A morte do papa Francisco abre o camiño a un conclave sen precedentes, cunha Igrexa globalizada e polarizada que busca sucesor para un pontífice imprevisible.
Imaxe que ilustra o artigo: @viewsfrance
O pasamento do papa Francisco sorprendeunos a todos. A verdade é que a el sempre lle gustou sorprender. Xa desde aquel primeiro momento no que se asomou por vez primeira á loggia da praza de San Pedro para se presentar á Igrexa e ao mundo como o recén elixido bispo de Roma. Ou cando quixo chamarse Francisco.
Todo o seu pontificado estivo moi marcado polas sorpresas: as viaxes, os novos cardeais, os dicasterios, as exhortacións, as visitas, as frases… Se cadra por mor do seu amor ao Evanxeo, a boa nova de Xesús. Porque o Evanxeo é sempre boa noticia e as boas noticias sempre sorprenden. Se non nos deixamos sorprender polo Evanxeo, se cadra quere dicir que aínda non o entendemos. Daquela, se o papa Francisco non nos sorprendeu é que ainda non fomos quen de entendelo. Estou pensando no seu amor polos pobres e descartados, precisamente pola súa fe nun Deus que é Misericordia e que é amigo dos pequenos. Por iso o papa Francisco foi un home de corazón grande e de espírito aberto. Como dicía el, no seu corazón sempre estiveron todos, todos, todos.
E que vén agora?
Outra vez hai que sacarlle a feluxe á cheminea da Capela Sixtina. Os cardeais do mundo reúnense para escoller o vindeiro sucesor de Petro. Nesta ocasión o conclave será diferente: máis cardeais ca nunca e de moitas e afastadas procedencias. Francisco deixou pegada no mundo e está claro que a súa sucesión non vai ser doada. A polarización política que vemos no noso mundo afecta tamén á Igrexa, que non é allea a esta realidade. Un dos grandes traballos de quen suceda a Francisco será atallar esta eiva. O Espírito Santo asistirá os cardeais neste camiño. Menos mal…