmente violencia contra a muller. Quen consome prostitución practica violencia sexual contra quen a exerce, é unha violación pactada. Elas eran persoas que buscaban unha saída económica; eles, uns homes con demasiado poder e demasiado vicio. Evidentemente, nese plano de desigualdade, non pode haber máis que violencia.

O feminismo contempla tamén a autoexplotación e os dereitos das traballadoras sexuais. A cultura da violación tamén está detrás do OnlyFans. Son moitas as que cren empoderante vender o seu corpo, e iso non lle da dereito a ninguén a deostalas. E, malia que a demonización dos puteros semella vox pópuli, estes casos son o vivo reflexo dunha educación e un entorno, nos que “obreiro” non é igual a “obreira”; e nos que os corpos e o traballo sexual consómense -polo de sempre- co beneplácito dos outros, para lexitimarse entre eles, pese aos avances e “a concienciación” cos dereitos das mulleres.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad