Un fallo constitucional, un tabernario reaccionario e un tren a 20 km/h

Europa fíxose peregrinando a Santiago. Hoxe en día, tendo en conta as conexións de tren co norte do Estado e mais con Portugal, a peregrinaxe segue a ser a mellor opción. Mentres o ministro profire sons guturais, o país demanda que apostemos aínda máis pola autoidentificación nacional.

 

Hai uns días, Galicia recibía unha grandísima nova por parte do Tribunal Constitucional. A nosa Lei do Litoral, aprobada no Parlamento de Galicia e recurrida polo Goberno do Estado –si, ese goberno de PSOE e Sumar e sostido, entre outros, polo BNG–, é legal e, polo tanto, o recurso do goberno do gañador do Óscar a mellor actor, Pedro Sánchez, queda en augas de fregar. A nova non puido chegar en mellor momento: apenas uns días despois da investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia, este atopábase cunha noticia que o respaldaba politica e xuridicamente ante o goberno central(ista) e ante todos os grupos da oposición.

“Ninguén se atreverá a negar, señorías, que Galicia, este vello reino situado nunha das fisterras de Europa, participou activamente do último treito do século XX, superou eivas e complexos ancestrais, e que hoxe se encara con orgullo a un novo século e milenio”. Fraga Iribarne tiña claro naquel discurso de investidura do 2001 como a nosa terra deu pasos de xigante desde o inicio do período democrático, acadando uns niveis de cohesión moi relevantes e, desde o seu abandono de Monte Pío, o resto de gobernos galegos seguiron pulando pola conexión e vertebración territorial de Galicia e, sen dúbida, polo seu artellamento no marco da Unión Europea e do Estado español.

Hoxe seguimos con dous grandes retos que non están exentos de polémica pero que son fundamentais para que Galicia avance: o tren Galicia-Norte de Portugal e a conexión polo Cantábrico. Ambos os dous son irrenunciables para construír unha Galicia aberta ao mundo e dona de si mesma, lonxe de visións cativas que reducen o país a unha ladaíña de traumas históricos. Tal e como sinalou o presidente Rueda no 2022, “Castelao referíase a Galicia como unha obra. Galicia é, efectivamente unha obra, pero tamén é un camiño. Un camiño que vén de lonxe e ten que chegar moi lonxe”.

É, nese marco, no que, desde o novo goberno autonómico, se debe seguir pulando polas transformacións territoriais que precisamos, defendendo os intereses de Galicia por riba de todo (e de todos). É, precisamente aí, onde reside unha das chaves da autoidentificación, na capacidade dun goberno e dun presidente de representar o pobo galego “sin tutelas, ni tutías”. Non é posible esquecer que o pobo galego confiou maioritariamente no PPdeG durante toda a historia da autonomía e que, precisamente, os mellores momentos do noso país coinciden cos máximos niveis de autoidentificación nacional. Galicia, esa terra con raigame fonda na historia e no europeísmo (que é, senón, o Camiño de Santiago?), merece estar conectada con Portugal e co resto de Europa, así como coas demais porcións de España.

Non debemos permitir que os discursos tabernarios dun ministro de Transportes, Óscar Puente, que evoca aquela “España de charanga y pandereta” de Machado, furten o futuro da nosa terra. É imprescindible que poñamos toda a carne no espeto, pois a lealdade é, irrenunciablemente, un camiño de dobre sentido. A lealdade de Galicia para co Estado é indubidable e, como pobo, habemos rexeitar aqueles discursos que nos alonxan do mundo e pretendan arredarnos do futuro. Rexeitar a modernización da liña Ferrol-Oviedo –parece crer que hai que construíla de novo– é unha mostra máis da incomprensión mesetaria de cara ao noso pobo e ao noso país, un xeito de se comportar que xera incomodidade entre os galegos e galegas e que ha de ser sempre contestada desde o galeguismo.

Que non esteamos falando a cada hora da conexión con Portugal –o tren existente na actualidade, Vigo-O Porto, é, simplemente, vergonzoso– é tempo perdido para o futuro. Han quedar lonxe esas argumentacións dese “hombre de casino provinciano” que alude aos datos actuais de uso das liñas –quen as vai usar, se pouco máis e chegas antes camiñando e, ademais, consegues a compostela– e debemos apostar por ter unha visión global e territorial do país. Temos moito camiño andado nestes últimos anos, con logros como os de incrementar nun 70% os km de vías de altas prestacións, os 220 novos quilómetros de estradas libres de peaxe, a conversión en autovías de corredores como o da miña terra, O Morrazo, etc., mais habemos seguir camiñando con paso firme e luces postas para un longo percorrido.

Non caben aquí discursos arcaicos do BNG apelando a unhas infraestruturas que tronzan Galicia (AP-9, A-54, Altri, Ence… son boas mostras destas posturas), nin unha posición do PSexdeG que antepón exclusivamente o que ocorre en Ferraz a Galicia. O pensamento galeguista e o futuro de Galicia han de estar por riba de todas as ideoloxías e aspiracións persoais. Sen un gran acordo de país, sen unha unanimidade real e non de cartón pluma, será imposible avanzar na nación dos nosos devanceiros. E debémosllo.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad