Falai galego hoi e sempre

Lucía fai unha reflexión sobre a situación da lingua galega no seu dialecto dos Ancares. Lévanos dende o pasado ata o presente da man dalgüis dos nosos poetas e artistas máis ilustres. Un relato que remata pedindo o máis importante, que cuidemos a lingua e que al falemos hoi e sempre.

 

Imaxe da capa: “Dicionario dos Abuelos” no que a autora recompila as verbas que lle aprende a súa familia para salvalas da desaparición.

Cuando iba no instituto a cousa que máis pereza me daba era estudiar os temas de sociolingüística de galego pero ahora que vou medrando, arrepíntome de non ter atendido máis naquelas clases.

Con esta andómena empeza o meu relato deste día tan fermoso. Primeiro quero explicarvos que a publicación vai ir escrita en naviego, ancarés ou como lle queiramos chamar a esta nosa Fala que nos distingue dos demais e nos fai únicos eilí onde vaiamos. Cóntovos esto porque ao largo da mía vida tuven (e teño) que enfrentarme a bastantes comentarios que me dicían que inventaba palabras, que non sabía falar e escribir en galego, que usaba muitos castelanismos ou que o meu acento era mui “bruto”. Esto pásalle a casi todo o mundo porque hai, en xeral,
un descoñecemento do noso idioma e de cada unha das súas variantes; eu sempre digo que a riqueza máis grande do galego son todos os seus dialectos, a gran diferencia que hai da lingua da Costa da Morte á da Baixa Limia ou a dos Ancares.

Pídovos que nunca deixéis que vos afecten ese tipo de comentarios, que faledes o galego que vos ensinaron nas vosas aldeas porque esa é a única forma de que a nosa lingua non morra.

Escutiar e conocer as diferentes formas de falar que hai na Galiza é tamén dar un paseo pola nosa historia. É preguntarse por que eilí se dice dunha forma e eiquí, doutra. É entender que cada territorio ten unhas palabras acordes ás faenas e oficios tradicionais. É porcatarse de que muitas expresiois foron morrendo porque xa non tein unha realidá á que chamar pero, ás veces, entre recuerdos e cuentos volven ser escuitadas.

Esas palabras fórmanse de letras, das Letras Galegas que hoi, 17 de maio de 2022 celebramos. 159 anos despois de que Rosalía de Castro publicase Cantares Gallegos, a obra que nos fixo espertar deses séculos escuros pre empezar o Rexurdimento.

A realidá que ta vivindo a nosa lingua tamén é complicada: perde falantes, a cadea transitoria de pais a fillos ta cada vez máis rota e as políticas lingüísticas non axudan demasiado a revertir a situación.

Con todo, no panorama cultural semella que ta habendo un auxe. Artistas que, cantando en galego, demostran que non hai fronteiras como as Tanxugueiras, Ortiga ou Grande Amore que enchen salas de concertos alá onde vaian. Filmes que, nun galego dialectal, traspasan as pantallas pre contaxiar de amor a aqueles que miran coma “O Que Arde” de Oliver Laxe. Libros que seguen a ser un éxito anos despois de seren publicados coma A Praia dos Afogados de Domingo Villar, ao que desexamos con toda a nosa forza que se recupere. E así, unha larga listaxe. O galego é unha lingua viva que aínda ten moito que andar. Unha fala sobre a que Manuel María escribiu os que, pre min, son dos versos máis bonitos da nosa literatura:

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

É a voz dos avós porque foron eles os que al mantuveron con vida naqueles anos sombríos, é un breve ronsel porque é a pegada que lle imos deixar aos que veñan despois de nós. É o tesouro que nos deron, o que nos toca cuidar pero sobre todo, falar pre que chegue aos nosos netos.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Lonxe do fogar eu sigo o consello deste poeta. Non renuncio ao idioma, sigo soñando, pensando, vivindo e andando o meu camín pero sempre, sempre en galego. Este ano as Letras Galegas homenaxean a Florencio Delgado quen tamén nos deixou fermosas verbas escritas alén da terra:

Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade,
elástica fronteira
que serve para o tempo e para o espacio
-onde un galego está, atópase ela-,
mais que ninguén atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta.

Certo é que Galiza non ten límites porque eilí onde vaiamos sempre imos atopar algún galego que leve consigo un pedacín do noso país.

O 17 de Maio é o día no que todos presumimos a nosa fala pero esto debería ser sempre. O idioma hai que cuidalo tódolos días, hai que falalo, hai que ensinalo nas escolas, hai que promovelo dende as administraciois, hai que divulgalo na cultura e hai que usalo muito, muito máis.

Acabo esta reflexión con Rosalía de Castro. Fai un século e medio a nosa poeta máis internacional escribía algo así coma unha definición de morriña.

Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, levaime a ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta,
que adonde queira que vaia,
cróbeme unha sombra espesa.

Eses airiños, aires que ben me pintaban a min. Ojalá me levasen aos meus Ancares porque sin ela, sin a miña terra, tampouco podo vivir contenta.

Feliz día das Letras Galegas! Falai galego hoi e sempre.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad